Opinión

2015, un ano de graza?

Unha asomada pola fiestra da esperanza cidadán fai presaxiar unha luz onde predomina a tebra política; o gran peso das sombras dun sistema incorrixíbel e con tantas  fórmulas de opresión sistematicamente visíbeis.

Unha asomada pola fiestra da esperanza cidadán fai presaxiar unha luz onde predomina a tebra política; o gran peso das sombras dun sistema incorrixíbel e con tantas  fórmulas de opresión sistematicamente visíbeis. Un réxime feito á medida dos poderosos que eles mesmos chaman democrático, cando utilizan tódolos aparellos antidemocráticos para extorsionar e devorar á cidadanía mais indefensa. 

"O poder político gobernou, durante esta longa etapa posfranquista, en favor e beneficio do sistema omnímodo dos grandes monopolios financeiros e bancarios, transixindo a toda clase de especuladores que tantas veces lle transmitiron ordes a quen estaba no poder".

Os que “gobernaron” o Estado español desde 1978 até ca  fixéronnos crer nunha constitución á que eles nunca deron creto, deixando sen aplicar aqueles temas mais sensíbeis á cidadanía, de que todos temos dereito a unha vivenda ou que somos iguais ante a lei, entre outras incongruencias. Unha constitución que serviu para eliminar un benestar conquistado polas clases traballadoras. O lastre inconcibíbel de desigualdade que amosaron as políticas do bipartidismo encarnado no PPSOE e apoiado, cando estes non tiñan maioría absoluta, polos nacionalistas de dereita, CiU e PNV. Esta é unha realidade que non soamente cansa senón que asfixia. Se a cidadanía tiña temores desta desfeita agora vén a constatar o seu divorcio cos que amosaron o poder durante trinta e seis anos.

O poder político gobernou, durante esta longa etapa posfranquista, en favor e beneficio do sistema omnímodo dos grandes monopolios financeiros e bancarios, transixindo a toda clase de especuladores que tantas veces lle transmitiron ordes a quen estaba no poder. Os amaños do bipartidismo e de seus secuaces crearon unha cultura aferrada ao sistema; unha cultura política consentida e tolerada por aqueles partidos políticos que non tiñan cota de poder. Pero tiñan –continúan tendo- un amplo marxe de realizar unha política diferente e romper coa cultura do sistema. Deixáronse de priorizar temas esenciais e existenciais que requiren atención, esclarecemento e denuncia. O sistema non enguliu a estes grupos de esquerda ou nacionalistas, pero si lles acuñou certos comportamentos que se manifestan en diatribas verbais e comportamentos estéticos que son patrimonio da dereita mais aceda e intolerante. 

Cando se asume este tipo de cultura, por estupidez ou dunha maneira inconsciente, sen a premisa de facer unha autocrítica das nosas actuacións, estamos incorrendo en inmobilismos, desafinando a nosa tocata e deixando de ver o día a día con pragmatismo. Cando isto sucede aparecen tódolos medos que se aplacan con retóricas xactancias de superioridade para confundir ao que pensa como nós aínda con diferentes matices, clasificándoos como inimigo perpetuo.

"O nacionalismo galego aínda ten moito que facer, que dicir e que denunciar sobre a desfeita mais oprobiosa pola que está pasando Galiza. É urxente despoxarnos de egos e narcisismos, de anticuados pesos que nos inmobilizan de volver ao rego e ao trollo do cotián e da coherencia".

O nacionalismo galego aínda ten moito que facer, que dicir e que denunciar sobre a desfeita mais oprobiosa pola que está pasando Galiza. É urxente despoxarnos de egos e narcisismos, de anticuados pesos que nos inmobilizan de volver ao rego e ao trollo do cotián e da coherencia. Hai que renunciar ao parapeto da exclusividade e do parasitismo. Mentres os vetustos comportamentos non se extirpen estaremos excluídos de ver a realidade dos que se moven e sofren ao noso redor. Levamos anos recluídos nos nosos medos e conspirando contra pantasmas.

Estamos nun ano de graza electoral, un 2015 de oportunidades que debe aportar cambios cualitativos. Isto é o predicíbel e o desexábel, por parte dunha cidadanía que coincide coa parábola: “Ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o viño e estragaríanse os pelellos”. A experiencia como metáfora, sobre o esmorecer do réxime bipartidista. Hai esperanza e ímpeto de cambio neste ano electoral. De darlle caducidade ao vello pelello das incontinencias e dar paso a emerxentes ideas. O sistema vese cercado e case todas as representacións políticas practican a linguaxe do medo. Van todos ao unísono sen decatarse que isto non é Fuenteobejuna. É outra clase de teatro, con moi diversos escenarios e persoeiros. Todos temen a ese  “fantasma que percorre Europa”. E moitos dos que propagan ese medo utilizan a mesma mensaxe que o bipartidismo, sendo vítimas do mesmo. Mais neste espanto, ante este ano electoral, ningún partido que se mantén no sistema ou o acepta indirectamente, non é inocente. O electorado pasará  factura, a uns por excesivas aventuras de desgoberno e a outros por non renovarse a tempo. 

Neste sentido, comparto o título do artigo do amigo López Foxo, publicado onte neste xornal: “A cuestión non é a ver que vai facer Podemos, senón ver o que podemos facer nós”. As marxes existen, o problema é se sabe chegar a elas en tempo límite.

Comentarios