Opinión

Quiroga no solpor do século XIX

Ricardo Becerro de Bengoa, nado en Vitoria-Gasteiz o 7 de febreiro de 1845 e finado en Madrid o 1 do mesmo mes de 1902, foi un importante científico, escritor e político. 

Ricardo Becerro de Bengoa, nado en Vitoria-Gasteiz o 7 de febreiro de 1845 e finado en Madrid o 1 do mesmo mes de 1902, foi un importante científico, escritor e político. Estudou Ciencias Exactas, Físicas e Naturais na Universidade de Valladolid e foi catedrático de Física e Química no Instituto San Isidro de Madrid e no de Palencia. Académico de Bellas Artes en Valladolid, membro da Real Academia de Historia, cronista da cidade de Vitoria e escritor de numerosas obras e artigos en diferentes revistas, tanto no País Vasco como en España, ocupou cargos senlleiros: Conselleiro de Instrución Pública, Deputado a Cortes e Senador por Álava, posto que exercía cando morreu con 56 anos.  Con 24 anos interveu en política, asinando o famoso Pacto Federal de Eibar de 1869 após da caída do réxime monárquico de Isabel II e a implantación do período revolucionario de 1868. Nese pacto propoñíase unha estrutura federal para o Estado español, baseada no modelo foral vasco e  influenciado polo catalán Pi Margall, cuxo pensamento tamén influíu no noso guieiro e mestre, Castelao.

Escribiu obras moi interesantes, sobre todo encol de Alava, a súa benquerida provincia natal. As súas inquietudes eran moi polifacéticas, pois escribiu sobre os máis variados temas: arqueoloxía, historia, ciencia, biografía, literatura, lingua, arte, ensino etc. Pero para a nosa colaboración, salienta a obra titulada “Viaje descriptivo de Palencia a La Coruña”, publicada nesta cidade castelá en 1883. Nela describe as paraxes por onde pasou e parou, co gallo do remate definitivo do camiño de ferro entre Palencia e a Coruña. Debulla no libro interesantes observacións e reflexións encol da vida, costumes, tradicións e paisaxes dos lugares onde se detiña. As páxinas 154 a 157 están dedicadas ao val de Quiroga. Tradúzoas do castelán ca meirande fidelidade posible. Os lectores poderán eles mesmos extraer as correspondentes conclusións e enxergar unha análise comparativa ca situación actual.

 “Despois de pasar o túnel da Penadola aparece o río Sil pola dereita. Barranqueiras sen vexetación aseñoran o camiño de ferro pola banda oposta e enormes trincheiras e paredes baixan por ela deica a beira do río. Un pobiño, “O Castillo”, cas súas barcas, fica no fondo da paisaxe. Xa ó lonxe xorde o fermoso val de Quiroga. Arrodéano polo norte altos tesos de esquía vexetación, cruzados por brancos carreiros e entre a prodixiosa frondosidade da súa veiga óllase nun touticelo a Ermida e na ourela, entre arboredos, a capital, San Martiño, cos lanzais cipreses da propiedade do conde de Torre Novaes. O camiño de ferro bica a rústica aldea de San Pedro, entre campas de grandes castiñeiros. Aparecen tamén os típicos viñedos deste bisbarra, de altos bacelos coma árbores, con unha upada cepa sostida por un pau de dous brazos, enriba do que  se estenden os verdes gromos e penduran os vermellos ou azulexados acios. Na ribeira da outra banda apréciase a entrada do río Quiroga no Sil e un pouco máis adiante, no quilómetro 333, chégase á estación de San Clodio.

 "Salienta a obra titulada “Viaje descriptivo de Palencia a La Coruña”, publicada nesta cidade castelá en 1883. Nela describe as paraxes por onde pasou e parou"

 San Clodio encóntrase  a 261 metros sobre o nivel do mar. Nomeou a estación e máis o pobo, dabondo espallado, unha abadía de bieitos, próxima á vía pola dereita. Consérvanse a igrexa románica e a casa abadenga dentro dunha folgada horta, en cuxa porta campan as armas de España, e algunha parede esfarelada e cuberta de hedra, pertencente ao antigo mosteiro. Nese conxunto sagrado contrapóñense as cores escuras do vellos perpiaños coas brancas fiadas de cal, froito de modernos arranxos. Nunha praciña veciña vense os soportais das animadas feiras, que aquí se celebran. Tamén é notable a fontiña do pobo, polas dondas e gorentosas augas que verque. A estación está á dereita da vía  e de fronte alóngase a fermosa  herdade do Señor D. Manuel Batanero, farturenta en viñedos, hortas e prados. Posúe un grande pazo, con celeiros e con muíño, que rega así mesmo a propiedade dunhas 2000 tegas ou 670 fanegas. Coróaa uns recortados toutizos, un deles semellante a un antigo castro, hoxe trocado nun delicioso belvís ou miradoiro con árbores.

O val de Quiroga merece, coma os do Bierzo e Valdeorras, unha demorada visita polo seu pintoresquismo e fertilidade.   O terreo é terciario, de formación eocena en toda a banda dereita do río Sil, como se advirte axiña pola senlleira feitura daqueles montes  e pola orixinal constitución das terras e vales. Nas orelas abondan os coios aluviais e no emprazamento da estación e nas cordilleiras adxacentes segue a formación silúrica. Prá ir a San Martiño de Quiroga cóllese un camiño entre castiñeiros e viñedos de San Clodio e, avanzando polas beiras do Sil, pásase o río nunha barca prá procurar a estrada de Monforte. Empoleirada nun outeiro desta estrada atópase  a moi antiga casa do “Pao do Navín”, que recolleita no seu couto máis de 100 cuartas de aceite. Nela viviu un vello de moita sona, astrónomo popular. (Deste vello ouvín moitas veces falar no meu fogar ao meu pai, o taxista Coles, pois o seu avó era caseiro na casa do Navín e o seu pai e meu avó, Ricardo, nacera nela).

Ensombrecen a estrada espléndidas árbores: castiñeiros, figueiras e concheiros e as ladeiras amosan unha abraiante vexetación.

Denantes de entrar en San Martiño óllase a úbeda herdade do Conde Torre Novaes, cos alciprestes que xa albiscaramos dende o camiño de ferro, con un abondoso viñedo, con un fachendoso pazo e un paseo, cuberto con un parreiral de mías dun quilómetro de lonxitude.

"A veiga, que se debroca na beira do río, é moi vizosa, así como tamén a vexetación que acubilla as cuíñas da beira esquerda. Non pode acharse nada máis pintoresco ca este val".

A veiga, que se debroca na beira do río, é moi vizosa, así como tamén a vexetación que acubilla as cuíñas da beira esquerda. Non pode acharse nada máis pintoresco ca este val.

Noutrora, collíase moito viño, pero o oídio fíxoo desaparecer.  Mais hoxe, por mor do xofrado, vai renacendo esta rica industria. A medida máis usual do viño é o canado, que ten 72  cuartillos galegos.  

San Martiño é unha vila pequena de 70 veciños, cabeza de partido xudicial e dun extenso concello, que abrangue máis de 8.000 habitantes. Ten cinco rúas: Real, Da Fonte, Do Lago, de Pacios e a Da Cal, con algunhas boas casas, un empedrado de lousas irregulares. Posúe unha antiga igrexa de lousa areísca escura con espadana e outra nova sen rematar. A Casa do Concello é boa, moi feas as casas das familias xornaleiras, bos comercios (o do Gallego, o do Seixo, o dos Taboada e o do Bande) e dúas xastrerías con moitas máquinas e artesáns.

               

                 O Val de Quiroga dende o alto da Moá

A estrada que vai de Monforte a Valdeorras non está rematada. Máis aló de San Martiño, atópase a propiedade de Lamela, do Señor Quiroga Vázquez, que da, entre outros produtos, de 600 a 700 carros de herba. Segundo confesan os mesmos habitantes do país, tanto aquí coma en Valdeorras, o labrego non traballa nin a décima parte do que debería prá responder á natural feracidade do chan, que, ben coidado, proporcionaría  enormes colleitas. En San Clodio é moi abundante a cantidade de millo que se recolle.

É terrible a diferencia entre os grandes pazos e propiedades case señoriais e as aldeas rurais destas bisbarras. Nada hai máis humilde, pobre e escangallado que a casa destes labregos. Contén unha escaleira interior de lousa, que conduce ao único andar principal, onde se nunha longa peza atópanse: a cociña, sen cheminea, o dormitorio e todo o demais. As paredes son mouras por dentro e por fóra, e xeralmente xacen, en indescritible desorde, tódolos trebellos da casa. No andar baixo encóntrase o cortello, cos seus espantosos cheirumes, e dende el, o porco, agarimado animal, paséase polos arredores, rube pola escaleira e osma po tódolos recunchos. Ninguén diría que nestes países tan pintorescos vive o rústico labrego de xeito tan humilde, tan pobre e tan desatendido.

A apertura do camiño de ferro e o trato e cruce con outras xentes corrixirá poñerá remedio a este lamentable estado social”. 

Deixo ó paciente lector que el mesmo tire as pertinentes resultas. A historia non so é “mestra da vida”, como dicían os latinos, tamén serve para artellar o presente e aquelar o porvir. Sen coñecela, un Pobo devécese na escuridade “morrendo a cada intre “ (poemario de Manuel María), espalanca inutilmente os seus esforzos, empobrece os seus soños, despreza a súa lingua, non ama o propio, admira o alleo, carece de espellos onde autoafirmarse, perde a súa identidade, dilúese no anonimato, está condenado a repetir o pasado de xeito tráxico e descoñece o seu devecer histórico para autoestimarse. Boa razón ten o adaxio latino: “o descoñecido, non se ama” (Incognitum, non amatur). 

Comentarios