Opinión

X. M. Díaz Castro: Euskal Herría ao fondo

Abondaron deica agora as colaboracións, conferencias, artigos, documentais,  libros e toda clase de actividades encol das diferentes facianas da súa polifacética personalidade. Mais foron dabondo escasos os que trataron dous temas: a xeira de Manuel María na canonización, espallamento e acollemento de Díaz Castro no universo literario galego e as súas vinculacións con Euskal Herria. 

O Día das Letras Galegas deste ano 2014 foi dedicado a Xosé María Díaz Castro, autor de NIMBOS e poeta da Lus. Abondaron deica agora as colaboracións, conferencias, artigos, documentais,  libros e toda clase de actividades encol das diferentes facianas da súa polifacética personalidade. Mais foron dabondo escasos os que trataron dous temas: a xeira de Manuel María na canonización, espallamento e acollemento de Díaz Castro no universo literario galego e as súas vinculacións con Euskal Herria.  A este segundo asunto vou dedicar as liñas seguintes   

Os seus primixenios quefaceres literarios no Seminario de Mondoñedo estiveron vinculados a  Academia Misioneira San Francisco Xabier. Díaz Castro clausurou un curso de Misionoloxía o 22 de marzo de 1932 con unha conferencia titulada: “Xabier nas Indias”. Ben sabido resulta que San Francisco Xabier é un santo moi apreciado entre os vascos, porque falaba éuscaro, pois morreu delirando nesa lingua, e a súa familia, el mesmo e os seu irmáns loitaron para defender a independencia de Navarra durante guerra de 1512-1522 contra Castela. 

"Coñeceu a Maite Zubizarreta Bengoetxea, unha rapaza vasca “madriña de guerra”, coa que casaría en 1954, por relación epistolar dende os anos 1937-38, tras a ocupación de case toda Guipúscoa en 1936 polas tropas chamadas nacionais".

Coñeceu a Maite Zubizarreta Bengoetxea, unha rapaza vasca “madriña de guerra”, coa que casaría en 1954, por relación epistolar dende os anos 1937-38, tras a ocupación de case toda Guipúscoa en 1936 polas tropas chamadas nacionais. Neste bando xerouse o costume de que as mulleres enviasen cartas aos soldados para elevarlles a moral e adozarlles a crueza das trincheiras. O costume xa viña da época das Guerras Carlistas. Deste tempo é un poema “Balada inútil” (20-marzo-1938), dedicado ás madriñas de guerra.

Polos anos arousanos e primeiros madrileños colaboraría en dous periódicos navarros, o xornal “El Pensamiento Navarro” e a revista “Pregón”, grazas aos pregos do seu amigo, Díaz Jácome, redactor-xefe do xornal citado.

O día de San Xoan de 1954 padeceu a primeira coitelada dunha morte próxima ao finar o seu irmán Antonio, emigrante en Sestao, aos 44 anos de idade. Era canteiro, traballador nos Altos Fornos e seguía o ronsel dos Castro, pois proclamábase republicano e parcial dos ideais socialistas. Polo que parece a dor da emigración fería de dor, non de beleza, a vida de Díaz Castro por partida tripla. El era emigrante, o seu irmán tamén e, por desgraza, finaba na emigración. Cando ollo as necrolóxicas de moitos galegos na emigración vasca, lémbrome con dor da de Antón Díaz Castro. Estou certo de que non verei a miña.

San Lourenzo estalou en lume de amor o 10 de agosto de 1954, cando Díaz Castro casou con Maite Zubizarreta, aquela madriña de guerra coa que se carteaba dende 1937. Ás veces dedicáballe versos. No excelente documental de X. M. Cascudo aparece un poema de 1945 titulado “A Teresa por su 23 cumpleaños”.  Era unha muller culta, agradable, intelixente e moi fermosa. Na homenaxe ao seu pai, celebrado en Guitiriz o 19 de febreiro deste ano 2014, co gallo do centenario do nacemento, o seu fillo maior, José Mari, declarou que “seu pai foi sobre todo un home bo e tamén un galego que nunca esqueceu a terra de orixe, malia todos os anos vividos fóra”. Na súa intervención, ademais, fixo en voz alta unha pregunta recibida con sorrisos polo público que enchía a Escola Habanera na inauguración da mostra: “¿como un galego sen especial atractivo físico conseguiu que se namorase del a rapaza máis fermosa do País Vasco?”. 

Maite e Díaz Castro xunguiron as súas vidas, casando en 1954 na igrexa de San Martiño de Urretxu, Maite nacera nesa localidade o 25 de xuño de 1922. A familia comungaba ca ideoloxía carlista e o seu foralismo inclinábaa ás raiceiras na Terra-nai, unha doutrina política moi importante daquela no interior de Guipúscoa. Residía na rúa Xeneralísmo Franco, hoxe praza Gernikako Arbola, 4, 2º dereita. É de suliñar que pola banda materna Maite era curmán dun grande euskerólogo, o xesuíta Patxi Altuna Bengoetxea, catedrático da Universidade de Deusto no Campus de Donostia, a quen tratei e con que mantiven unha fonda amizade. 

O matrimonio Díaz-Zubizarreta aposentouse en Madrid, na rúa Jaime Vera, 23. Foron nacendo os tres fillos, todos eles en Urretxu, onde se trasladaba a nai para dar a luz, impulsada pola querenza da Terra e polo arroupamento familiar. José Mari nacería en 1955.  É enxeñeiro e reside en Donosti. Maite e Iñigo, nados en 1957 e  1962, viven en Urretxu a carón da antiga casa familiar.

"O 3 de febreiro de 1989 o Fato Cultural Cultural Daniel Castelao ofreceulle unha homenaxe a Díaz Castro, ca pertinente praca, nun restaurante de Urretxu". 

Despois da xubilación en 1983 Díaz Castro residiu longas tempadas en Guitiriz xunto ao seu irmán, Serafín, e algunhas tempadas en Urretxu, na casa da súa dona, onde eu o coñecín aló por 1987, cando me trasladei para saúdalo por indicación de Manuel María. Conversamos longamente e notei que se aledaba ca presencia dun galego, amosándose un home moi aberto e cercano, con unhas descoñecidas gañas de falar.   

O 7 de agosto de 1988 estivo coa súa dona no Festival de Pardiñas en Guitiriz, máis  a desgraza axiña entristeceu o fogar, pois Maite morría de súpeto en Urretxu o 17 de outubro de 1988. Despraceime para darlle o pésame e solidarizarme coa perda da compañeira en nome propio, do fato Cultural Daniel Castelao e de Saleta e Manuel María, coas correspondentes coroas de flores.  

O 3 de febreiro de 1989 o Fato Cultural Cultural Daniel Castelao ofreceulle unha homenaxe a Díaz Castro, ca pertinente praca, nun restaurante de Urretxu. Del fica constancia fotográfica coa presencia de Anxeles, Moncho García, Manolo Pazos, Antón Pena e Xosé Estévez. Todos quedamos gratamente sorprendidos pola amena e rica conversa do poeta, contándonos moitas andainas da súa traxectoria vital. Semellaba que se encontraba nun ambiente familiar e liberado, dando renda solta a intimidades do seu malparado corazón. 

O mesmo ano 1989 a Asociación Rosalía de Castro de Barakaldo dedicaríalle  a celebración das Letras Galegas, seguindo a súa política de facelo a un escritor vivo. O nº 3 da revista “Esmorga”, publicada pola devandita Asociación dedicoulle a portada, incluíndo no interior dous poemas de Nimbos, a Díaz Castro.

Na obra recentemente publicada pola editorial Galaxia, “Poesía galega completa”, inclúese correspondencia entre Díaz Castro e outros dous persoeiros galegos, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, que amosa unha rolda de vencellos filoeuscaros de Díaz Castro.
    -1-Moitas vacacións de Nadal e de verao, ou parte delas, pasábaas en Urretxu, na casa familiar da muller. Así aconteceu no verao de 1957. Pasou as vacacións do Nadal de 1960-1961,  mitade das vacacións de verao de 1960, así como as de 1961 e 1962. E deste xeito sucedería deica a súa xubilación en 1983. Os máis importantes acontecementos familiares, como as primeiras comuñons dos fillos, celebrábanos no Santuario de Loyola. 

"Mantiña correspondencia co esgrevio filólogo vasco, Koldo Mitxelena, daquela profesor en Salamanca, por medio de Ramón Piñeiro"

 -2-Mantiña correspondencia co esgrevio filólogo vasco, Koldo Mitxelena, daquela profesor en Salamanca, por medio de Ramón Piñeiro, xebre amigo do vasco e compañeiro de estadía no cárcere a finais do anos 40, presos a causa de activades clandestinas relacionadas co Galeusca e as conversas ca ANFD. No arquivo de Koldo Mitxelena non se atopan esas cartas, pero si un exemplar da primeira edición de NIMBOS, datado en 1982.

    -3-Coñecía e gustaba da poesía, a semellenza de Koldo Mitxelena,  dun grande vate vasco, Xabier Lizardi, seudónimo do zarauztarra José María Aguirre. Impresionou a Díaz Castro o seu poema elexíaco “Illeta” (funeral), que forma parte dun quinteto titulado "Biotzean min dut" (Dóeme o corazón), que Lizardi escribira en memoria da súa avoa materna, Klementina Belauntzaran, finada en 1930. Non é de estrañar que Díaz Castro conectase ca poesía de Lizardi, pois existen moitas analoxías entre os dous: a acción destrutiva do tempo e da morte, o amor polo entorno xeográfico máis próximo ( estacións, animais, plantas, a beleza da natureza), sentimento telúrico de comuñón ca Terra, desexo de altura e de luz, visión cristián da existencia, resignación dolorosa e esperanza na transcendencia.  

 -4- En 1960 Ramón Piñeiro pediulle o envío dun poema seu para incluílos nunha escolma de poesía española contemporánea, a pedido do D. Ramón Martínez López, que impartía docencia desa  materia na Universidade de Austin, en EEUU. Díaz Castro mandoulle algúns poemas seus para que Ramón Piñeiro escollera o máis axeitado e engadiulle o citado poema de Xabier Lizardi, “ILLETA” (funeral)

Díaz Castro morreu aos 76 anos o 2 de outubro de 1990. O Fato Cultural Daniel Castelao e a Asociación Rosalía de Castro enviarían senllas coroas para enfeitizar o seu funeral e enterro, oficiados polo amigo e crego, Afonso Blanco.

Após da súa morte escribín o 2 de novembro de 1990 nun xornal vasco un artigo dabondo sentido, titulado “Díaz Castro, poeta da Patria Galega”, onde expresaba a miña dor polo vate finado e procuraba dar a coñecer aos vascos o seu humilde, pero grande quefacer.

O seu libro de versos “Nimbos” vai a ser xusto merecente dunha tradución ao ésuscaro, aínda que xa houbera un intento en 1962 de traducilo, mais a iniciativa non prosperou. Nimbos engarza con unha escola de grandes poetas éuscaros, nos que asoman características moi semellantes ás de Díaz Castro: unión épica e panteísta ca Terra, amor á lingua e relixiosidade. Estoume referindo ao citado Lizardi, finado na flor da xuventude aos 37 anos, a Orixe e a Lauaxeta, asasinado polos fascistas en 1937, estes dous tamén dotados dunha grande formación clásica por mor da súa estadía en centros xesuíticos. Négome a silenciar que Esteban Urkiaga, “Lauaxeta”, foi o primeiro escritor galeuzcano en propoñer na data temperá de 1935, co gallo do centenario de Eduardo Pondal, a organización dun Galeusca de escritores.

"O seu libro de versos “Nimbos” vai a ser xusto merecente dunha tradución ao ésuscaro, aínda que xa houbera un intento en 1962 de traducilo. Na actualidade, segundo un traballo do xornalista Aritz Galagarra, existen máis de 150 textos de escritores galegos ao éuscaro" 

Na actualidade, segundo un traballo do xornalista Aritz Galagarra, existen máis de 150 textos de escritores galegos ao éuscaro. Coido que “Nimbos” non podía ser menos, dados os vencellos, xa mencionados, do autor con Euskal Herría e a calidade formal e intrínseca do texto. Ademais, con esta tradución completaríanse as traducións ás catro linguas do Estado español.

Non podo silenciar outro dado filoéuscaro para rematar. Nun libro, escrito en castelán e titulado “Sombras radiantes”, hai un fermosísimo poema de Díaz Castro, frontispiciado “Donosti”, datado en 1951, que un non pode por menos de inserir e degustar:

“Me alza el funicular, alucinado
y lentísimo, a un cielo de cobalto.
Veo a mis pies tendida la belleza,
salvada, al fin, en el confín del mundo.
La belleza es tan frágil... ¡Y, no obstante,
las olas ruedan en un vano asalto!
¡Cómo envejece el Tiempo en su atentado
a la Belleza, frágil e inmortal!
¡Igueldo, Urgull, isla de Santa Clara,
jamás dormidos en la centinela!
Sé que el cielo de Easo llora mucho
y que su mar es un brutal amante,
Igueldo, Urgull, Ulía, Santa Clara,
¿por qué la lluvia y el bramido eternos?
Ella ha anclado sus ojos en vosotros,
cuatro columnas, puerto y esperanza.
Ah, ¿por qué alzarse contra la belleza,
o qué antigua venganza hincha las olas?
Como un niño perdido llora el Cielo
por un cielo perdido y desterrado...”

Xosé Estévez.

No seu casamento en 1954 con María Teresa Zubizarreta Bengoechea

Comentarios