Opinión

A campaña electoral

No Sir John Soane’s Museum de Londres, hai un suculento cadro do pintor inglés do século XVIII, William Hogarth, titulado: “A campaña electoral”, representando un pomposo e barroco banquete, cunha gulosa e suculenta comida e bebida, no que participan dúas clases sociais, nesa ocasión mesturadas: a riqueza e a mendicidade, onde non falta o Epulón burgués dixerindo excesivos alimentos indixestos e etílicas bebedeiras, asistido por un médico que lle fai unha sangría no brazo, despois dun empacho de vieiras que fican dispersas pola mesa. No chan, sitial dos cans que procuran ósos e migallas, está a plebe degustando de apetecidos comes e bebes. Unha campaña lectoral pantagruélica, na que os desasistidos dunha vida social normalizada teñen o seu día de gloria, así bufonean e fan brincadeira coas cabeleiras postizas que a moda barroca esixía ao señorío de casta e marca. Todo se consentía nesas orxías epulónicas e báquicas por acadar votos.  

Naqueles períodos de campaña electoral, os poderosos rebaixaban a súa sublimidade e finxían ser aduladores dos menosprezados. Permitíndolles aos esmoleiros todo tipo de luxuria e actos burlescos aos burgueses. Como é o caso dunha vella bébeda e graxenta que amolega a un nobre cabaleiro que soporta intratábeis carantoñas, mentres os compradores de votos amenizan a festa con gaitas, violíns e contrabaixos. Un deses esmoleiros ondea unha bandeira co lema: “Liberty and Loyality” (liberdade e lealdade). A liberdade era un dos activos burgueses a reivindicar ante a corte inglesa de George II, en descomposición fronte a burguesía e certos estamentos da nobreza que, neste cadro de Hogarth explícase a correlación de forzas e a procura de apoios nesa campaña electoral ao parlamento inglés de 1755.

O valor comparativo entre esta información cromática que nos aporta este pintor, con relación a como se rexen as actuais campañas electorais no noso país. Neste sentido, pode que teña extensiva visibilidade verbal certo político que propagou e codificou o seguinte slogan que practican seus herdeiros políticos: “En Galicia gano las elecciones con pulpo y empanada”. Quere dicir que o Sr. Fraga, no seu tempo de embaixador no Reino Unido tomou boa nota das variadas sutilezas e amaños electorais, servíndose da utilidade destes persoeiros tan servís, en momentos exclusivos, como os que aparecen no cadro: “A campaña electoral”.

Sírvanos esta pedagoxía crítica electoral da plástica de William Hogarth, para verificar como funcionan no noso país as estruturas electorais, neses xuntoiros preelectorais, con engaioladas festiñas, chamadas de irmandade a xubilosos anciáns. Un sistema apto para implicar a un xuntoiro fráxil e de conmovidas emocións,  lanzándolles o anzol no polbo, empanada e carne ao caldeiro como “homenaxe”... Unha vianda ben dotada para camiñantes que van “lixeiros de equipaxe”. O fachendoso banquete pictórico de “A campaña electoral”, de suculenta pepitoria, vemos como os manipulados plebeos, aínda que non tiñan dereito a voto, facían outras funcións propagandistas e ofertas de compra do sufraxio en favor da burguesía que os explotaba.

Na nosa entorna rural, a oferta e máis sinxela, pero empírica no que sintetiza a marca obxectiva dunha experiencia minifundista dos captadores do voto, que teñen unha organización nada feble e gradual, clasificada en tres grados xerárquicos: caciques, subcaciques e lumpecaciques. Son os que fornecen o voto, pagado cuns quilos de cemento e area para tapar pozancas, e dar palmadiñas no ombreiro dos máis agraviados da vida política e social. Así a permanecer e durar nos poderes locais facendo deles mercadoría persoal. Esquecendo os problemas vitais e colectivos da cidadanía, acumulándoos para ser arranxados minimamente en vésperas das eleccións. Isto só acontece nunha sociedade non normalizada e colonizada, indiferente a este tipo de indignas manipulacións, como aínda acontece no noso medio rural, incapaz de construír tentativas para frear estes desvaríos, como no cadro de William Hogarth, onde vemos nunha fiestra unha manifestación, na parte exterior, batendo en testos e latas, e tirándolles pedras aos que mercan votos a cambio dunha comedela e duns pingües peniques.

Comentarios