Opinión

O Val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón

Con excelentes limiares de Eva Teixeiro e Koldo Izagirre, este libro, O Val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón, contén nun primeiro chanzo o vento fuxidío das lembranzas que xoga coa lagoa bretemosa da memoria para recobrar as vivencias dun neno vilego nun pobo do interior da nación galega, cuxo primeiro percorrido existencial transcorreu nos anos da posguerra do 36. Tempo abeirado de luces e sombras dende o horizonte da nostalxia, da distancia e da relembranza. Por unha banda, asoballan a fiestra da señardade estreiteces e racionamentos, mais por outra enfeitízana leceres e deveceres. Este relato reflicte as festas, feiras, xogos, costumes, tradicións, xantares, romarías, vida familiar, ritos, paisaxes, traballos, ciclo anual, en resumo, o acontecer cotián, xa pasado a mellor vida por mor da globalización uniformizadora, que esnaquiza a fértil variedade de pobos e culturas.

Nun segundo chanzo hai un logo epígrafe dedicado ao meu grande amigo Manuel María. No terceiro paso revista a persoeiros que gozaron da miña amizade e tiveron fonda relación co val de Quiroga: Ernesto Guerra da Cal, Uxío Novoneyra, o médico José Torres Valcázar, o mestre José Teixelo, o emigrante Fernando Rodríguez, Ánxel Fole e outras personalidades a quen non tiven a honra de coñecer: Luis Losada, Eduardo Moreiras, Vicente Vázquez Queipo, Daniel Nogueira, Daniel Losada e Manuel Marzabal. Non esquezo o lugar más emblemático do val, o Santuario da Ermida e a súa relación co Priscilianismo e outros trazos: gastronomía, cultivo do aceite, ferrerías, a Unión Quiroguesa de Bos Aires, a encomenda dos cabaleiros de Malta, etc. Un apartado importante refírese a Galiza: un soño decote arelado, con pregóns, discursos e artigos que reflexionan encol do presente e futuro de Galiza. Un conto imaxinario, uns poemas, a descrición do paraíso quirogués e un léxico específico do val rematan o libro.

Está escrito nunha lingua que me escolleu dignificándome e conscientemente asumín con galanía como Patria primixenia. O gran bardo portugués, Fernando Pessoa, dicía que a patria é a lingua e o extraordinario poeta alemán Rilke afirmaba que era a infancia. Este libro, polo tanto, é unha simbiose da patria.

Trátase, ademais, dunha Patria que abrangue o Pobo e a Tribo: non se refire só ao espazo xeográfico, senón á comunidade humana e de sentimento, conformada historicamente. Unha ollada humanista demostra a universalidade deste sentimento de pertenza, pois amar o propio non significa desprezar o alleo. Por iso, ten a mesma fachenda da súa orixe local e nacional que da súa terra de acollida, Euskal Herría, que entre as dúas tecen unha realidade-fogar.

O carácter testemuñal deste libro tecido cos vimbios das lembranzas, medra co engadido doutros materiais documentais deica devir un texto referencial da memoria colectiva. Nel alentan con forza a raigaña histórica e o etnográfico. É un relato vivo.  Entrecrúzase o culto e o popular, a sabedoría clásica co humor dos contos e coa conversa cotiá, e non por iso deixa de ser unha obra unitaria, coa que procurei homenaxear á terra e ás xentes que a fan Patria. Mais “Despois de todo, o comezo da patria // está no lume que quenta o fogar.”

A obra é unha homenaxe de agarimo a moitas persoas e terras. A Saleta e Manuel María, espellos de fidelidade a unha amizade, a unha tribo e a unha Patria. Ao meu pobo natal, a vila luguesa de San Martiño de Quiroga, paraíso rexamente ancorado na lubre máis sagra da memoria, verdadeiro recuncho edénico sen o que non se pode vivir. Aos meus pais, que me agasallaron co galano dunha lingua musical como ningunha. A Euskal Herria, pobo acolledor, roborador de identidades, que me doou xenerosamente pan, fogar, traballo, agarimo e familia, digno dun destino soberano dentro da harmonía polifónica do mundo. Non podo esquecer a miña familia: Maribel Goñi, a compañeira inseparable de toda unha longa vida, os meus fillos Asier e Breogán, e a miña benquerida filla e princesa do meu corazón, Alda Naiara, a que o destino transportou a outros lares un malfadado día 27 de xullo de 2006.

Comentarios