xoves 25/02/21

O Sáhara occidental, solidariedade e hipocrisía

O pasado día 14 de novembro, o presidente da República Árabe Saharaui Democrática, Bahim Ghali, tamén secretario xeral do Frente Polisario (Frente Popular de Liberación de Saguia el Hamra e Río de Oro, os dous territorios que forman o Sáhara occidental), anunciaba a ruptura do alto o fogo pactado nos acordos de 1991, logo da incursión do exército e a xendarmería de Marrocos no seu territorio da zona de Guerguerat, para reprimir as lexítimas protestas de poboación saharaui. Un capítulo máis na historia de resistencia deste pobo, abandonado á súa sorte polo “prófugo rei demérito” de España, a potencia administradora, logo da descolonización, esquecido polos seus sucesivos gobernos (tamén do goberno “progre” actual), soportando a ocupación marroquí das tres cuartas partes do seu territorio, a construción dun muro de máis de 2.700 km, a constante violación dos seus dereitos, a represión, as desaparicións forzadas, mutilacións polas minas chantadas no seu territorio, presas e presos políticos torturados na cadea, os seus recursos naturais esquilmados por Marrocos e as empresas europeas, a impotencia de contemplar como, nin as sentenzas ditadas polos tribunais europeos, nin os acordos Internacionais traen consecuencia ningunha para quen as incumpre… e todo isto baixo a presenza pasiva da Minurso, en conivencia co estado opresor, no canto de poñer en marcha o Referéndum de Autodeterminación que lle fora encomendado pola ONU.

Son moitos os intereses estratéxicos do apoio a Marrocos por parte das potencias occidentais, sobre todo de Francia e da monarquía española, que o usou como moeda de troco para asentarse no réxime do 78. Tamén das monarquías do Golfo Pérsico e, por suposto, do Estado de Israel. Unha escalada bélica na zona podería ter graves consecuencias. O exército saharaui, de limitados recursos, tería que facer fronte a un poderoso e modernizado exército marroquí, que mercou material bélico a estados europeos (España tamén), drons a Israel e máis de 12 millóns de dólares en armamento, só na era Trump, aos EEUU, que asentaron a súa posición e control na zona e unha base militar, intimidando, de paso, ao veciño Arxel. 

Cómpre subliñar o labor que vén desenvolvendo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui 

O Sáhara occidental ten a mesma desgraza doutros pobos vítimas do imperialismo: posúe un interese xeoestratéxico e recursos naturais moi prezados para a súa explotación. Mentres, a súa xente vive baixo a ocupación ou nos campos de refuxiados de Tinduf, en condicións de extrema pobreza e dependendo das axudas e a solidariedade. 

Solidariedade que chega de Cuba, que aporta persoal sanitario e docente, de institucións locais e asociacións doutros países e, por suposto, da Galiza, onde cómpre subliñar o labor que vén desenvolvendo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). 

Mais, o problema do Sáhara occidental non é só un problema humanitario a resolver pola vía da caridade. Este conflito só pode ter unha solución política, que pase por respectar o seu dereito de autodeterminación, e aplicar os acordos acadados.

Xa cansa tanta hipocrisía de representantes institucionais e políticos, con declaracións, discursos ou chíos nas redes sociais, e ata intervencións moi grandilocuentes en foros como o Eucoco (Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharaui), de cargos do PP e do PSOE, que nunca tiveron interese en resolver o problema cando lles tocou gobernar. E farta tamén vir escoitando a representantes da nova-vella política española con discursos solidarios, convertidos agora en chíos de resolucións da ONU e no máis absoluto silencio desde a posición de goberno. Ao final, fica ben claro: as organizacións políticas, sindicais e sociais que manteñen, sen fisuras, o compromiso co pobo saharaui, acaban sendo as que de verdade cren nese dereito de autodeterminación que tamén reclaman para os seus pobos, algo que a esquerda española, que se apresentaba como rupturista, non acaba de encaixar no seu concepto de democracia, nun Estado monárquico, posfranquista e centralista, limitándose ao puro postureo mediático. 

comentarios