Opinión

O negocio da vellez

Afirmaba a estimada doutora Pilar Allegue días atrás nestas páxinas que as fotografías teñen ese inmenso valor de ser actas notariais das situacións máis diversas. 

Estou de acordo e vén a conto pola noticia (Faro de Vigo, 17 de outubro de 2021, páx. 21) de que a Consellería de Política Social vai pór en marcha un plan piloto de robots para coidar anciáns nas residencias. Ilustra a primicia unha foto onde cinco vellos prostrados en cadeiras de rodas, con gorros, mantas e arroupados de refaixos ata as orellas, asisten con mirada indiferente e resignada á exhibición dun moderno androide azul e branco que seica os atende e lles fai compaña. 

Non serei eu quen negue a enorme utilidade dos avances nas ferramentas tecnolóxicas, informáticas e de telecomunicación, por máis que en boa medida estean sendo utilizadas sen piedade para afondar no modelo produtivo neoliberal que, baixo o mantra de reducir custos, priva do dereito ao traballo e ao sustento a millóns de persoas, sen ofrecer solucións doutros empregos alternativos en medida similar aos que suplantan.

Descoñecemos a historia da foto comentada e o contexto da toma mais, en aparencia, e sen perder de vista o carácter de verdade relativa da mesma, por interferencias ou interpretación errónea, ten o valor dunha imaxe que nos traslada a un auténtico almacén de persoas moi dependentes. 

Do mesmo xeito que os caixeiros e robots telefónicos, máis rendíbeis para bancos, operadoras e axencias, son vendidos como sinal de progreso e marcan un presente de perda de servizos por falta de oficinas con persoas, a noticia deste plan piloto suxírenos, con cinismo insultante, as bondades dunha futura industria da vellez, intensiva en máquinas de control e administración robótica ao máis puro estilo taylorista. 

A morte por Covid-19 de tantos anciáns desasistidos nas residencias, destapou unha acusada carencia de persoal, especialmente nas privadas. Nunca antes se denunciou tanto mercantilismo infame cos idosos nos asilos particulares nin tanta falta de persoal nos públicos. A insistente demanda social e dos familiares é clara: máis persoal! 

Robots a custos asumíbeis que distraian, pauten pílulas, deiten anciáns ou organicen vídeo-conferencias... E esa a innovación que pula a Xunta? Nas residencias o que máis se quere é contacto humano, trato digno e prestación sanitaria e asistencial de calidade. Por que non ensaian con contratar máis persoal, ampliar prazas nas públicas e dotalas de recursos para a mellora da atención? 

Os poderes públicos deben velar polo modelo que inspiran os art. 10 e 15 da Constitución, que consagran como fundamentais os dereitos á dignidade e á integridade física e moral, sen ter que aturar tratos degradantes. 

Novos trebellos para unha vida máis humanizada, benvidos sexan. Mais a calor da atención humana, a man amábel, maiormente no transo da vellez, endexamais terá autómatas que a substitúan.

Comentarios