Opinión

Curros e Euskal Herria

Celanova é unha vila galega, capitalidade dunha bisbarra ourensán da nación fisterral. Enfeitiza o casco urbano  un impresionante mosteiro, fundado por San Rosendo, e unha sinxela e pudorosa igrexa suevo-visigótica, a de San Miguel. Emporiso, unha das glorias meirandes desta vila é o ter sido berce de dous grandes vates galegos, Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

Celanova é unha vila galega, capitalidade dunha bisbarra ourensán da nación fisterral. Enfeitiza o casco urbano  un impresionante mosteiro, fundado por San Rosendo, e unha sinxela e pudorosa igrexa suevo-visigótica, a de San Miguel. Emporiso, unha das glorias meirandes desta vila é o ter sido berce de dous grandes vates galegos, Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

"Esta estadía vasca inxectoulle unha non finxida admiración pola cultura popular éuscara e serviulle de roupaxe argumental para unha novela en castelán"

Manuel Curros Enríquez, o bardo máis civil e social dos tres, formaría con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal a tríade iniciadora do Rexurdimento da lingua e literatura galegas após de varios séculos de escurecemento. Curros nacera en Celanova en setembro de 1851. Aos 15 anos foxe da casa petrucial por mor do carácter autoritario do seu pai e trasládase a Madrid, crónico sumidoiro de moitas vontades periféricas. Na capital do “Reino das Hespañas”  “gozaría” da "Corte dos milagres da farsa e licencia da raíña castiza" e viviría os acontecementos do derrubamento da monarquía isabelina en 1868 e o sexenio revolucionario posterior. 

Dende decembro de 1875 a marzo de 1876, durante a Segunda Carlistada, residiu na liberal San Sebastián, asediado polos carlistas, exercendo de correspondente do xornal madrileño "El Imparcial", ao que remesaba crónicas da guerra dun xeito epistolar. Esta estadía vasca inxectoulle unha non finxida admiración pola cultura popular éuscara e serviulle de roupaxe argumental para unha novela en castelán, pouco coñecida, "Paniagua y Compañía", que transcorre entre Donosti e Guetaria e cuxo protagonista é un rexo loitador carlista. Trabou amizade co bersolari "Bilintx", deuno a coñecer nas súas reportaxes xornalísticos e a maior tristura que asolou o seu corazón, amosada nas crónicas, foi asistir á morte do vate popular producida por un obús guindado dende as baterías carlistas do monte Oriamendi. Este é un anaco dun poema de Curros dedicado a "Bilintx":

"En la chocita blanca del monte inculto
donde a la patria rinde sagrado culto,
del amor de sus hijos puesto al amparo
vive Vilinch, el tierno poeta eúscaro.

O relato do pasamento do bardo vasco, inserido no "Imparcial" o 21 de xaneiro de 1876 é unha peza antolóxica de admiración, respecto e sincero pesar:

"Curros, sen saber éuscaro, comprendíao, porque para entender as tonalidades dunha lingua, símbolo fundamental dun pobo, e dos seus desexos liberadores, só é preciso abrir as fiestras do corazón"

"Hai en San Sebastián un poeta eminentemente popular: fillo deste país, minguado de instrución, mais dotado de privilexiadas luces, dunha imaxinación ardida e feraz e dun corazón ateigado de entusiasmo e de elevados e limpos sentimentos; este poeta é nestas provincias unha especie de Ossiam, cuxos cantares están inspirados no máis nobre concepto de liberdade. Este poeta, de todos coñecido, por todos venerado nesta terra, endexamais compuxo versos en castelán; namorado do idioma patrio, como Lamas Carvajal e Serafi Pitarra, as súas composicións son concibidas e escritas en éuscaro; así como as daqueles, cada unha das súas poesías é unha xoia para os que saben estimalas e coñecen as belezas da linguaxe na que están escritas. Mais observo que me estendo dabondo sen participarlles a nova prometida. Quería escribir con cor de rosa o que por forza debería escribirse con sangue. ¡Tan tristeiro é dicir que agoniza un poeta!."

Curros, sen saber éuscaro, comprendíao, porque para entender as tonalidades dunha lingua, símbolo fundamental dun pobo, e dos seus desexos liberadores, só é preciso abrir as fiestras do corazón con un salaio fraternal ó sopro vivificador da liberdade, á luz refulxente da xustiza e ó canto engaiolante da solidariedade.

Comentarios