Opinión

Plácido Castro: nós mesmos no mundo

Este é o título, ben axeitado, dunha excelente biografía do Plácido Castro del Río (Corcubión,1902-Vilagarcía de Arousa, 1967), escrita pola súa filla Susi e o politólogo Xulio Ríos, impulsores da Fundación homónima, que dedica a súa impagable tarefa a fomentar e dar a coñecer o pensamento e a obra deste galeguista histórico, inxustamente esquecido.

Non me canso de repetir teimudamente con laios dunha voz isainiana clamando no deserto. Hai que ler, reler e seguir o exemplo  dos clásicos, tanto no fornecemento ideolóxico-político como na honradez das súas actitudes: Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Castelao, Bóveda, os irmáns Villar Ponte, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade e, por suposto, Plácido Castro. Neles atópase a seiva nutricia e a fonte manantía que rega toda a leira da nación galega dende os tempos do primixenio galeguismo. Non hai que ser un xenio para decatarse de que só sendo nós mesmos podemos ser alguén no mundo, pois tal era o cerne do pensamento de Plácido Castro.

Plácido Castro aportou ao galeguismo un amplo bagaxe intelectual, especialmente en tres facianas. A saudade, fronte a unha concepción pesimista, sentimental e inhibidora era unha forza dinámica, inmensa, activa, característica dos pobos célticos, que no só supoñía a dor pola perda da Terra amada, senón unha fonte de vida e un empuxe para loitar polo seu rexurdimento.

A dicotomía nacionalismo-universalismo salvouna con grande habilidade dialéctica. O mellor xeito de incorporarse ao concerto universal dos pobos era partir dunha Galiza de seu, non acomplexada colonialmente nin “flamenquizada”, para enriquecer deste xeito o rico mosaico mundial, pois a variedade é grande riqueza do mundo e non a uniformidade. Dende a ventá dunha pequena patria pódese admirar perfectamente a regalía do universo.

Finalmente a estratexia en política exterior do galeguismo deseñouna magnificamente. Posuía un pensamento político ferventemente favorable á procura de alianzas co gallo de construír unha fraternidade ibérica, que abranguería, por suposto, a Portugal e a súa prolongación brasileira, co obxectivo de acadar unha confederación, na que Galiza estivera ao mesmo nivel que as outras nacións peninsulares. A estratexia política de acción exterior do galeguismo debía conformar unha circunferencia, non unha periferia colonial, cuxo centro e eixo era Galiza. Dende ela partían como radios cinco liñas de actuación en diferentes ámbitos xeopolíticos:

-Estatal: O Galeuzca: galeuzcanismo.

-Peninsular: Portugal e a prolongación brasileira: Lusismo.

-Atlántico: os país célticos: Celtismo.

-Europeo: Os Congresos de Nacionalidades europeas e a SDN: europeísmo e internacionalismo.

-Español: posibles alianzas coas esquerdas: esquerdismo.

Plácido Castro precisa un urxente redescubrimento pola súa poliédrica capacidade, as súas polifacéticas actividades, os seus fondos e amplos coñecementos, a súa intensa sabedoría, a súa concepción novedosa da saudade, da dicotomía nacionalismo-universalismo, das liñas estratéxicas da política exterior do galeguismo, do seu humanismo social, liberal, democrático, aberto, cooperativista, da vixencia e actualidade do seu pensamento e actitude, da súa sincera xenerosidade, da súa aposta pola unidade do galeguismo e do seu inquebrantable amor a Galiza. Se o “Sempre en Galiza” é a Biblia do galeguismo, o libriño, editado pola Fundación Plácido Castro, “101 máximas e reflexións”, serían o seu catecismo.

Lean esta biografía e descubrirán un mundo en nós mesmos e sentiranse orgullosos de ser nós mesmos no mundo.

Comentarios