Opinión

Retrato atípico dun alcalde típico. Desmontando a Cerceda imaxinaría de García Liñares

Lignitos de Meirama SA (LIMEISA), Centrál Termica de Meirama. Mina de Meirama. Lago de Meirama. É  Fenosa quen decide agochar unha loita épica das mulleres e homes das Encrobas. Chegaron e sentíronse donos do territorio e mesmo das indíxenas, menosprezaron as xentes que habitaban o farturento val inzado de cerdeiras e  regado polo rio Barcés, polos regatos das cuncas do xalo e de Pau Rañón. A loita épica das mulleres e homes das Encrobas tivo eco internacional, custou moitos millóns á poderosa Fenosa que tomou a Casa do Concello e as mentes dos seus gobernantes durante 50 anos. Foi o punto de partida dunha transformación destructiva cos sectores primarios que poderian garantir un futuro ás xentes  de Cerceda ao longo da historia. A paisaxe, a gandeiria, a agricultura, a horta, o turismo e mercado sostíbel, hoxe totalmente aniquilado e ignorado polos distintos gobernos que coma o de Liñares comulgou con rodas de muiño, preferiu sentar ao lado do poderoso e ignoraro mundo das persoas asoballadas, e protexer e convivir co primario, co natural.

Décadas de derroche económico para negocio de unhas minorías. As persoas que vivíamos nas Encrobas bombardeada dos anos 90 sabémolo ben.

Os grandes orzamentos millonarios e o polígono Industrial de Cerceda chegaron grazas aos fondos Miner polo peche da mina nas Encrobas. Fenosa ampliou horizontes e chegou para quedar da man da Xunta con Sogama que lle  permite ao poder local como tanta xente sabe, convertir  o despacho da alcaldía nun centro de emprego, baza moi importante para perpetuarse case 25 anos no poder.

Agora ten que apartarse da alcaldía á forza e xa van tres, a historia está para lembrar.

Ano 1992, o alcalde Jesús Orgeira foi censurado polos propios compañeiros do PSOE por enriquecerse ilícitamente, era moi obvio, da nada a demasiados coches caros, pazos e luxos.

Fernando Martinez, chegado casualmente a Cerceda e xa concelleiro e mentor da candidatura anterior tomou o mando, el que xa fora o cerebro á sombra daquel estilo  de goberno, pero que decidiu facer que quen expoliaba pagara,  elevou o reducido orzamento anual de Cerceda ao máis alto do Estado en canto en porcentaxe a habitantes. Época de grande especulación pero cunha escenificación de apertura  e de axuda a iniciativas culturais de calquera cor. O Festival de Cerceda organizado pola Asociación Cultural Lucerna viviu anos de gloria con bandas locales, galegas e estatais. Conseguise o Auditorio municipal, piscina climatizada etc. Fernando Martinez,  é inhabilitado  no ano 1995 en véspera de eleccións e eso impídelle presentarse á reelección. O motivo,  acoso laboral a un aparellador municipal vinculado ao PP.

O Alcalde Liñares tomou o posto coa estratexia de nocturnidade e alevosía. A substituta designada polo condenado (Begoña Rodriguez) pasou a ser a segunda e García Liñares comenzou os seus mandatos, os mandatos do enchufismo, do medo, do control, da división social, da aniquilación laboral dos “inimigos”. Ou comigo ou contra mín.

A fisura promulgada sen decreto formal funcionou políticamente. Ao “inimigo” nin o saúdo. Calquera crítica e pasabas a formar parte da “lista” de adversarios a censurar. Co “inimigo” nin tomar unha cervexa na taberna, iso pasaba naqueles anos.

Xosé García Liñares, o continuador da política da propaganda tipo Fernando Martinez, a dos titulares sublimes e fantasiosos da política do servilismo, pero desta vez máis agresiva, exclusiva, ou conmigo ou contra mín.

Policia local con indumentaria tipo “Geo” en Mercedes 190, anuncio de heliporto e helicóptero, Circuito Galego de velocidade  para todo o noroeste do Estado español, continuación coa Radio Televisión Local moderna e libre e promesas novas coma Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico punteiro con laboratorios última tecnoloxía e viveiro de empresas, porto deportivo, campo de golf, urbanización e praia fluvial de 400 metros de lonxitude no pantano (o val asolagado despois da explotación mineira) das Encrobas, o soño lunático  de levar o equipo de futbol de Cerceda a categorías fantasiosas, Parque Acuático que será a panacea da xente de Cerceda. Tamén Centro de Interpretación da natureza e Xardín Botánico …un concello con traballo, sostíbel e con servizos que farían que a vila medrase en poboación ano tras ano.

A realidade triste foi a destrucción de todas as aldeas das Encrobas en condicións denigrantes  ante a total pasividade e ignorancia do alcalde. O crecemento dun monstro chamado Sogama da man dos gobernos do PP na Xunta. A Areosa, ese lugar que case ninguén viu e que acumula  desde hai 24 anos nun vertedoiro sen control 6 millóns de toneladas de residuos entre o que se atopa unha parte procedente de hospitais,  a pesar de denominarse vertedoiro de residuos non perigosos, algo absolutamente ilegal. Vertidos moi perigosos procedentes das balsas de lixiviados que  se ceibaban nas noites de enchentes según contan ex-traballadores do complexo, e ian parar ao Rio Lengüelle, ao Tambre e á Ria de Noia. Son 250.000 toneladas de lixo as enterradas cada ano en nome dunha xestión dos residuos sólidos urbáns.

Un Circuito galego de Velocidade inexistente no que “gastaron” perto de dous millóns de euros, unha “fantasía” que se mantivo viva públicamente desde a alcaldía dende os anos 90 ate o ano 2007.

Un edificio case baleiro chamado Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico inaugurado a bombo e platillo en marzo do 2001, reinaugurado en épocas electorais. Hoxe un contenedor inútil que consumiu arredor de tres millóns de euros.

Ademais, a "aldraxe" ao escudo de Cerceda, metendo nel unha central térmica, que aí segue, agardando ser retirada.

Un Parque Acuático que nada aporta á sociedade dunha vila que se atopa a 400 metros de altitude e paga a mesma tarifa que calquera que se achegue desde outro punto. É un zoo fechado onde os bañistas chegan, entran , pasan o día e marchan. Cada posta a punto consume moitos recursos e ten contaminado e provocado mortandade no rio do Acevedo. O custo entre a inversión inicial e varias remodelacións posteriores arredor de 3 millóns de euros e o anuncio recente do propio Liñares de  invertir próximamente 2 millóns de euros máis.

O enorme furado que provocou a explotación mineira e que quedou completamente cheo de auga no 2016 logo do seu feche no 2008, afortunadamente non ten novas desas promesas de Liñares, nin piragüismo, nin golf, nin urbanización nin nada de nada, esas afirmacións que quedan en mentiras poderían permitir no futuro recuperar o entorno ao público e que poida ser visitado e disfrutado polas personas desaloxadas e outras que o desexen. Da praia inaugurada na véspera das eleccións  municipais anteriores apenas queda rastro e o aramado sigue botado en todo o espazo rehabilitado por Limeisa, a filial que explotou a mina.

O estadio Roxo do Piñeiro deserto que viu aniquilada a súa pista de atletismo para ben de un soño hoxe esfumado, cun Cerceda desmantelado por débedas que absorveu centos de miles de euros durante anos e anos para deixar abandonado o deporte de base e ver  deportistas premiadas a nivel estatal adestrar en espazos privados.

Centros escolares con enormes deficienciase  que García Liñares non se dignou a visitar ate hai un ano.

Anos de censura á cultura local cunha política de aniquilamento a todo tipo de iniciativas  sociales abertas. Aniquilamento  por falta de interese en manter un festival de rock con sona en toda Galiza no que tocaron bandas coma Boikot, Extremoduro, e unha morea de bandas galegas e cercedenses e con declaración públicas decindo que  hai cancións que falan de Cerceda cunha visión negativa e que non se pode permitir tal. Declaracións feitas na Radio Televisión de Cerceda, un medio intervido desde a súa chegada na que existían ate 20 colaboracións  e programación diversa facian de Radio Cerceda unha emisora de interese con gran audiencia tanto pola súa liberdade de expresión como pola diversidade de contidos.

Nas súas comparecencias  semanais sen posibilidade de discrepancia na radio pública ten asegurado non ser deus pero case. Un medio do que quen asina esta opinión foi desaloxado  pola policía local, por orde do goberno que Liñares presidía. O motivo, exercer a profesión mantendo a pluralidade e a independencia de información  no medio público.

Cerceda, un lugar no que en abril do 2020 cinco grupos de música rock, tradicional e metal presentan disco e un goberno que nunca  tivo unha iniciativa para visibilizalo e sí todo o esforzo para agochalo. Un alcalde que nas letras galegas do 2019 programa un festival de música con artistas de ámbito estatal en castelá, tales coma Andy & Lucas, Soraya ou kate Ryan. En toda regla unha provocación e demostración de odio pola cultura propia, á cultura tradicional.

Aliás, é evidente o abandono dos espazos culturais e sociais nas parroquias rurais nas que non existen servizos, ocupación de espazos de interese con museos fechados e mortos que homenaxean a minería e a súa historia no Concello, abandono total da xente maior con problemas de movilidades sen ningún servizo de transporte comunitario ao que destinaron 640 euros no 2018. Estado de deterioro de mobiliario de rúa, beirarúas, todo eso fronte as farolas de 4800 euros unidade que se instalaron a moreas en periodo electoral nos núcleos máis poboados e que hoxen fican semi apagadas e suxas

En definitiva, esa Cerceda próspera da que fala este alcalde condenado por cometer un delito, ve como os 7500 habitantes do ano 1989 minguan a 5023 no 2019, polo que a prosperidade tan publicitada polos medios de comunicación  non parece tan real e este concello non semella tan atractivo como nos fan creer desde os medios de propaganda.. Foron demasiados millóns de euros despilfarrados en proxectos propagandísticos e mortos, unha vergoña, un delito que debería ser lembrado sempre.

Un alcalde que leva case 25 anos gobernando cun criterio semellante ao de un César da época romana, que se despide autodefiníndose demócrata cando nunca aceptou disidencia ou opinión diversas. Un alcalde que agora escenifica a súa retirada da política con planos emotivos,  arroupado por tanta xente que el mesmo desprezou  desde o poder do sillón e que so mantivo dentro por cuestións de poder.

Xosé García Liñares está sendo visto hoxe por outra moita que el censurou , “aniquilou” laboral e socialmente e sabe que esa sobreactuación ou estado de tristeza non chega gratuitamente, o curioso é que tardara tanto, quizais por falta de denuncias en épocas anteriores ante situacións pouco democráticas... quizais…

Xoga coas palabras ao querer decir que se vai por unha sentencia errónea, desacreditando o tribunal que o xuzga,  pero nón, é por cometer un delito de malversación de fondos, vaise finalmente por creerse deus e deixándonos un concello cunha imaxe suxa, desestructurado e pobre cultural e socialmente, desordenado urbanísticamente. Non se vai, bótao a xustiza.

Agardemos que estes anos de historia política sirvan para que quen continue o labor de gobernar aprenda e non repita os mesmos erros, administre os cartos con rigor en base ás necesidades das persoas. goberne limpamente e admita e promulgue e traballe pola liberdade de opinión, a educación, a cultura, a igualdade, o diálogo e o respecto a ser e pensar distinto. E tamén para que quen vote non o faga en base aos “favores” recibidos, senón pensando no ben común, na oportunidade colectiva.

"Co fume que bota a porca cheminea / sean os cartos para tanta novela", cantabamos os Zënzar na Cerceda dos 90. E a novela continúa.

Comentarios