Opinión

A dereita non le O Quixote

Este ano 2020 coincide co calendario de 1936 e anda a dereita alporizada e acomete cal xabarín ferido como se implorase un novo 18 de xullo, inclusive apelando a un levantamento militar por parte de algún xerarca que goza de loureiros europeos. 

Esta dereita cavernícola, vociferante, avinagrada, tabernaria, fanática, irrespectuosa, intolerante, reaccionaria, groseira, mal educada, rancia, fidalga “de goteira e bragueta” e “de forca e coitelo”, de ala triste e esgrima fácil, xesticulante, broncófila, colérica, de verbo malsoante, trabucaire, contubérnica,  nacionalcatólica, de bandeiras ao vento, picas en Flandes, pretas filas, palmas en alto e cara ao sol sen camisa nova alardeou das súas “virtudes” conxénitas nas últimas sesións parlamentarias.

Ela autoproclámase como a exclusiva posuidora do poder, sentinela de occidente, vixía e salvagarda das esencias hispanas, admiradora confesa  das glorias do imperio español e hooligan sublimadora dos valores inherentes ao Quixote, ao que considera paradigma, honra, gloria e prez da españolidade. Pero non o le ou o interpreta desaxeitadamente. Aos seus ilustres dirixentes recoméndolles vivamente  a lectura desapaixonada desta obra, a máis insigne e enxeñosa da literatura castelá, pola que sinto inmenso aprecio. É o mellor documento literario e histórico, o más crítico e revelador, dunha España onde xa se albiscaba o ocaso imperial.

Se nos son quen de entender o roman paladino cervantino do século XVII debido ao seu feble entendemento, non precisan un master actualizado en esperanto peninsular e poden acudir á lectura do libro “El contexto histórico-estructural de El Quijote”, dotado dun léxico máis actualizado.

 A sociedade española da segunda metade do século XVI e comezos do XVII era complexa, contraditoria, en proceso de cambio e tendencia á crise, que Cervantes, perspicaz notario do seu tempo, representou como ninguén na súa novela polifónica, poliédrica e pesimista. Da disección cirúrxica da inmortal obra pódense tirar un alto continxente maxisterial, apoucado nestas reflexións.

  Cervantes reflectiu no Quixote un amplo panorama da problemática social un fiel espello e retablo da crise. Agudamente satírico e doridamente nostálxico, pasou revista ós múltiples problemas que magoaban o variado mosaico da sociedade española do século de Ouro: a crise económica, a presión fiscal, a corrupción, o desgoberno dos validos, a  xustiza, a burocracia, a procura da mantenza, a guerra, o concepto do honor e da honra, a situación do campesiñado, o bandoleirismo, a pobreza, a picaresca e a marxinación. Polo Quixote desfilan máis de 300 personaxes, que ofrendan a máis diversa, rica e enfesta paisaxe social da época, metáfora e metonimia dunha España imperial onde non se coñecía o solpor. Nela a oposición de contrarios facía que o realista Sancho se quixotice e o idealista Don Quixote, empurrado polo honor, a gloria e o amor, se sanchifique.

 Manifestou e denunciou a nova concepción da economía por mor da instauración do trunfo do diñeiro, pois como dicía Sancho:”dos linajes hay en el mundo, que son el tener y el no tener”. O pago en diñeiro substitúe o troco e as vellas mercedes. Sancho reivindica o salario fronte a concepción vasalática do Quixote.  A presión dunha conxuntura  hostil favoreceu a aprendizaxe da corrupción e o nepotismo, denunciados sen disimulo polo Quixote. O Tacitismo, ideoloxía que promovía unha actitude conformista e servizal cara o Rei, barríao todo. Os políticos impoñíanse ós xuristas e o mecenado político ó dereito. Era a época da elevación social do intruso, beneficiado pola especulación dos cereais, revendedor de cargos, mercador de títulos e señoríos. O poder transfigúrase, porque o que non xira arredor del é marxinación. Inclusive a liñaxe falsifícase. A ética da conxuntural da necesidade e da oportunidade trunfa sobre a ética estrutural dos principios.

Fixo acenos suxestivos á utopía. Cervantes quizais matinaba que había que loitar polo imposible para acadar o posible e devecía pola utopía societaria da Idade Dourada, que pon na boca de Don Quixote:

 "Dichosa edad y siglos dichosos aquellos a quien los antiguos pusieron nombre de dorados, y no porque en ellos el oro, que en nuestra edad de hierro tanto se estima, se alcanzase en aquella venturosa sin fatiga alguna, sino porque entonces los que en ella vivían ignoraban estos dos palabras de tuyo y mío. Eran en aquella santa edad todas las cosas comunes...Todo era paz entonces, todo amistad, todo concordia... No había la fraude, el engaño ni la malicia mezclándose con la verdad y la llaneza. La justicia se estaba en sus propios términos, sin que la osasen turbar ni ofender los del favor y los del interese, que tanto la menoscaban, turban y persiguen. La ley del encaje aun no se había sentado en el entendimiento del juez, porque entonces no había que juzgar ni quien fuese juzgado" (I parte, cap. XI).

Amosou unha particular sensibilidade cara a marxinación. Cervantes foi un marxinado: de estirpe probablemente conversa orixinaria da Galiza extensa, sufriu cadea en tres ocasións, cativo en Arxel, pasou problemas económicos, formou unha familia de de dubidosa reputación, mutilado de guerra sen pensión e escritor serodiamente recoñecido. Non era un personaxe “politicamente correcto” e, aínda que ás veces, pregouse ós poderosos para sobrevivir nunha España onde a crítica aberta podía carrexar tesos quebrantos, demostrou unha especial sensibilidade cara os distintos colectivos de marxinados da sociedade. Mentres alcuma á nobreza histórica de parasitaria realiza unha apología das camadas populares. Da súa pluma agroma unha ardente e aberta simpatía polos humildes e pobres, saíndo en defensa dos desleixados, explotados e asoballados como o pastorciño André, a corda de galeotes, o mourisco Ricote ou Marcela fronte ós agresivos pastores.

 Cervantes, con anterioridade a Cunqueiro e a García Márquez, xa utilizou o realismo máxico.  Aínda que miraba de esguello con simpatía o soño da pasada Idade Dourada, o pragmatismo da súa axitada experiencia vital na Idade de Ferro en que vivía obrigouno a xirgar o mesianismo nostálxico, utópico, irrealizable, quixotesco, de proxenie xudía, cruzándoo co realismo humorístico, benevolente e pancesco, de avoengo galego, a medio camiño entre Castelao e Cunqueiro, para rematar desenrolando un realismo social, posibilista e reformista, con reberetes máxicos, na liña do que afirmaba o arbitrista González de Cellorigo:"No parece sino que se han querido reducir estos reinos a una república de hombres encantados que viven fuera del orden natural".

O Quixote é a despedida dun soño imperial. O mundo no que naceu o Quixote era un mundo de sensación de fracaso, de pesimismo, de humillación, de desengano, quizais de desespero. Era a mentalidade subseguinte á derrota da Armada Invencible (1588), do tratado de Vervins (1598) con Francia, do convenio con Inglaterra (1604) e da tregua con Holanda (1609), tratados todos eles nada benéficos para os intereses imperiais españois.

Pero á marxe desta evidente realidade, España prefería soñar, soño interpretado por Cervantes de xeito sublime e contraditorio, como unha especie de refuxio fronte a fin dun mundo a piques de fenecer. Segundo Pierre Vilar o escritor dixo un "adeus irónico, cruel e sensible aos valores feudais, cuxa desaparición do mundo prepararon os españois sin querelo e, paradoxalmente, a cambio da súa ruína e da supervivencia do seu país. O secreto do Quixote agóchase nesta dialéctica orixinal do imperialismo español".      
            Era consciente da diversidade cultural e lingüística española. No Quixote está claro que Cervantes tendía a representar a España como un espazo común, fertilizado por un mosaico rico en identidades diversas, unidas por lazos históricos, relixiosos e políticos, cuxo amalló umbilical sería a figura do monarca. De feito, non ten reparo en admitir a coexistencia de linguas como a aragonesa (sic) (II parte, cap. LIX) ou a catalana (II parte, cap. LIX) e prega respecto para todas, incluída a "biscaíña", favorecendo o seu uso:

 "Todos los poetas antiguos escribieron en las lenguas que mamaron en la leche, y no fueron a buscar las extranjeras para declarar la alteza de sus conceptos; y siendo esto así, razón sería se extendiese esta costumbre por todas las naciones, y que no se desestimase el poeta alemán porque escribe en su lengua, ni el castellano, ni aun el vizcaino que escribe en la suya" (II parte, cap. XVI). Si é verdade que omite a lingua galega, no cal parécese ao resto dos escritores españois da época, que a desprezaban.

O seu antifundamentalismo militante aparece con sagacidade en moitas pasaxes. Non cabe dúbida que Cervantes inclinábase polos favorables ao exercicio da razón de estado na polémica suscitada nesa época entre tradicionalistas ou fundamentalistas, seareiros ferventes do belicismo contra calquera que ousase lixar a relixión, e os tolerantes, máis pragmáticos e posibilistas. Sancho dicíalle ó bacharel Sansón Carrasco:"Tiempos hay de acometer, y tiempos de retirar, y no ha de ser todo Santiago y cierra España" (II parte, cap. IV). Noutra ocasión Don Quixote  replicáballe a Sancho:"las cosas de la guerra, más que otras están sujetas a continua mudanza".

Cervantes manifesta un certo escepticismo patriótico. Refírese ao concepto de patria en numerosas ocasións e insiste na obriga de defendela por parte dos súbditos. Pero resulta difícil discenir que entende por patria o autor do Quixote e sementa un mar de dúbidas no lector. Na meirande parte das mencións identifica a patria con España ou Castela; outras coa aldea natal ou patria “chica” (O Toboso), ás veces cunha cidade (Granada ou Barcelona); en ocasións cunha rexión (A Mancha), tamén co lugar de nacemento e só nunha cita nación substitúe á patria.  

 Cervantes, que sufriu a súa perda en varias tesituras, no Quixote insire o máis fermoso canto á liberdade: “La libertad, Sancho, es uno de los más preciosos dones que a los hombres dieron los Cielos; con ella pueden igualarse los tesoros que encierra la tierra, ni el mar encubre: por la libertad, así como por la honra , se puede y se debe aventurar la vida, y por el contrario, el cautiverio es el mayor mal que pude venir a los hombre” (II parte; capítulo LVIII).

É moi interesante a presencia da dialéctica: peche ou apertura de España. Non comprende Cervantes o significado do encerro ensimesmado de España fronte o alleo, Esta dialéctica entre peche e apertura en España circula por tódalas veas do Quixote e foi e é un eterno problema, que tamén denunciaron poetas como Antonio Machado, no seus versos “Españolito que vienes al mundo” , Goya, no cadro “Riña a garrotazos” e o mesmo Ortega y Gasset na análise do tema da “pireinización”. O “encantado” Quixote decíalle ó seu realista escudeiro : "Yo así lo creo-respondió Sancho- y querría que vuestra merced me dijese qué es la causa porque dicen los españoles cuando quieren dar alguna batalla, invocando aquel san Diego Matamoros: "¡Santiago, y cierra España!". ¿Está por ventura España abierta y de modo que es menester cerrarla, o qué ceremonia es ésta?" (II parte, cap. LVIII).

Cervantes estaba ancorado no seu presente sobre o que mantiña chiscadelas incrédulas e desconfiadas, encetando un diálogo desasosegante coas máis distintas instancias: as institucións, os debates sociais, políticos, económicos e culturais da súa época, a guerra, a política de raza, xénero e clase social, o desprestixio da monarquía, a expulsión dos mouriscos, a Inquisición, a razón de estado, a fame, a peste, a depresión económica, a decadencia e o imperialismo.

Colocou moitas categorías en crise, aínda que non levou a cabo un asalto despiadado contra elas nin unha crítica rexa e intencionada, imposible de publicar na época por mor da censura inquisitorial. Malia o paso de máis de catrocentos anos encontrámonos suxeitos a ansiedades non tan desemellantes como as cervantinas: a razón imperial, a guerra inxusta, os conflitos relixiosos, os contenciosos políticos, as reivindicacións nacionais, as revoltas sociais, as catividades diversas, as marxinacións e desigualdades, asoballamentos varios, intolerancias múltiples, inquisicións abertas ou solapadas, torturas etc.. A pregunta é: os retos actuais resolveranse mediante a intolerancia do peche ou o diálogo da apertura?.

           

Comentarios