Opinión

O rexurdimento do barroco

O Barroco era non só un estilo artístico, senón tamén e principalmente unha mentalidade e un xeito de entender a vida, que atravesou como fío condutor toda a sociedade do século XVII e parte do XVIII. Unha análise desapaixonada desa época permite atopar moitas analoxías a respecto da sociedade actual. 

A tendencia ó fasto, o espectáculo circense parlamentario, con garabata ou sen ela, a suntuosidade, a afección e a ostentación televisiva, o despoxo diante das cámaras, a teatralización dos actos, a sublimación icónica das presentacións en público, a etiqueta formal ou informal, o ritualismo, a cerimonia cabalgan de novo por tódolos escenarios da sociedade e retrotráennos aos mellores tempos do barroco calderoniano, aínda que procure disimulalo baixo vestimentas máis informais ou peiteados exuberantes ou estrambóticos. A teatralización chega á esaxeración cando se pugna pola ocupación dun restrinxido espazo: platea burguesa, tribuna aristocrática, o galiñeiro plebeo. Os novos magnates e os políticos recentes non escapan a esta tentación  e algúns son atrapados polo anzol da incoherencia por mor dese afán barroco da demostración externa. Aínda máis. Rexorden as luxosas vodas con cerimonial litúrxico-relixioso, malia que os contraentes e comensais se declaren agnósticos ou ateos, porque o ritual dos xulgados ou concellos resulta excesivamente impersoal e frío.  

A teatralización chega á esaxeración cando se pugna pola ocupación dun restrinxido espazo: platea burguesa, tribuna aristocrática, o galiñeiro plebeo

A fachada, a ornamentación, a esaxeración, a pantalla e a publicidade enganosa enfeitizan os folletos de márketing de empresas e centros de ensino. Coñezo algúns deste últimos, que venden na propaganda a excelsitude dos seus métodos didácticos, ensino personalizado, formación integral, eficacia pedagóxica, resultados contrastados, aulas ben dotadas e entrañables, profesores altamente cualificados, atención permanente tutorial, utilización de instrumentos informáticos de última xeración, adecuación ó mercado laboral, traballos en equipos, clases non presenciais e on line e desterro das clases maxistrais, pois é un procedemento antediluviano. Non coñezo ningún centro de ensino de calquera nivel, cuxa propaganda se cimente no traballo, no esforzo, na metodoloxía analítica, no pensamento e actitude críticas, no debate reflexivo, na formación humanística, no fomento da ética e dos valores, amoblamento da cabeza, discurso metódico, redacción correcta e utilización da palabra xusta e adecuada.

A hipocrisía e o tartufismo, ao estilo da comedia homónima de Molière, colorean a maioría das relacións humanas, externamente revestidas dun sorriso forzado, cando en realidade as costas son testemuñas de desprezos, reproches e cambadelas, voando coma abellas zoadoras as dagas da envexa e da xenreira por tódolos recunchos do vento traseiro. Nas comedias de Lope de Vega non existía mingua da honra, se o pecado non era público e sabido. No ambiente actual alardéase da banalización, da notoriedade e do morbo no deshonor, de tal xeito que é conveniente dar eco inmediato ás desvergonzas e á externalización das baixezas e obscenidades nos medios de comunicación, sobre todo en programas especializados no tema, para manterse no candeeiro da fama ó prezo que sexa, coma no clásico dito do Campeador: ”ladran, logo cabalgamos”.

A hipocrisía e o tartufismo, ao estilo da comedia homónima de Molière, colorean a maioría das relacións humanas, externamente revestidas dun sorriso forzado

Non se le o Quixote, manipulado como símbolo, prez e cumio do pensamento enxebre hispánico. Fronte a Alonso Quijano, sublimador das glorias imperiais e ignorante da crise da sociedade española da época, agromaba a voz profética e realista de Sancho Panza, mestura de Castelao e Cunqueiro, que coñecía na propia carne as mordeduras de triste situación do común dos mortais, asediados polo inmediato logro de manxar cotián. Os fidalgos españois preferían e prefiren vivir, pois aínda lle quedan rescoldos desa pretenda, no idealismo de grandezas pasadas dun imperio “onde non se poñía o sol” e padecendo “un sublime encantamento”, en frase dun lúcido arbitrista, González de Cellorigo. O IV centenario do pasamento de Cervantes este ano debería ser aproveitado para reflexionar sobre as gorenteiras leccións que emulsionan das súas obras máis emblemáticas como o Quixote.

Asomaba tamén no Barroco os alicerces do complexo do colonizado. Os habitantes da periferia, fosen do estamento nobiliario ou plebeo, devecían pola Corte, aínda que nela sufrisen desprezos e humillacións. Uns para acadar favores cos que empoleirar a súa vaidade, confirmar o seu avoengo e tamén encher o peto con prebendas, outros coa fin de lograr algún posto burocrático ou participar das riquezas procedentes das Indias, algúns na procura de traballos podres, os minijobs ou fodijobs, mozos de corda, albaneis e criados, cos que a literatura española da época identificaba despectivamente por certo aos galegos. Non poucos ingresaban nas fileiras da picaresca, obxecto dun tipo de literatura moi popular. Case todos, porén, volvíanse cortesáns, admiraban a cultura da vila madrileña e rexeitaban as súas orixes.

A confesión, a dirección espiritual e os exercicios ignacianos foron substituídos por instrumentos laicos análogos e de pago como o psicólogo, o coaching e a intelixencia artificial

O fumo do incenso adulatorio ou dos favores rexios o mesmo elevaba as persoas aos altares da popularidade que o olor do chamusco inquisitorial os baixaba aos infernos da impopularidade ou aínda peor á queima nun auto de fe. Feitos que non desmerecen dalgúns que acontecen na actualidade. A confesión, a dirección espiritual e os exercicios ignacianos foron substituídos por instrumentos laicos análogos e de pago como o psicólogo, o coaching e a intelixencia artificial. Estes dous últimos son ferramentas maxistralmente inventadas e deseñados por psicólogos norteamericanos para domesticar o persoal e eliminar a loita de clases. 

A manifestación da insapiencia antes escondíase ou silenciábase por vergonza, agora amósase gabanciosamente sen ningún tipo de rubor

A mentalidade barroca incidía máis no sentimento que na reflexión, no exterior máis que no interior, na contemplación máis que na acción, na paixón máis que na convicción, na caridade máis que na xustiza, na procesión máis que no recollemento, na forma máis que no contido, na aparencia máis que no fondo, na festa máis que no traballo, no templo máis que no oratorio, na escana máis que no camerino e na magnificencia máis que na sinxeleza. De aí que case supuxo unha revolución a máxima dos xesuítas: “Contemplativo na acción, activo na contemplación”. Hoxe a vida transcorre nun continuo reality show, danzando entre o arco de trunfo de Luis Bárcenas e as redondeces de Belén Esteban. Os flirteos dun grandeur como Hollande, o vodevil dun pequeno Nicolás, a megalomanía das cidades da cultura suscitan máis entusiasmos que as tarefas caladas  dunha asociación cultural dun barrio ou vila. Porén, a manifestación da insapiencia antes escondíase ou silenciábase por vergonza, agora amósase gabanciosamente sen ningún tipo de rubor nin pudor, como puiden comprobar durante os meus últimos anos de docencia. 

As procesións, ritos e cerimonias litúrxicas, onde as damas de avoengo e os ilustres próceres, dende os marqueses deica os fidalgos de goteira e bragueta, lucían as súas mellores prendas, vestimentas e atavíos, son equivalentes aos desfiles de moda, faladoiros televisivos, vodas cortixeiras, recepcións de “ricoshomes” en pazos e galas de premios Goya. O sentido idealista da honra, patrimonio da alma, tan ben iluminado por Lope de Vega, Tirso de Molina ou Calderón nos seus dramas e comedias, so sufriu un lixeiro desprazamento cara un concepto burgués e pragmático do honor, baseado na riqueza material e no diñeiro, hedonista e poderoso din-don quevedesco. Esta nova concepción xa a albiscou Cervantes no Quixote. 

Empezaban a pulular nas cidades de certa relevancia e sobre todo na Corte personaxes intrusos, “advenedizos” na xerga da época, que obtiveran un título nobiliario mediante merca, matrimonio ou falsificación de fidalguía para disimular calquera sospeita de mácula xudeoconversa. Eran obxecto de desprezo ou hilaridade xeneralizada. Os seus anteriores conxéneres considerábanos uns traidores e o estamento receptor alcumábanos de intrusos de extracción allea. Lope de Vega na súa comedia “El villanos en su rincón”  describe perfectamente este fenómeno social, ben estudado polos historiadores Noel Salomon e Díaz Borque. 

A conxuntura do Barroco tamén foi conflitiva. Dentro do Estado español houbo tensións entre centro e periferia

A conxuntura do Barroco tamén foi conflitiva. Dentro do Estado español houbo tensións entre centro e periferia. Cara mediados do século XVII, case coincidindo con validado do Conde Duque de Olivares producíronse varios levantamentos. En Andalucía o Duque de Medina Sidonia liderou un alporizamento secesionista, case polas mesmas datas o Duque de Híjar outro en Aragón. O capitán de coirazas Iturbide protagonizou un alzamento en Navarra. Cataluña sublevouse en 1640, no Corpus de Sang onde os segadores mataron na praia de Barcelona ao virrei, e non retornou ao seo da Coroa de Castela deica 1659, ca sinatura do Tratado do Pirineos e a perda da Catalunya Nord. Portugal, após os disturbios de Évora en 1639, iniciou o camiño da Restauração, conquerindo a independencia, recoñecida definitivamente por Castela en 1668. En Galiza tamén houbo un intento secesionista, que pretendía incorporar Galiza a Portugal, se lle facemos caso ao que nos di Jerónimo de Barrionuevo no seu libro Avisos. En Biscaia, un ataque a súa singularidade foral provocou o “Motín do Sal” en 1631. Fora do Estado español houbo levantamentos en territorios pertencentes á Coroa de Castela en Nápoles, Sicilia e Flandes. En Europa algúns historiadores como Henry Kamen cualifican a época como “O Século de Ferro”, por mor das continuadas guerras, entre elas a dos “Trinta Anos”.

As culturas estatais barrocas eran pechadas, propensas aos receos mutuos, proclives ao pensamento único e feble, pireinizadas fronte á mestizaxe, excluentes da disidencia, expulsoras da diferencia xudía, mourisca ou herexe, con predominio do berro sobre o silencio e da sombra sobre a luz. Hoxe tamén a “caixa boba” subxuga as miradas, bloquea o pensamento e impón unha inexplicable laxitude incomunicadora. Os estridentes altofalantes das discotecas acalan a vida interior e a soidade non se comparte, interiorízase tanto que induce á procura de substitutivos ficticios e no último transo á evasión final, o suicidio. Ás veces, ve un persoas que só falan cos cans.

En Galiza tamén houbo un intento secesionista, que pretendía incorporar Galiza a Portugal, se lle facemos caso ao que nos di Jerónimo de Barrionuevo no seu libro Avisos

Os Reis Católicos para acadar a unidade política, que implicaba inexorablemente tamén a relixiosa, dotáronse dende 1482 dun organismo político-relixioso, O Santo Oficio ou Inquisición, para extirpar o cancro da disidencia política, da heterodoxia relixiosa e da diversidade moral. Foi abolida definitivamente en 1834 e deixou secuelas, que aínda hoxe perduran no subconsciente e imaxinario colectivos. Os aparatos de poder, en tódalas institucións e en diferentes niveis, incluídos os universitarios, actúan dun xeito raposeiro e sutil, como auténticos laminadores inquisitoriais contra os que ousan erguer a voz e o pulso contra eles. Esta cultura conservadora, débil e acrítica xera controles inquisitoriais, con súas doses de teatralidade moderna e súa vulpínea pedagoxía do medo, contra os disidentes e heréticos, convertendo aos intelectuais en estómagos agradecidos e amedrentados comedores en presebes.  

Na práctica tódolos Tratados internacionais remataban coa saída á escena dunha potencia hexemónica

A política exterior amparábase baixo os principios puramente teóricos da procura do equilibrio e da razón de estado, utilizando como argumentos de actuación a defensa da relixión e a da patria. Pero na práctica tódolos Tratados internacionais remataban coa saída á escena dunha potencia hexemónica, que impoñía as súas condicións, sementando os xermolos dun novo conflicto e orixinando unha continuada situación de permanente agresividade. España primeiro até o Tratado de Westfallia (1648), máis tarde Francia deica o Tratado de Utrecht 81713-14) e despois Inglaterra superando o século XIX ben entrado, monopolizaron sucesivamente ese dominio. Hoxe a teórica defensa da liberdade, da democracia e do orden internacionais enmascaran e  serven de pretexto para a intromisión e predominio monopolístico de poderes económicos transnacionais. Estes provocan e interveñen en teatros de operacións bélicas fóra das súas fronteiras en aras de intereses económicos, políticos e xeoestratéxicos.   

O mercantilismo, teoría político-económica do esplendor barroco, reinstalouse agora, pero na súa vertente neoliberal máis estrita e radical, crisohedonismo. O recendo do ouro e do diñeiro xera adhesións idolátricas e avaricia desmesurada. A esquiva fiscal dos estamentos privilexiados, nobreza e cregaxe, e a súa inversión en produtos suntuarios non está moi afastada da do actual consumo luxoso e da evasión fiscal dos poderosos en paraísos fiscais, “insulas baratarias” e Sicav. A marxinalidade e as desigualdades sociais, desveladas por Cervantes no Quixote, hoxe son denunciadas por entidades nada sospeitosas como Cáritas ou Oxfam. A corrupción reinaba por todas partes e enliñaba tódolos fíos da maquinaria burocrática. Incluso o mesmo Cervantes estivo procesado por un delito de malversación de fundos públicos. Unha das causas fundamentais do levantamento das Xermanías en Valencia cara 1620 foi mesmamente a corrupción dos funcionarios dos “pósitos” ou almacéns municipais de cereais. Hoxe é un problema palpitante, xeneralizado e sistémico. Cada alborada aparece un novo “chourizo”. Non me estraña que Xaquín Marín, ca súa típica retranca, realizase aquela excelente caricatura. Ó observar o paso lento e o porte amoucado dun político ben traxado e engravatado, un ancián galego cométalle a outro: ”Mira ese!, é un político tan fracasado que nin sequera chegou a imputado”. 

A marxinalidade e as desigualdades sociais, desveladas por Cervantes no Quixote, hoxe son denunciadas por entidades nada sospeitosas como Cáritas ou Oxfam

O poder e o cumio xerárquico alcanzábanse por herdo, sangue, parentesco, amizade, riqueza, nepotismo e tamén por adulación. A erótica do poder creou verdadeiros especialistas do peloteo e da bisagra e empoleira, case sempre segundo o principio de Peter, os máis ineptos ás cotas máis altas do validado. Os gobernos de diferente signo, as empresas e os centros de ensino están ateigados de unha variada “culimaia” (termo quirogués equivalente a caterva) de incapaces, cuxos únicos méritos son a elasticidade da columna vertebral, o asentimento pleno e permanente e a incapacidade do discurso crítico.

A xeira existencial barroca transcorría entre o idealismo descomprometido do Quixote, o realismo máxico pancesco, o donjuanismo traxicómico de Tirso, a evasión lúdica de Lope de Vega, o soño vital de Calderón, a mala baba de Góngora, a mordacidade críptica de Quevedo e a ensaística crítica dos arbitristas. Deixo a perspicacia dos lectores e lectoras para que poden lle poñan cualificativos a de hoxe.

Finalmente, sí advirto unha clara diferencia e refírese ó uso da linguaxe. Xa fora a opción ampulosa e culterana dun Góngora, xa a conceptista e sobria dun Quevedo, as dúas estaban dotadas dun rico, amplo, incisivo, irónico, sabiamente respectuoso e literariamente belo dominio da linguaxe. Pola contra, na actualidade proliferan a repetición de anacolutos, os epítetos groseiros e bastos, o reducionismo do vocabulario, a reiteración das mesmas frases e palabras, a ausencia de argumentos, as alusións negativas persoais, a confrontación estentórea e malsoante, a carencia dunha fina retranca, as interrupcións do discurso alleo e as intervencións colectivas inaudibles.  

Non se albisca no horizonte un cambio inmediato, malia a euforia existente diante a irrupción de  novas forzas emerxentes ás que xa lles olla o plumeiro. Oxalá, e aledaríame trabucarme, pero presinto que se cumprirá o dito do grande Castelao: ”Que diferencia hai entre os vellos e novos caciques? O vellos están fartos e os novos traen moita fame”. 

Comentarios