Opinión

Sáhara Occidental: outro país esquecido, outra guerra ignorada

O Foro Sindical Internacional de Solidariedade co Pobo Saharauí culminou coa creación da Rede Sindical Internacional

O pasado mes de outubro, a UGTSario [Unión Xeral de Traballadores de Saguia el Hamra e Río de Oro] convocou un Foro Sindical Internacional de Solidariedade co Pobo Saharauí nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf. A CIG prestou o seu apoio á organización e asistiu ao evento, xunto con outras organizacións de 18 países.

Debatemos sobre as condicións das e dos traballadores, nunha situación económica deteriorada, da situación das mulleres saharauís baixo ocupación, sobre identidade e soberanía, das formas de fortalecer a solidariedade internacional e afondar na cooperación bilateral entre sindicatos e a súa sensibilización sobre os retos rexionais e internacionais que enfrontan. O foro culminou coa creación da Rede Sindical Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí.

O obxectivo é constituír unha plataforma internacional de organizacións sindicais de todo o mundo, con independencia da súa orientación ideolóxico-sindical ou afiliación internacional, de carácter plural e inclusiva, para coordinar o traballo de solidariedade e apoio á causa do Pobo Saharauí en todos os ámbitos. Nos vindeiros días, terá lugar unha reunión para confirmar as organizacións que se suman á plataforma (e facer un chamamento para que máis sindicatos se sumen), debater as achegas de estrutura organizativa, e o programa de accións a desenvolver: campaña de comunicación, dereitos adquiridos de traballadores e traballadoras durante o período colonial, presións diante dos gobernos e institucións implicadas, denuncia do espolio ilegal de recursos, visita aos territorios ocupados, celebración dun 1º de maio internacional nos campamentos, etc.

A primeiros de decembro, decorreu en Berlín a 46ª edición da Eucoco (Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí), na que, curiosamente, non se incluíu no programa un obradoiro sindical, como se facía en edicións anteriores. Os sindicatos alí presentes trasladamos á organización unha declaración conxunta, reclamando un espazo propio que complemente os ámbitos institucional e de entidades solidarias alí presentes. 

A conxuntura mundial actual, pospandémica e cun clima bélico globalizado pola guerra de Ucraína, está a causar graves consecuencias para as clases populares, para as relacións internacionais e para as rexións en conflito colonial, como é este caso. O xeocentrismo supremacista de occidente pon a atención na guerra ás portas de Europa, pero silencia outros conflitos dos que ten gran parte de culpa e responsabilidade.

A discriminación e manipulación informativa chega a niveis escandalosos. Conexións diarias con Ucraína, moi pouco sobre os constantes asasinatos de cidadáns palestinos por parte de Israel e nada da guerra que o Sáhara Occidental mantén contra Marrocos, o estado ocupante do seu territorio. Porque, a violación do alto o fogo, por parte de Marrocos, o pasado 13 de novembro de 2020, abriu un novo enfrontamento bélico que ameaza non só o pobo saharauí, senón a estabilidade na rexión.

Un perigoso plano, iniciado pola aposta do goberno de Trump, e seguido pola decisión do goberno de España, anunciada por Pedro Sánchez, de apoiar o proxecto marroquí de autonomía para este territorio en contra dos acordos de Nacións Unidas, que contemplaban a celebración dun referendo de autodeterminación.

Unha decisión condicionada pola estratexia da OTAN e os intereses dos EEUU na rexión. No 1975 foi a monarquía española a moeda de cambio negociada con Kissinger. Hoxe, a razón está no control do norte de África, onde non interesa sumar Alxeria, unha RASD independente que se saia do seu control.

E todo isto cunha variante moi importante: a intervención directa de Israel na rexión, co apoio das monarquías árabes. Marrocos e Israel, dous axentes autorizados para levar a cabo na rexión os seus obxectivos expansionistas que, mentres espolian os recursos alleos, tanto do Sáhara, como de Palestina, cumpren un papel útil para as potencias occidentais interesadas. 

Comentarios