Opinión

A lexíbel persistencia

Como ateo convencido e practicante, persoalmente síntome aludido e beneficiado polas referencias que Jorge Mario Bergoglio, o papa Francisco, manifestou dunha maneira explícita o respecto e certa concorrencia coa actuación solidaria e humanista dos ateos. Isto xa é meritorio vindo dun papa, que intenta deixar atrás as verborreas e condenas contra os ateos, por aqueles papas Gregorios, Leóns, Píos e polos mais actuais, Wojtyla e Ratzinguer. Mais hai algo lexíbel e persistente na biografía de Bergoglio que o honran. Antes de ter a vocación de ser crego, era licenciado en ciencias pola Universidade de Buenos Aires, como enxeñeiro químico, unha disciplina que debeu abrirlle preguntas fascinantes a un crente como el, e que para un ateo teñen moitas respostas sen inhibición. Coido que moitos destes cregos de vocación tardía foron os mais sensatos e os mais próximos ao diálogo coas persoas e relacionarse co pensamento libre e ateísta e non os que foron forxados na ditadura dos seminarios tridentinos e nas temperanzas represivas deses cuarteis eclesiásticos. Os perfís, en ámbolos casos, son ben diferentes en seus comportamentos e matices. Este é o caso de Jorge Mario Bergoglio que ademais entrou nunha Compañía de ferro como era a dos xesuítas. A máis de ser químico foi profesor de literatura e psicoloxía, moi próximo á Teología de Liberación e concordante con certas teses do movemento peronista. Xa nas súas funcións de papa animou a loita dos indignados e avalou as protestas xuvenís e dos traballadores contra a explotación e a corrupción capitalista.

O querigma de boa nova, que se anunciaba na soberbia fachada renacentista de S. Pedro do Vaticano, do arquitecto Carlo Maderno, aparecía entre esas impoñentes columnas o cardeal arcebispo de Buenos Aires, elixido papa co nome de Francisco, sen o habitual número romano que seguía ao nome que escollían os papas e os identificaba coa dinastía arrogante e separadora que usou o papado, en seu estilo medievalista. Vista a súa primeira pose, xa anunciaba humildade persoal e certa distancia coa tradicional e pesada xeopolítica vaticana; cunha linguaxe innovadora e cuns xestos de aproximación e diálogo que para os seus mais inmediatos predecesores foi anatema. Renunciou ao papamóbel do endeusado e altivo Wojtila e ao pernicioso doutrinario e inquisidor Ratzinguer. Defende aos pobre e desprotexidos, desde unha visión evanxélica, non podía ser doutra maneira; inquire e amoesta aos cardeais dunha maneira drástica; cambiou os zapatos vermellos e bordados medievais dos papas por botas campeiras; leva el mesmo a súa carteira prescindindo do subordinado carrexador; a súa única encíclica: “Laudato si”, presentada o 24 de maio de 2015, zafouse de ser un texto doutrinario e de catecismo e si unha encíclica ecolóxica e científica, adaptada ás preocupacións actuais. Nesta innovada dirección tamén rompe con tódolos seus predecesores, tan debruzados no destaque imperativo dunha teoloxía fundamentalista. León XIII foi o mais prolífero de todos, publicou 86 encíclicas, Pío XII 41, Pío XI 30, así sucesivamente. Cada papa marcaba o seu reinado con encíclicas doutrinarias de amoestación, de exclusión e condena contra aqueles movementos discordantes coa Igrexa, como o marxismo, o liberalismo e a democracia; en contra os movementos sociais que atacaban os comportamentos de opresión capitalista nas fabricas téxtiles, etc. “Laudato si” é a súa única encíclica e, mesmo, a única deste xénero científico e reivindicativo da Igrexa. Neste sentido, nótase o compromiso franciscano coa natureza e, ademais, é unha testemuña reiterada do enxeñeiro químico, especialidade académica de Francisco, que logrou coa colaboración de científicos e espertos ecoloxistas para mostrar ao mundo o cambio climático existente e da ameaza dun ecocidio global. A pandemia, que nos desborda e intimida, é consecuencia do impacto de tantas agresións consentidas que provoca estas catástrofes planetarias.

No mes de febreiro de 2017, nunha prédica de misa, dixo Francisco: “Debemos encontrarnos uns [católicos] e os outros [ateos] facendo o ben, aí debemos estar todos”. Un elocuente alegato de cambio de actitude con respecto as antigas miserias e comportamentos que tiña a Igrexa cos chamados incrédulos, pecadores e impíos que negaban e continuamos negando a existencia de deus. Mesmo aos que confrontaban dialecticamente a ciencia fronte a teoloxía, como foi ocaso de Galileo Galilei, ao límite de ser queimado polas hordas inquisitoriais do papa Urbano VIII. Francisco, nesa homilía, arremeteu contra “os crentes que fan negocios sucios e explotan aos humildes e aos simples”. Expoñendo que os ateos dan mellor testemuño de exemplaridade social que moitos chamados cristiáns. En certa ocasión o intelectual e ateo italiano, Eugenio Scalfari, preguntoulle a Bergoglio nunha carta publicada no xornal, “La República” de Roma: “O Deus dos cristiáns perdoa aos que non cren e non procuran a fe?” Bergoglio respondeulle positivamente e manifestoulle o desexo de superar obstáculos para un diálogo con todos os que procuran a verdade, a paz e o amor.

O pasado domingo presteille atención a ese diálogo televisivo entre Francisco e o xornalista Jordi Évole, dunha maneira informal e non revestido daquela casuística que tanto gustaban de usar os seus predecesores, como símbolo de poder e rendición de vasalaxe. Parece que o actual xefe da Igrexa católica pisa terra con súas botas campeiras e preocúpase do polo máis acá. Preguntado sobre o coronavirus, apelou rotundamente a solidariedade e a cooperación de todos. Sorprendéronme estas palabras: “Os santos son os das portas do lado [os cooperadores] moitos non son crentes, mais no testemuño son capaces de xogarse a vida”. Engadindo: “A linguaxe dos grandes xestos é superior a das palabras”. Évole, dunha maneira directa e ante estas catástrofes preguntoulle se tiña dúbidas da existencia de Deus ante tanta evidencia destrutiva, Bergoglio confirmou que si, máis a debilidade humana sempre ten estes desconcertos, sinalando: “Deus perdoa sempre, as persoas algunhas veces e a natureza non perdoa a quen a maltrata”. Outra vez a mensaxe ecolóxica e científica do enxeñeiro químico e autor da encíclica: “Laudato si”.

Fíxome pensar isto “da porta do lado”, que moitas veces eses veciños as teñen pechadas ao esforzo solidario, substituíndo os grandes xestos por palabras sen eco e tantas veces acusadoras do próximo. As portas das casas reitorais, dos pazos episcopais e catedrais, onde seus mitrados fican silenciosos e pouco ou nada din, por moito que se esforce o papa Francisco. Para moitos deles non deixa de ser unha voz no deserto e que non precisa de emoción. Para humanistas, ateos, agnósticos e marxinados non pasa desapercibida no que toca á solidariedade e compromiso que atinxe á humanidade. A “porta do lado” é a que precisa estar aberta nestas fatais emerxencias. Nestas circunstancias, non cesan as ofertas de grandes espazos como auditorios, hoteis, campos de futbol, delegacións de goberno e un longo etc., para albergar a persoas e a diversos equipamentos sanitarios. Ningunha oferta, até agora, por parte da Igrexa. Non se ouviron, nesta grave ocasión, aos vociferantes bispos ultra conservadores como Cañizares, Munilla, Sanz e Asenjo e un longo etc. Ficaron en silencio -algo que moitos agradecemos-. Ante esta pandemia, o integrismo xerárquico, burocrático e acusador non nos perturba de momento, mais tampouco move ficha solidaria. Nestes afaires notamos a faltar as infalíbeis bafaradas do lefebvreniano bispo de Alcalá, Reig Pla. Algo estará tramando para sinalarnos como culpábeis e axentes vehiculares deste virus, por causa do noso pecado e pedirlle ao seu rabaño que se arrepinta das súas maldades que traen estes desasosegos, por desobedecer ao “Señor dos Exércitos de Israel”. Os monseñores galegos en pleno silencio e apartados das incertezas do “mundanal barullo”. É evidente, tampouco se pregunta por eles. Como se estivesen invernando na Siberia. En fin. Como dixo o poeta François Villon: “Laissons le moutier où il est; / Parlons de chose plus plaisante” (Deixemos á igrexa no seu lugar, / Falemos de algo máis agradábel”.

Comentarios