Opinión

Manuel María: poeta da nación incesante

O noso meirande bardo nacional, Manuel María, naceu en Outeiro de Rei, da Terra Cha, no outono de 1929, e finou na Coruña o 8 de setembro do 2004

A Terra Cha é unha bisbarra luguesa que posúe personalidade de seu tanto ela como os seus habitantes, os chairegos, até tal punto que o escritor Paco Martín asenlla que falan un idioma especial e nalgún relato seu intervén un profesor de "chairego". Nela naceron unha morea de lumieiras das letras galegas: Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Crecente Vega, Xosé Díaz Castro, Noriega Varela, Manuel María entre os finados e Miguel Anxo Fernán Vello, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade Paredes e outros máis entre os vivos. Acada luz propia e cimeira Manuel María.

O noso meirande bardo nacional, Manuel María, naceu en Outeiro de Rei, da Terra Cha, no outono de 1929, e finou na Coruña o 8 de setembro do 2004

A Terra Cha é unha bisbarra luguesa que posúe personalidade de seu tanto ela como os seus habitantes, os chairegos, até tal punto que o escritor Paco Martín asenlla que falan un idioma especial e nalgún relato seu intervén un profesor de "chairego". Nela naceron unha morea de lumieiras das letras galegas: Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Crecente Vega, Xosé Díaz Castro, Noriega Varela, Manuel María entre os finados e Miguel Anxo Fernán Vello, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade Paredes e outros máis entre os vivos. Acada luz propia e cimeira Manuel María.

"Galiza non se podería entender sen o tándem Rosalía-Murguía ou, máis tarde, sen Castelao, a Galiza de hoxe e o medre da súa conciencia nacional non pode comprenderse sen este chairego e patriota, Manuel María"

Manuel María, ademais, das súas dotes persoais de home xeneroso, respectuoso, acolledor, agarimoso, honrado, loitador incesante, de ollada limpa e feitos sen mácula, fiel ós amigos e á Patria galega, conversador engaiolante e solidario impenitente foi un extraordinario e prolífico poeta e escritor, que percorreu tódalas correntes da lírica dende o seus primeiros poemarios, "Muiñeiro de brétemas" e "Terra Chá" deica ós libros derradeiros. Cultivou tamén o teatro e a narrativa curta, ademais de ensaios e estudos sobre a literatura e os literatos galegos. O seu quefacer a prol da cultura galega en conferencias, recitais, pregóns, celebracións, homenaxes e actos de toda clase foi inmenso e dificilmente avaliable. Tampouco debe esquecerse a súa enorme tarefa xornalística, escribindo colaboracións nas que repasaba feitos, personaxes, paisaxes e acontecementos da nosa cultura. Non vou a enumerar tódalas as súas publicacións, porque o espazo deste artigo non chega para acollelas. Mais quero insistir teimudamente que, a semellanza do que aconteceu noutras épocas, Galiza non se podería entender sen o tándem Rosalía-Murguía na segunda metade do século XIX, ou máis tarde, na primeira metade do século XX, sen Castelao, a Galiza de hoxe e o medre da súa conciencia nacional non pode comprenderse sen este chairego e patriota, Manuel María. Non houbo dende os anos 60 evento cultural en Galiza, e fóra dela, onde non estivese presente Manuel María, de xeito directo ou indirecto.

Toda a súa labor cultural foi merecente de varias homenaxes e premios, entre eles O Pedrón de Ouro, o Otero Pedrayo ou o organizado na Coruña pola ASPG, no que estiven presente. O seu enterro foi o dun Mandela galego. Non quero deixar de salientar tampouco os vencellos de Manuel María con Euskal Herria. Son estreitos e veñen de lonxe. A súa inseparable compañeira, Saleta, ten ascendencia vasca pola banda paterna. Manuel María participou en varias ocasións en numerosas xeiras euskadianas, impartindo, desinteresadamente, conferencias, recitais e pregóns nos centros e asociacións culturais galegas espalladas pola xeografía éuscara. Acostumaba a acudir ós Encontros Galeuzca de escritores vascos, galegos e cataláns. Foi un excepcional pregoeiro do Día de Galiza en Euskadi, celebrado en Laudio. Mantivo unha fonda amizade co gran poeta vasco Gabriel Aresti. Ten poemas soltos traducidos ó éuscaro e dúas obras de teatro, " A Berenguela" e "O Maio esmaiolado", versionadas polo escritor vasco e férvedo galeuzcano, Koldo Izagirre, quen, co gallo do seu pasamento, tamén traduciu unha escolma de poemas, publicado polo Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia. Dende o ano 2013 a Casa de Galicia de Donostia artellou un certame poético que leva o seu nome. O Fato Daniel Castelao e a Casa de Galicia donostiarra son amigos dende a orixe da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.  Recorreu en vida o País Vasco enteiro, polo que sentía unha fonda simpatía e unha rexa solidariedade. Proba diso son algúns poemas dedicados a esta patria adoptiva, que nos doou ós emigrantes galegos pan, familia, fogar e traballo, roborou en nós a conciencia da identidade nacional orixinaria e fomentou o senso das tarefas solidarias. Tamén gozamos dalgúns poemas non inseridos nas súa obra completa, pero preferimos dalos a coñecer no seu momento, que chegará cando a Real Academia teña a ben concretar o prego, que fornece este artigo.

No seu libro "O camiño é unha nostalxia" áchase este poema titulado "Euzkadi", que non esquece ó seu amigo Gabriel Aresti:

"Andiven dende Irun a Somorrostro
e de Uztarroz a Bergüenda.
Pasei por Gasteitz e por Donostia.
Crucei
o Gran Bilbao ou Gran Babel
coa lembranza viva como brasa
dunha máxica verba inestinguible
de Gabriel Aresti Segurola,
voz varil e clara e neboenta,
patria euskera
difícil, rexa, combatida.
O rumor do mar tiña
unha música fosca, poderosa
como a mensaxe dun antergo deus.
A luz tenra dos vales,
sufrindo un ceo gris-tristura,
escoaba
a labarada das córes da ikurriña,
símbolo dun povo
que non poderá
ser destruído endexamáis".

"Na actual conxuntura de desfeita o pensamento, a obra e a acción de Manuel María son aguillóns absolutamente necesarios para o rexurdimento de nosa nación incesante". 

Na actual conxuntura de desfeita o pensamento, a obra e a acción de Manuel María son aguillóns absolutamente necesarios para o rexurdimento de nosa nación incesante. 

Envíamos até Outeiro de Rei no voo, unhas veces xurdio outras veces silandeiro, das ás do Xistral un saúdo cordial que espalle o alento da fraternidade. Unha andoriña segue a beber no modesto regato do Cepelo e un bidueiro ispe a súa alba lanzalía para bañarse no Ladra. Namentres unha namorada troita do Miño chíscalle un ollo de complicidade ó campo da Santa Isabel. Nós, dende aquí, esta patria de Aitor, que olla ao lonxe o faro de Breogán,  só humildemente pedimos A DEDICACIÓN PRÓ ANO 2015 DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS A MANUEL MARIA.  Sufriría unha enorme decepción se tal nomeamento non acontecera.  Noutros tempos na emigración xurdiron a bandeira, o himno e a Real Academia da Lingua Galega. Tamén é hora que nesta época á emigración se lle teña en conta nalgunha xeira sementadora.
 

Comentarios