Opinión

A primavera do cuco

Chegou o cuco cos primordios da súa primavera, co seu cántico onomatopeico, voando de souto en chousa e pola cimeira dos piñeirais, con esa voz plena e de ímpetos existenciais, cercando a súa cuqueira desde onde saen eses ecos secos proclamando o equinoccio que nos trae o verdor aos prados, esplendor ás flores e arrechouchío aos paxaros. Un cántico xeneral e naturalista que impón tantos significados nesta apertura onde todo inza e xermola. Abril, testemuña da diversidade en flor e dos ámbitos reprodutivos e manifestados neste mes. Nestas pletóricas dimensións o cuco crea euforia e sentimento en quen o escoita con agarimo neses campos abertos e agromados e nas amplas instancias da nosa labregancia, con fervor á tradición de mitificar e sacralizar a presenza do cuco emigrante. Foi así como os nosos labregos sustentaron esa devoción tan dilatada en apegos e dicires que forneceron o costumeiro popular galego, ideado e perdurábel cancioneiro sobre definicións e comportamentos do cuco.

Do pulido e fermoso cuco, ten o lado amábel de ser portador de ledicias en primavera e de froitos no verao

Os mitos sobre o cuco son moi potentes no medio rural galego, acadan no noso imaxinario constatadas achegas e relatorios sobre o rebuldeiro Cuculus canores, que tantas suxerencias conformou nese itinerario de lendas e refráns nada preguizosos en achegas e  correspondencias sobre esta ave que agacha súa fermosa plumaxe, con ese recio manto de cores: branco, cincento e liñas transversais pardas no peito e nas pernas. Había un dicir das fiandeiras, con roca e fuso fiando e gardando o gando, na apertura da estación primaveral, que fiaban a xeito para tecer uns carpíns para regalarlle ao cuco, como agasallo de traer consigo a primavera e o tempo florido e xerminal. Galiza ten un fecundo e intenso glosario de lendas tradicionais, un tanto oportunas que describen curiosos comportamentos do cuco. Abonda un que corre polas terras de Camba e de Chantada, que me aportou María Carme Moure, sobre un labrego que non tiña a ninguén que o axudara a facer a malla, e chamou ao cuco que non desoíu o rogo do necesitado de xente. O cuco acudiu ás súas sabias argucias e respondeulle: "Déixame pensar: se fai sol teño que poñerme á sombra, se está nubrado teño que cucar e se chove vouche á malla".

Do pulido e fermoso cuco, ten o lado amábel de ser portador de ledicias en primavera e de froitos no verao. No pensar da xente ben o dito en positivo, da persoa ou cousa excelente, din que é moi cuca ou cuquiña. Cando se trata de cualificar a unha persoa astuta e teimada polo seu proveito individualista, sae a admiración: é un cuco nefando! Esta malevolencia ben de que o cuco pon o ovo en niño alleo. Nestas sentencias hai numerosas marabillas lendarias orais e literarias, como as cantigas de berce e non só, como a seguinte: "O cuco e a cuca / na súa cuqueira, / cucan cucando / pola primavera. / O cuco no piñeiro / toca o tambor, / a cuca no loureiro / canta con primor, / Os cuquiños danzan / nas follas do amor"·

O cuco trae a fartura, o refrán non engana: "Cando canta o cuco sae o grao do suco". Lúcidos e certeiros refráns tecidos na opulencia dos saberes populares, fonte da constatación contrastada e verificada, gardando na contención os valores do herdo e da tradición estas transcendencias.  O mito en súas proxeccións poliédricas ao redor do cuco, converten a esta ave invicta e acaparadora de lendas, cantigas, proverbios e presaxios. Este último o practica servidor, no seguinte alegato: se canta o cuco e un está sen tomar o xaxún, un vai ter ano malo. Fai poucos días que o cuco cantou, mais eu xa tiña tomado o xaxún. Así que o meu cisma, brincadeira e inxenuidade, todo o que se queira, fiquei contento de que vou ter un excelente ano bo. Créome o credo da miña incredulidade.