Opinión

O dereito de autodeterminación dos pobos

En virtude da rabiosa actualidade do tema por mor do procés catalán sería moi axeitado enxergar algunhas reflexións neste novembro de 2017, cimentadas nalgunhas inseridas nun artigo publicado polo filósofo Igor Filibi encol da autodeterminación dos pobos na prensa vasca (Noticias de Gipuzkoa, 2-10-2017) e noutras da miña propia colleita.

Como xa dixemos moi adoito lese na prensa e escóitase nos parladoiros que a autodeterminación dos pobos só pode aplicarse aos pobos coloniais. Prescindindo da posible discusión, que non sería moi desaxeitada e saborosa, de considerar a Catalunya, Euskal Herria e Galiza como colonias, négaselle ese dereito a estas tres nacións, un dereito democrático, consagrado pola Carta das Nacións Unidas.

Certamente, en moitos casos aplicouse na práctica a territorios arredados mar por medio da metrópole e nos que había intereses por parte das grandes potencias en consentir esa aplicación en cada momento.

Nun principio foi o socialismo quen popularizou ese dereito, en paralelo ao trunfo da Revolución Soviética e o mesmo Lenin reservouse o apoialo en función dos seus intereses en cada caso. A tal punto chegou esa popularización e espertou expectativas en todos os pequenos pobos de Europa e do mundo que o presidente de EEU, Wilson, viuse na obriga de propoñer en 1918 unha alternativa nos famosos 14 puntos, que se denominou principio das nacionalidades.

Nun principio foi o socialismo quen popularizou ese dereito, en paralelo ao trunfo da Revolución Soviética e o mesmo Lenin reservouse o apoialo en función dos seus intereses en cada caso

 

Malia as esperanzas suscitada, este principio só se aplicaría nos territorios de quen perderon a I Guerra Mundial, sobre todo os imperios austro-húngaro e otomano. É dicir, todas as potencias vencedoras, nos diferentes tratados, entre os que salienta o de Versalles, puxéronse de acordo para aplicalo nos imperios vencidos, pero non nos seus propios territorios. Permitiron, sen embargo, e dentro da Sociedade de Nacións (SDN), a creación dun Congreso de Nacionalidades, que tivo xuntanzas, pero escasa repercusión na praxe. Recoñecía formalmente as nacionalidades e minorías nacionais, pero non tiña facultades nin atribucións para que estas exercesen o dereito de autodeterminación.  Euskadi e Catalunya enviaron representantes a este Congreso e ás súas reunións, dende os anos 20 do século XX, sendo os máis coñecidos o vasco Pantaleón Ramírez de Olano e o catalán Francesc Maspons i Anglasell. Galiza non entraría nese Congreso até 1933, previo un acordo do Galeusca dese mesmo ano, mediante a presencia de Plácido Castro, que presentou un informe elaborado por Vicente Risco

Despois da II Guerra Mundial aconteceu algo semellante. O primeiro artigo da Carta das Nacións Unidas, asinada após a Conferencia de San Francisco a que acudiu o lehendakari José Antonio Aguirre, consagraba como un dos principios básicos da ONU o fomento entre as nacións de relacións de amizade baseadas no respecto ao principio da igualdade de dereitos e da libre determinación dos pobos, sen especificar se estes estaban arredados doutros polo mar. Os mesmos principios asentaba o Pacto Internacional de Dereitos Civiis e Políticos, subscrito na Asemblea Xeral da ONU, resolución 2200 A (XXI) o 16 de decembro de 1966. Este Pacto, que entrou en vigor o 23 de marzo de 1976 e foi asinado e ratificado polo Estado español comezaba o seu artigo 1º, 1:Todos os pobos teñen o dereito de libre determinación. En virtude dese dereito estabelecen libremente a súa condición política e dótanse así mesmo do seu desenrolo económico, social e cultural”. No mesmo artigo, 3º, 3, dicía: “Os Estados parte no presente Pacto, incluso os que teñen responsabilidades de administrar territorios non autónomos e territorios en fideicomiso, promoverán o exercicio do dereito de libre determinación, e respectarán ese dereito en conformidade coas disposicións da Carta das Nacións Unidas”.  O artigo 2º, 2, aínda especificaba máis: ”Cada Estado Parte comprométese a adoptar, consonte aos seus procedementos constitucionais e ás disposicións do presente Pacto, as medidas oportunas para ditar as disposicións lexislativas ou de outro carácter que fosen necesarias para facer efectivos os dereitos recoñecidos no presente Pacto e que non estivesen xa garantidos polas disposicións lexislativas ou de outro carácter”

Galiza non entraría no Congreso das Nacionalidades da Sociedade de Nacións até 1933, previo un acordo do Galeusca dese mesmo ano, mediante a presencia de Plácido Castro, que presentou un informe elaborado por Vicente Risco

 

Este importante documento, asinado e ratificado pola maioría dos Estados do mundo, foi impulsado, principalmente, polo acordo das dúas superpotencias naquel intre, EEUU e a URSS, malia as súas diferenzas ideolóxicas, económicas e estratéxicas. Pero impulsaron a libre determinación dos pobos nos territorios dependentes das potencias que daquela eran de segundo orde, é dicir, as europeas, coa finalidade de desmantelar os seus imperios coloniais, como aconteceu en boa medida. Desta maneira autodetermináronse as colonias de África e Asia. O dereito internacional, ao abeiro deste longo proceso, foi construíndo a famosa doutrina pola que o “perigoso” dereito de autodeterminación só podería aplicarse nas colonias arredadas “mar por medio”, tratando de limitar o seu impacto nos territorios continentais europeos. Mais estados europeos democráticos e non tanto, p.e. Francia en Alxeria ou Portugal en Angola, opuxéronse coas armas á autodeterminación das súas colonias. E tampouco o dereito de autodeterminación se produciu sempre máis aló dos mares como é o caso do Sahara occidental.

Os principais impulsores deste principio, as dúas superpotencias, estiveron consontes en non aplicalo nos seus territorios e dominios. Os países bálticos e algúns pobos, que estaban recoñecidos como repúblicas, só puideron exercer verdadeiramente o dereito de autodeterminación, cando desapareceu a URSS. Neste caso, os Estados occidentais fixeron unha interpretación laxa do principio para empregalo axiña, co gallo de estragar o poder soviético. Empurraron a idea de que a vontade popular non podía ser constrinxida polo poder imperial de Moscú e alentouse aos movementos civiis dos países do leste europeo a que declarasen a independencia, acontecendo o mesmo na antiga Iugoslavia.

Acadado este obxectivo, foise apuntalando a doutrina de que xa ningún territorio podía declarar a independencia sen contar con visto bon do estado, como sucedeu no caso escocés, pero cando interesou tamén se aceptou unha excepción a esta suposta norma no caso de Kosovo e Rusia basearíase neste antecedente para incorporar Crimea. E a Corte Internacional de Xustiza sinalou, malia non entrar no fondo da cuestión, que unha declaración de independencia unilateral, en si mesma, non estaba prohibida polo Dereito Internacional, como moi ben insistiu en data recente Oriol Junqueras no programa televisivo, El Objetivo, de LaSexta.

Un exemplo, non moi afastado no tempo, de que a autodeterminación non está limitada ás supostas colonias é o de Alemaña. En 1949 os alemáns occidentais redactaron a Lei fundamental de Bonn. Curiosamente, as mesmas potencias que proclamaban o dereito de autodeterminación nas Nacións Unidas repartíranse o territorio alemán en catro zonas. Os alemáns occidentais, que non lle quixeron chamar Constitución senón lei fundamental, ao documento que consolidaba a división de Alemaña, indicaban no preámbulo que os redactores do texto actuaran tamén en nome dos alemáns a quen lles estaba impedido participar. Concluían afirmando que o pobo alemán, no seu conxunto, quedaba comprometido a completar a unidade de Alemaña mediante a libre determinación, o que aconteceu en 1990, coa caída do muro de Berlín e a desaparición da URSS. 

A Corte Internacional de Xustiza sinalou, malia non entrar no fondo da cuestión, que unha declaración de independencia unilateral, en si mesma, non estaba prohibida polo Dereito Internacional

 

Hai anos, despois das insistentes demandas de Quebec para ser recoñecido como suxeito político e poder convocar un referendo e a celebración de dúas consultas en 1980 e 1995, que perderon os partidarios da independencia de Quebec por unha estreita marxe,  a Corte Suprema canadense ditaminou que lle asistía ese dereito a Quebec e fundamentouno no principio democrático, non no principio federal. É dicir, a Corte Suprema entendía que Canadá era un estado democrático e non podía negar ese dereito a Quebec. A sentenza da Corte Suprema de 20 de agosto de 1998 estabelecía:

-Quebec non ten o dereito a separarse unilateralmente segundo a lexislación canadense ou internacional. Sen embargo, o Goberno de Canadá tería que entrar en negociacións co goberno de Quebec se os quebequenses expresasen unha clara vontade de separarse. 

-O Parlamento de Canadá tería a facultade de determinar se a pregunta do referendo sería dabondo clara para provocar ditas negociacións. 

-A Constitución de Canadá permanecería en vigor até que os termos da secesión foran acordados por todas as partes involucradas, e estes termos deberían respectar os principios da democracia e os dereitos das minorías e dos individuos. 

Posteriormente Canadá promulgou unha lei, chamada da claridade, o 29 de xuño do 2000, pola que se o resultado era claro, o goberno canadense estaría na obriga de negociar os termos da saída de Québec.

A Corte Suprema entendía que Canadá era un estado democrático e non podía negar ese dereito a Quebec

 

Outro exemplo máis recente sería o de Montenegro, un país que ten unha superficie de 13.812 km² cuns 625.300 habitantes. Un pouco máis de superficie que Euskadi e menos da metade que Galiza. Tras a disgregación da antiga Iugoslavia en 1992, integrouse na República Federal de Iugoslavia e dende o 4 de febreiro do 2003 formou a Federación de Serbia e Montenegro. O 21 de maio de 2006 celebrouse un referendo, aprobado polo parlamento de Montenegro, cuxo obxectivo principal era a independencia. As presións internacionais, sobre todo as procedentes da Unión Europea, obrigaron o parlamento de Montenegro a estabelecer unha serie de requisitos dabondo leoninos: unha porcentaxe mínima de participación do 50%, que dotase de lexitimidade ao resultado, independentemente de que a vitoria fose do “si” ou do “non” e un albor mínimo de “Sis” a prol da independencia que superase 55%. No referendo alcanzouse unha porcentaxe moi alta de participación (86.49%), gañando o si por unha estreita marxe (55,5%,). O resultado foi rechamante, tendo en conta que arredor de 30% da poboación montenegrina é de orixe serbia. O novo Estado de Montenegro foi  proclamado o 3 de xuño do 2006 e o referendo supoñería a súa independencia, recoñecida pola comunidade internacional. O país é membro da OTAN e candidato oficial a entrar na Unión Europea.

Deberíase aprender dun país terceiromundista como Etiopía, que no artigo 30,1 da súa Constitución, promulgada en 1995, di (traduzo directamente do inglés):” Toda nación, nacionalidade ou Pobo en Etiopía ten dereito incondicional á súa libre determinación, incluíndo o dereito á secesión”. Antes, despois dunha guerra de 30 anos que rematou en 1993, xa se independizara Eritrea de Etiopía mediante un referendo aprobado pola maioría da poboación e aceptado pola comunidade internacional.

Outro caso interesante é o de San Cristóbal e Nieves, o país máis pequeno de América, con menos de 60.000 habitantes, dúas illas caribeñas, que pertencen a Conmonwealth e contemplan o dereito de autodeterminación na súa Constitución, artigo 113. Foi promulgada en 1983, e nela estabeleceuse a posibilidade para a illa de Nieves, a máis pequena, de independizarse de San Cristóbal,  se así o declaraban dous terzos da súa cámara de representantes e votaban a favor outros dous terzos da poboación nun plebiscito posterior, necesitando, ademais, elaborar un borrador de Constitución que consignase o modelo de Estado que tería Nieves, sendo este accesible á poboación da illa no mínimo 90 días antes de participar no referendo. En 1998 realizouse un referendo de autodeterminación, posterior á necesaria aprobación da cámara da Illa, que rondou a alta porcentaxe do 62% de votos a favor da independencia. Malia o resultado, esta porcentaxe non alcanzou os dous terzos necesarios para continuar o camiño da independencia da illa.

Un espello democrático de celebración dun referendo nunha nación europea integrada nun Estado foi o exemplo de Escocia. Era un reino soberano antes da aprobación da Acta de Unión de 1707 pola que foi incorporado a Reino de Inglaterra para estabelecer o Reino Unido. En 1979 celebrouse un referendo para restabelecer a Asemblea Lexislativa de Escocia, despois da súa supresión en 1707. Non prosperou, pois, malia a votación maioritaria polo Si, non acadou o quórum do 49% do electorado. Despois de insistentes peticións nese senso e da aprobación polo goberno escocés en novembro do 2013, o 18 de setembro do 2014 celebrouse un referendo sobre a independencia escocesa, previo acordo do goberno autónomo escocés, presidido por Alex Salmond do SNP, e o do Reino Unido, abandeirado polo conservador David Cameron. A pregunta do referendo era moi sinxela: “ «¿Debería Escocia ser un país independente? Si ou Non». Para aprobarse a proposta da independencia, os resultados do referendo precisaban unha maioría simple. O «Non» á independencia impúxose con 55,3% dos votos, fronte 44,7% dos partidarios da secesión, con unha alta participación de 84,%.

En Europa un precedente próximo foi o da República de Crimea, que declarou a súa independencia de Ucraína tras un referendo celebrado o 16 de marzo do 2014, antes da anexión a Rusia. O referendo non foi recoñecido nin por Ucraína, nin oola Unión Europea nin polas Nacións Unidas.  Mediante referendo xurdiron como Estados independentes: Liberia (1846) Noruega (1905), Islandia (1944), Eslovenia (1990), Xeorxia, Uzbekistán, Ucraína, Estonia, Letonia, Lituania, Croacia e Macedonia (1991), Bosnia-Herzegovina (1992), Eritrea (1993), Timor Leste (1999), Montenegro (2006) e Sudán do Sur (2011). Despois de celebrar referendos con resultados positivos, non foron recoñecidas polo Estado titular Transnistria por parte de Moldavia (1992), Nagorno-Karabaj por parte de Azerbaián (1992) e Osetia do Sur (2006) por parte de Xeorxia. No caso de Osetia do Sur, despois da segunda guerra contra Xeorxia, Rusia recoñeceu a súa independencia en agosto do 2008, así como Nauru (situado na Micronesia), Nicaragua e Venezuela. Pero este recoñecemento carece do apoio da ONU e rexéitano a Unión Europea e os EEUU. Ademais celebráronse referendos de independencia, con resultado negativo, na Polinesia Francesa (1958). Maiote, no arquipélago das Comores (1974 e 1976), os xa citados de Quebec (1980 e 1995), a Illa de Nieves (1998) e Porto Rico (1967, 1998, e 2012).

Mediante referendo xurdiron como Estados independentes: Liberia (1846) Noruega (1905), Islandia (1944), Eslovenia (1990), Xeorxia, Uzbekistán, Ucraína, Estonia, Letonia, Lituania, Croacia e Macedonia (1991), Bosnia-Herzegovina (1992), Eritrea (1993), Timor Leste (1999), Montenegro (2006) e Sudán do Sur (2011)

 

Por moito que algúns politólogos, sabios de parladoiros e profesores españois de Dereito Internacional Público insistan en encerrar a autodeterminación dentro dunha concreta interpretación legal diante do referendo catalán, o certo é que toda a evolución teórica e práctica deste principio demostra que non se pode reducir a un tema xurídico, senón esencialmente político e como tal debe ser abordado. Os países máis democráticos do mundo foron capaces de procurar fórmulas para solucionar a cuestión. É o caso de Canadá con Quebec, o Reino Unido con Escocia, Holanda coas súas illas do Caribe, Dinamarca coas illas Feroe ou Groenlandia, Bélxica con Flandes.... Hai fórmulas diferentes, pero todas comparten un principio común: o recoñecemento da existencia política dun pobo distinto dentro do Estado e, por conseguinte, o recoñecemento da súa capacidade para decidir o seu futuro, incluíndo a posibilidade de marcharse se así o desexara unha maioría democrática. É obvio que so se pode afirmar que un pobo está voluntaria e democraticamente nese Estado, se, tendo o dereito real de irse, decide quedarse.

Ao chamado contencioso catalán súmase unha traxectoria histórica singular, salpicado de momentos que evidencian as permanentes arelas independentistas do pobo catalán. Non cabe dúbida que Cataluña é una nación, pois cumpre os caracteres que a definen como tal, foi independente en diferentes momentos do seu pasado, amosou en moi diversas conxunturas desexos independentistas, unha boa parte da súa poboación pronúnciase a prol de exercitar a súa vontade a través do dereito a decidir e en moitas e distintas tesituras non estivo a gusto dentro do corsé imposto polo Estado español, sublevándose en múltiples ocasións contra el.

Nas idades media e moderna os novos reinos agregábanse ou desagregábanse mediante tres procedementos: negativas de obediencia ao seu señor, rei ou príncipe, guerra de anexión ou desanexión e vía matrimonial.

Cataluña pertencía á Marca Hispánica do imperio carolinxio e enceta o proceso de desanexión con Wifredo, O Peludo, a finais do século IX, que culmina a finais do X, cando o conde Borrell II non lle presta o xuramento de fidelidade aos reis francos Capetos. Cara mediados do século XII Ramón Berenguer IV casa con Petronila de Aragón e intégrase no reino de Aragón, pero mantendo as súas privativas institucións catalanas nunha confederación, a Coroa de Aragón, á que se unirán, os reinos de Valencia e Mallorca, que tamén manterán as súas propias institucións, mediante o tradicional pactismo, moi típico do dereito pirenaico, moi distinto do autoritarismo castelán, como se pode estudar no diferente funcionamento das Cortes nas dúas Coroas. Cando se unan por vía matrimonial, a través do casamento de Isabel e Fernando, os Reis Católicos, cada reino e territorio seguirán conservando as súas lei forais e institucións, exército e moeda incluídas, até a abolición polos Decretos de Nova Planta, promulgados por Filipe V, entre 1705 e 1716. 

Os cataláns, emporiso, nunca estiveron dabondo contentos con esta integración como o demostran varios acontecementos, que enumero brevemente e sen entrar en detalles. Entre 1640 e 1659, durante a chamada Guerra de Secesión, con proclamación incluída como República a cargo de Pau Clarís en xaneiro de 1641, Cataluña foi independente da Coroa de Castela, alzada por mor dun ferreño proxecto centralista do Conde Duque de Olivares, cuxo informe elevado ao rei Filipe IV é digno de gorentar polo que ten de actualidade. Volveu a rebelarse na denominada Guerra de Sucesión entre 1704-1704, que rematou coa abolición dos seus Foros polos Decretos de Nova Planta, xa citados. A finais do século XIX  o Memorial de Greuges ou agravios, presentado ao rei Alfonso XII en marzo de 1885, as Bases de Manresa de 1892, verdadeira acta de nacemento do catalanismo político, a forzada concesión dunha Mancomunidade a Catalunya en 1914, o proxecto de autonomía rexional de 1919, o pacto da Triple Alianza de 1923, que apostaba directamente pola independencia de Catalunya, Euskadi e Galiza, o pacto da Liga de Nacións Oprimidas de 1924 e da Libre Alianza de 1925 no exilio francés, o intento fracasado da invasión de Prats de Molló en 1926,  a proclamación en 1928 en Cuba da Constitución Provisional da República Catalana, a declaración por Francesc Macià da República Catalana como estado integrado en la Federación Ibérica o 14 de abril de 1931 e a proclamación do Estado catalán dentro da República Federal Española polo president Lluis Companys o 6 de outubro de 1934 son fitos que amosan con claridade os persistentes degaros do pobo catalán. Os acontecementos producidos dende o ano 2010, cun teimudo torpedeo por parte do goberno central fronte ás propostas catalanas son dabondo coñecidas, sobre todo, o “cepillado” do Estatut polo Tribunal Constitucional. 

Cataluña foi independente da Coroa de Castela, alzada por mor dun ferreño proxecto centralista do Conde Duque de Olivares

 

Atribúese ao xeneral Espartero a frase:”Barcelona debe ser bombardeada, polo menos cada 50 anos para mantela á raia”. Esta cidade foi bombardeada en sete ocasiones: 1651, 1705, 1842, 1843, 1909, 1934 e varias durante a guerra civil do 36-39. En outubro de 1934 foi suspendida a autonomía catalana, mediante a aplicación dun instrumento semellante ao do artigo 155 da actual Constitución española, e o goberno da Generalitat foi condenado a 30 anos de prisión e encarcerado. Sairía da cadea tras as eleccións do Fronte Popular en febreiro de 1936. A represión franquista durou 40 anos. Que conseguiron os distintos gobernos españois coa praxe do pau e tente teso? Nada. Só un cabreo crecente e cada vez máis multitudinario da sociedade catalana, á que están abocando a unha sublevación xeneralizada. Os problemas de orde política non deben solucionarse mediante represións, golpes de estado militares e/ou xudiciais, pois so contribúen a acendelos ou, en todo caso, enquistalos momentaneamente, mais rexorden en canto o ar aventa as cinzas. Ningún animal dá couces contra un aguillón, agás algúns racionais bípedes.

Barcelona foi bombardeada en sete ocasiones: 1651, 1705, 1842, 1843, 1909, 1934 e varias durante a guerra civil do 36-39

 

A miña actividade docente durante 40 anos incitoume a facturar unhas curtas conclusións didácticas, que non filosóficas, pois agora até as mentes máis preclaras queren que lle doen todo dixerido para non ten moito que pensar. Por iso procuran quitar a Filosofía do ensino secundario, co fin de que os rapaces sexan ovellas submisas. De todas estas disquisicións pódense, polo tanto deducir, tres conclusións:

1.-O dereito de autodeterminación está contemplado como un principio democrático dende fai un século no Dereito Internacional e nos Pactos e resolucións da ONU e nas Constitucións e leis dalgúns estados.

2.-Existen, emporiso, diverxencias de comenencia no tocante ao xeito, procedementos, momento e territorios onde se debe aplicar, que dependen fundamentalmente dos intereses en xogo por parte das potencias.

3.-Todas estas diferenzas e dificultades son facilmente salvables, se existe vontade política de solucionalas por parte dos gobernos, estados e nacións implicadas.

        

Comentarios