Opinión

A Tripla Alianza de 1923

O 11 de setembro de 1923 artellábase en Barcelona, coincidindo coa celebración da Diada ou Día da Patria Catalana, o pacto trinacional asinado por case tódalas forzas nacionalistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya,  coñecido como a Tripla Alianza.

O 11 de setembro de 1923 artellábase en Barcelona, coincidindo coa celebración da Diada ou Día da Patria Catalana, o pacto trinacional asinado por case tódalas forzas nacionalistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya,  coñecido como a Tripla Alianza.

"O 11 de setembro de 1923 artellábase en Barcelona,o pacto trinacional asinado por case tódalas forzas nacionalistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya,  coñecido como a Tripla Alianza".

Daquela o Estado español estaba mergullado nunha fonda crise política, económica e social, ademais dun guerra colonial africana que tería o seu episodio máis dramático no desastre de Annual de 1921, no que o meu tío Ramón, o irmán maior do meu pai, salvaría a vida polos pelos.

Nas tres nacións periféricas do Estado: Galiza, Euskal Herría e Catalunya os nacionalismos medraban, aínda que existía certa diversidade. Na nación fisterral ocupaban o abano nacionalista dúas forzas: As irmandades da Fala, con epicentro na Coruña, partidarias da acción política, e a Irmandade Nazonalista Galega (ING), máis culturalista, nucleada arredor da personalidade de Vicente Risco. En Euskal Herria o nacionalismo e atopábase en crecente ascenso, mais dividido tamén en dous partidos: O Partido Nacionalista Vasco (PNV), arredista, cuxo persoeiro máis sobresaínte era Elías de Gallastegui, e a Comunión Nacionalista Vasca (CNV), máis moderada e autonomista, liderada ideolóxicamente por Luis de Eleizalde, finado mesmamente en xullo de 1923. 

En Cataluña a situación era moito máis diversificada. Fronte a hexemónica Lliga, monopolizadora do espectro político nacionalista dende finais do século XIX, xurdirían polos nos 20, tres forzas políticas: Acció Catalana, de centro esquerda, con tres abandeirados: Nicolau D'Olwer, Antoni Rovira i Virgili e Jaume Bofill i Mates; Estat Catalá, inspirado na insurrección armada irlandesa e cuxo adaíl indiscutible era Francesc Macià, Unió Socialista de Catalunya, que procuraba a compaxinación da loita social e nacional, baixo o caudillaxe de Rafael Compalans e Gabriel Alomar. Tamén convén mencionar a presencia de unha entidade formalmente cultural, Unió Catalanista, mais viveiro de políticos nacionalistas, liderada por Martí Julià, e un sindicato denominado CADCI (Centre Autonomista de Dependents de Comerç e Industria), en cuxas sás se celebrarían as xuntanzas da Tripla Alianza. 

"Por Galiza: asinaron as Irmanades da Fala nas persoas de Federico Zamora e Alfredo Somoza e a ING, que se adheriu mediante un telegrama enviado por Vicente Risco"

O chamamento inicial a prol de artellar a Tripla Alianza foi realizado por Acció Catalana en xuño de 1923 e ao longo do verao iríanse sumando as diferentes forzas, comezando polo PNV, que se adheriu de xeito inmediato e entusiástico.

Os representantes acudiron a Barcelona co gallo da celebración da Diada o 11 de setembro de 1923. Participaron nos actos de homenaxe ao mártir de 1714 Rafael Casanova, onde se produciron enfrontamentos coas forzas de orden, carreiras, perdas de sombreiros e berros de Morra España e Morra Llapisera, un actor de teatro que se parecía físicamente a Afonso XIII.  Os delegados dos partidos nacionalistas asinaron unha avinza de carácter independentista. Os asinantes foron:

-Por Galiza: asinaron as Irmanades da Fala nas persoas de Federico Zamora e Alfredo Somoza e a ING, que se adheriu mediante un telegrama enviado por Vicente Risco, coa oposición de Fermín Penzol por non haber consultado aos restantes dirixentes.  

-Por Euskal Herria puxo o seu carimbo o PNV, representado por Elías de Gallastegui, Telesforo Uribe-Echevarría, Domingo de Arana y Manu Eguilleor e a CNV, representada por José María Leizaola, futuro lehendakari no exilio entre 1960 e 1979, e por Julián Arrien, que pospuxeron a sinatura do acordo a unha consulta posterior ás bases do partido.

-Por Catalunya adheríronse os mencionados Jaume Bofill, Rovira Virgili e Nicolau D'Olwer por Acció Catalana, con certas reticencias por considerar o acordo dabondo radical; Francesc Macià, de Estat Catalá, con entusiasmo, e  Pere Manén i Artés e Josep Riera i Puntí por Uniò Catalanista.  

O pacto estaba redactado nos seguintes termos.

"Denuncian que o réxime imposto polo Estado español a Cataluña, Euzkadi e Galicia é fillo das violencias pasadas e das coaccións presentes e fica falto do seu consentimento".

“Reunidos en Barcelona o 11 de setembro do ano 1923, no 209 cabodano do asalto da cidade polos exércitos das dúas coroas de Franza e España, os representantes dos patriotas vascos, galegos e cataláns:

I.-PACTAN solemnemente unha alianza para acción conxunta e mutua axuda na campaña pola liberdade nacional dos tres Pobos.

II.-DENUNCIAN que o réxime imposto polo Estado español a Cataluña, Euzkadi e Galicia é fillo das violencias pasadas e das coaccións presentes e fica falto do seu consentimento.

III.-PROTESTAN de que dentro da Europa reconstruída segundo o principio da liberdade das nacións grandes e pequenas, Euskadi, Cataluña e Galicia continúen sometidas, en contra de súa vontade, ás institucións, ás leis, á lingua e ós gobernos que non lle son propios.

IV.- REIVINDICAN o dereito das tres nacións a dispoñer libremente dos propios destinos e a vivir segundo un réxime de plena soberanía política, sen outras limitacións que aquelas que, respectando as facultades esenciais da nacionalidade, sexan esixidas pola convivencia humana na civilización ou poidan ser aconsellables polos intereses de orde económico e as realidades de orde xeográfico.

V.-AFIRMAN a vontade dos galegos, dos cataláns e dos vascos de conquistar co propio esforzo e por tódolos medios lícitos, a liberdade nacional.

"Afirman a vontade dos galegos, dos cataláns e dos vascos de conquistar co propio esforzo e por tódolos medios lícitos, a liberdade nacional".

VI.-PROCLAMAN, para o caso de que a vontade nacional dos pobos de Cataluña, Euskadi e Galicia seguise sendo descoñecida e pisada polo Estado español, o dereito á apelación heroica. 

VII.-ACORDAN: a) Constituír un Consello de tres delegados, un por cada nación, que representarán ao conxunto das organizacións patrióticas dos tres pobos e servirán de lazo de unión entre estes;
b) confiar ao Consello, asesorado debidamente na aquelo que faga falla, la tarefa de establecer os convenios concretos que respondan á finalidade do presente pacto e que en cada intre as circunstancias poidan esixir.

VIII.-DECLARAN en nome dos patriotas vascos, galegos e cataláns que é o seu propósito unir as voces no berro de xustiza, darse as mans na propaganda, unir as forzas na loita e, se é preciso, mesturar o sangue no sacrificio".

O pacto non tivo efectividade por mor de diferentes causas internas e externas. Influíu, sen embargo, decisivamente no fracaso o levantamento militar, producido dos días despois, o 13 de setembro, do Capitán Xeneral da Rexión Militar con sede en Barcelona, Miguel Primo de Rivera, pai do fundador da Falanxe, seguindo a saga, dende o século XIX, de sublevacións castrenses moi típicas da vida política española. Mesmo os milicos recoñecerían nunha revista castrense que adiantaron o golpe, pois estaba previsto para o día 15, debido os “excesos separatistas” da Diada. En 1936 volverían a andaina con outra Ditadura máis fera e salvaxe que a do polaineiro Primo de Rivera. 

"Converteuse en mito emblemático de pactos posteriores. Os historiadores deben ter en conta que as emocións non constan en moitas ocasións nos documentos escritos",

Emporiso, a Tripla Alianza non pode considerarse un fracaso. Converteuse en mito emblemático de pactos posteriores. Os historiadores deben ter en conta que as emocións non constan en moitas ocasións nos documentos escritos, pero son feitos simbólicamente religadores que poden empoleirar os pobos  ó seu rexurdimento nacional. 

A Triple Alianza sementou como fito ineludible os convenios posteriores máis coñecidos como Galeuzca. Podería ser un instrumento eficaz fronte a uniformización globalizadora imperante e crecente, que busca a unidade imposta e non a unión voluntaria mediante pactos reversibles entre iguais, pero diferentes. Dicía Goethe que dende unha pequena fiestra podía contemplarse a grandeza do universo. Teño o atrevemento de engadir que dende as pequenas patrias pode tamén admirarse a maxestade do mundo, porque, como repetía Manuel María, a súa riqueza atópase no fértil mosaico de teselas variadas e a fecunda suma de identidades nacionais. A Tripla Alianza e os intentos posteriores supoñerían distintos intentos dun ideal solidario e compartido por parte de tres personalidades nacionais ibéricas que pretenden interpretar un polifónico concerto de pobos mediante acordos harmónicamente voluntarios, que recoñezan e lexitimen a súa diferencia.         

Comentarios