Opinión

Plans de pensións, dan menos do que aparentan

Cun salario bruto de 70.000 euros ao ano non é mala idea facer un plan de pensións e achegar a contía anual máxima posíbel xa que se aforraría nela un 45% de IRPF. Se a xubilación agardada estivese en torno aos 38.000 euros ao ano brutos, sería un investimento intelixente poñendo o rescate periódico dentro do tramo do IRPF gravado co tipo do 37%. Co aforro impositivo (45-37) e os intereses xerados, ademais da protección, sería un produto vantaxoso. Ora ben, cun salario bruto de 20.000 euros ao ano e unha pensión agardada dese mesmo importe ou algo menos, o desgravado en activo no IRPF pagarase ao cobrar o plan, ou aínda máis se o rescate non se fai axeitadamente.

Un dos maiores atractivos dos plans de pensións é o tratamento fiscal pero, para que resulte, o tramo de cotización alto en activo ten que ser superior ao de xubilado ou gozar de exencións, polo que non sempre resulta proveitoso e moitos pensionistas levan un bo chasco cando ven que, ao sumar ao importe da pensión as cantidades que rescatan do plan, sofren unha grande suba na tributación da Renda.

Ocorre así porque as contías dos plans de pensións teñen o tratamento de rendas do traballo, igual que o salario en activo ou que a pensión no retiro e, tanto nun caso como noutro, cotízase por elas nos tramos que corresponda. En consecuencia, manténdose en tramos similares, o aforrado en activo remata cotizándose despois.

Os réditos xerados dependen da casuísta de cada plan, mais nos últimos anos, os intereses foron moi discretos ou inexistentes e ata con perdas, se non estaban garantidos. Por riba, no momento do rescate, os xuros obtidos non tributan como rendementos de capital se non de traballo, a un tipo xeralmente maior. 

Os plans teñen a pexa de que non son rescatábeis ata ser pensionista de xubilación ou de invalidez, agás en circunstancias moi estritas. Ademais, en caso de falecer a persoa titular, tampouco os herdeiros poden recibilos como herdanza suxeita ao imposto de sucesións. Recíbeno, nos termos do contracto e da lei, pero en forma de rendas de traballo suxeitas ao IRPF co que, o herdeiro, tributarao na Declaración da Renda en función dos seus ingresos.

Como complemento da pensión, os plans xa foron máis rendíbeis e non sempre son vantaxosos. Por iso, antes de subscribilos, convén sentar e botar contas tendo á vista os ingresos en activo e os agardados no retiro.

A clave esencial para o pensionista ordinario está na pensión pública, a obter das bases cotizadas ao longo da vida. Asegurala nas mellores condicións e loitar para que o poder adquisitivo dela se manteña é a mellor garantía para enfrontar as economías da vellez. 

Comentarios