Opinión

O Complemento de maternidade: unha lei trapalleira e un calvario

Coa lei 48/2015, de 29 outubro, de Orzamentos 2016, naceu, da man do PP, o “Complemento por maternidade” para as pensionistas de pensión contributiva e non anticipada, con polo menos dous fillos. Con el cabía incrementar a pensión dun 5% a un 15%, segundo o número de fillos.

Emendoulle a plana o Tribunal de Xustiza Europeo que, en Sentenza de 12.12.19, asunto C-450/18, ditou que, tal como estaba formulado, o Complemento era contrario á Directiva79/7/CEE porque, acreditando idénticos requisitos que as mulleres, negáballo aos homes. Así o foron entendendo tamén, de forma coincidente, os xulgados do social. Así, STSJ Illas Canarias, 44/2020 de 20.01.20 (Rec. 850/2018), TSJ Murcia de 26.05.20 (Rec. 683/2020) ou o TSX Galiza (Sala Social), de 20.05.20 (Rec. 3417/2019) que acolle no seu Fundamento Terceiro que a exclusión do home oporíase á Directiva europea citada. 

Pola contra, no caso dos pensionistas de Clases Pasivas, a Sentenza do TSJ Madrid de 17.06.2020, Sala do Contencioso Administrativo, Sección 4ª, no proceso de dereitos fundamentais núm. 132/2020, considerou que o ámbito de Clases Pasivas é distinto do da Seguridade Social e que a Sentenza europea non é aplicábel aos funcionarios retirados. Fallo, certamente sorprendente, que o Ministerio Fiscal impugnou ante o Tribunal Supremo e que está a trámite (Rec. 4535/2020).

Ante a avalancha de reclamacións e de sentenzas favorábeis aos demandantes, e para pór fin á enleada, vén de aprobarse o RDL 3/2021, de 2 febreiro. Nel, o propio Lexislador asume que na lei anterior había discriminación, contraria ao principio de igualdade, por non recoñecer aos homes o complemento que, en situacións comparábeis, se lle recoñecía ás mulleres. En consecuencia, a nova norma corrixiuno en ambos sistemas, é dicir, Seguridade Social e Clases Pasivas, e reformulouno substituíndo o “Complemento por maternidade” polo actual “Complemento de pensións contributivas para a redución da brecha de xénero”. 

De que o Lexislador recoñeceu a inxustiza que había, podería agardarse que a Seguridade Social e Clases Pasivas atendesen en sede administrativa as peticións das persoas afectadas, polo menos nos casos máis claros. 

Porén, acontece xustamente o contrario. Por máis que as sentenzas veñen contradicindo a súa posición, e mesmo declarando que non cabía denegación en casos de xubilación parcial ou anticipada (STJ Cataluña, 958/2021 de 17.02.21 (Rec. 4447/2020), a Administración segue empeñada en rexeitar as peticións sen deixar outra alternativa ás e aos pensionistas que pasar un calvario xudicial, que chega ata os Tribunais Superiores de Xustiza, con todas as trasfegas e gastos que iso supón. 

En vez de asumir de oficio a solución, para que gocen do seu dereito, para a Seguridade Social e Clases Pasivas, ao que se ve, cantas e cantos máis pensionistas desistan del, mellor.

Comentarios