Opinión

A saga de Dona Limdú

Cando vou a Recife, capital de Pernambuco, gusto de pasear pola longa avenida da Boa Viagem, a beiramar, e mesmo ao lado hai un espazo vital, para facer irmandade nesta cidade nordestina, que é o Parque de Dona Lindú, con inmóbeis municipais proxectados polo mundialmente recoñecido arquitecto brasileiro, Oscar Niemeyer, creador dun estilo moi interesante que contemplamos nesas curvaturas brancas, tan atraíntes para a meditación nese micro espazo de palmeiras.

Talvez o mais atractivo e sentimental deste conxunto. Onde se asenta o monumento escultórico dedicado a Dona Lindú, na que aparece con seus oito fillos, escuálidos e desnutridos, camiñando para ningures, á procura de compangos de caridade. Esta matriarca leva na cabeza ese fardo que resume a súa riqueza que ten para un día ou para unhas horas. Esta familia é todo unha lenda nutrida de novidosas miserias existenciais.

O verdadeiro nome e Dona Lindú é o de Eurídice Ferreira Mello (Garanhuns, Pernambuco,1915 - São Bernardo do Campo, São Paulo, 1980). Foi unha labradora na terra hostil do Sertão pernambucano e, tamén, terra fertil en criar xente brava para loitar contra os que impoñen miseria. Terra de lendas combativas que están recollidas nesas pléiades literarias dos destacados e universais escritores brasileiros, como João Guimarães Rosa, co seu libro: “Grande Sertão: Veredas”, e outros como Coelho Neto, José Lins do Rego, Ariano Suassuna, Graciliano Ramos, Rachel de Queirós e Jorge Amado, entre tantos outros que penetraron na configuración social dos seus poboadores desta terra seca e áspera.

Dona Lindú casou aos vinte anos con Aristides Inácio da Silva, pais de doce fillos, catro deles morreron na infancia. Ficaron oito que están no bronce dese monumento de Recife, que debido á enorme seca do Sertão, Dona Lindú e a súa prole emigraron á grande periferia de São Paulo. As dificultades fixéronse máis tétricas e deprimentes cando Aristides converteuse en alcólatra e agresor da súa muller e fillos. Estes mudáronse para o centro da cidade paulista. Dona Lindú foi unha heroína da sobrevivencia, pese aos dramas familiares, coidou e cultivo a seus fillos. Estamos falando da mai de Luiz Inácio Lula da Silva, presidente do Brasil.

Lula naceu e desenvolveuse nese escenario de pobreza; nese abastado espazo de contradicións de clase, onde a miseria humilla e aporta alienación e frustración. Nesta situación sempre as cicatrices da alma supuran e avivan a memoria do que un foi en diversas fases da vida. Vida comandada por feridoras lembranzas que un non desexa repetir nen que repitan os da súa clase abatida. Recoñecemos no camarada Lula esa dimensional entrega polos que como el transitan por terra seca e queimada, con demasiados e pesados sertanexos sobre as súas costas. Ou os operarios explotados das grandes fabricas, como Lula da Silva foi naqueles tempos de ditadura.

El estaba nunha fábrica metalúrxica, coa cabeza erguida no bastión da acción directa. Sempre foron os metalúrxicos o frontal directo en negarse a baixar a cerviz e tolerar humillacións, abrindo canles de liberación popular. Seino ben, por meus  quince anos de experiencia como traballador dunha das grande factorías de Cataluña, onde traballamos trinta e dos mil operarios (en tres quendas), todo un mundo que non deixou pasar o ferro para alisar o noso corpo e a nosa conciencia.

Lula pertence a esa dinastía de xente humilde de “facer camiño ao andar”, por cantís e pedregais. Cofundador do Partido dos Traballadores que por terceira vez toma o poder no Brasil tendo a Lula da Silva como presidente da República. Unha persoa que coñece a miseria e nela recoñécese.

Observei a toma de pose de Lula, o escenario mais vivo e emotivo foi na rampla do pazo de goberno do Planalto, cando representantes do pobo que andan pola vida “lixeiros de equipaxe”, colocaron a faixa presidencial. Luiz Inácio Lula da Silva chorou. A moitos gustaríamos saber o que estaba pasando pola súa cabeza. Talvez a súa vida de miseria e a de tantos millóns de brasileiros que a compartiron; as súas loitas, persecucións e cárceres.

Ollar a un pobo enteiro aclamando a seu presidente como un mesías redentoral. Isto é o que esperan as camadas populares. Moitas cousas teñen que cambiar no Brasil, despois dos estragos cometidos por un perturbado Bolsonaro. Nestas circunstancias o novo presidente (por terceira vez), non terá todos os ventos a seu favor, máis conseguirá tempos apracíbeis.