Opinión

Rexurdimento sindical nos EUA. Os casos de Amazon e Starbucks

Nos EUA non existe a negociación colectiva sectorial e os dereitos laborais deben ser negociados dentro da propia empresa.

Coméntanse, especialmente no ámbito sindical, os casos de Amazon, Starbucks (como máis chamativos) e outras empresas importantes dos EE.UU., como Trader Joe´s, REI, Target, Apple, Tawson, etc. A pesar do seu grande poder, e de estar en mans de xente como Jeff Bezos, un dos homes máis ricos do mundo, os traballadores e traballadoras están sendo quen de plantarlles cara e crear sindicatos nos seus centros de traballo, aínda con todas as prácticas antisindicais que, coa impunidade que a lexislación laboral lles permite (pola Lei Taft-Hartley), veñen exercendo para impedilo. Un exemplo; Amazon gastou 4,3 millóns de dólares en consultorias antisindicais, só no 2021. Campañas, presións, represalias, agresións e despedimentos dos/as principais líderes ou activistas, como Austin Locke, empregado de Starbucks dende hai seis anos.

Nos EE.UU. non existe a negociación colectiva sectorial, e os dereitos laborais deben ser negociados dentro da propria empresa ou, en moitos casos, só para determinados gremios. É por isto que a creación de sindicatos nos centros de traballo vólvese fundamental (907 eleccións en empresas privadas no 2021), e marca o tipo de estruturas sindicais que prevalecen neste país: moitos sindicatos independentes e gremiais, e outros que contan co apoio de estruturas máis amplas, territorial e numericamente. Entre os primeiros destaca o caso de Amazon Labor Union (ALU), que gañou as eleccións en Staten Island, ou Amazon Union (AU). Entre os segundos están sindicatos como Bessenger Amazon, asociado a RWDSU (Retail, Wholesale and Department Store Union), ou Cause que ten as súas raíces na tradición da Igrexa Bautista Negra, e ligazón cos movementos políticos revolucionarios negros, como o Partido Pantera Negra. É aquí, precisamente, onde radica unha das causas desta autoorganización da clase traballadora en Norteamérica. O país que, a comezos do século pasado, presenciou grandes revoltas polos dereitos laborais, como as que deron lugar aos acontecementos de Chicago do 1º de maio, ou o axustizamento de Sacco e Vanzetti, xa non conta coa influencia que daquelas exercía o movemento anarquista, ou partidos como o Partido Comunista. Agora, a influencia é dos movementos máis achegados á xente nova e aos colectivos directamente afectados, maioritariamente de raza negra, ou orixe latina, e mulleres: o feminismo, o Black Lives Matter, o cambio climático, os dereitos LGBTQ, ou as protestas contra a venda legal de armas. A iniciativa parte, na maioría dos casos, dos proprios traballadores e traballadoras, á marxe deses representantes que levan anos exercendo un sindicalismo de empresa, ou amarelo, e cómplices da corrupción.

Outros factores que influíron son: a pandemia, e o nulo recoñecemento das empresas que se lucraron coa mesma aos sacrificios de todo ese persoal que desenvolveu traballos considerados “esenciais” (a pandemia destacou especialmente a natureza racial do capitalismo, cun sufrimento desproporcionadamente máis experimentado polas comunidades negras e latinas de baixos salarios); a influencia doutras loitas laborais e folgas, como as da minería, as de Kellogg's, do persoal sanitario (no hospital Saint Vicent de Worcester levouse a cabo a folga máis longa da historia de Massachussets, e están documentadas 346 folgas en 2021); e, tamén, o fenómeno denominado como “A Grande Renuncia”, xa que case catro millóns de traballadores/as (2,7% do total) renunciaron ao seu posto de traballo no pasado ano, ben por un proceso de reacomodamento, fartos de traballar en malas condicións, ben para engrosar as listas do paro, que está agora no 5,8%.

O nivel de afiliación sindical segue a ser moi baixo nos EE.UU., pois pasou do 30% nos anos 60 ao 10% actual. Mais, estes últimos acontecementos, e o medre do nivel de aceptación cidadá dos sindicatos (do 48% no 2009 ao 68% no 2021), fan albergar algunha esperanza. Iso si, moi escasa, debido ao deficiente marco legal, e á paralización da Lei ProAct no Senado. 

Comentarios