Opinión

Os usos e xestións da terra agraria na Galiza (II)

Puidemos deducir no artigo anterior que dada a relación tan íntima que existiu entre o noso territorio e a poboación que o habitou, calquera cambio que se produciu de forma traumática sobre aquel, tamén o foi para a poboación e viceversa.

Volvendo á situación inicial, quedamos en que era necesario modernizar os sistemas produtivos, e entre eles o agrario. Dentro desa modernización podemos resaltar como máis importantes os relacionados coa estrutura da propiedade, a mecanización, e todo o que engloba a intensificación do medio agrario(fitosanitarios, xenética etc.), así como as comunicacións no medio rural dentro dunha orografía moi complexa e diversa como a galega, así como unha hidrografía moi extensa e moi intervida polo Estado, non sempre, ou case nunca, axustada aos intereses do mundo rural.

Con estas premisas, e mediante organismos públicos feitos ad hoc, neste caso o Irida (Instituto de Reformas e Desenvolvemento Agrario) pon en marcha o que hoxe entendemos por concentración parcelaria.

Non imos entrar a analizar os pros e contras da mesma, xa que non é motivo deste artigo, pero si resaltar que segue a ser, a día de hoxe, unha ferramenta amplamente aceptada, mantendo un principio que ninguén cuestiona: Os beneficios sempre son maiores que as perdas que xera; ou tamén unha expresión máis galega, que di: O que peor queda despois da concentración queda mellor que se non se fixera esta.

Lévase escrito moito sobre a concentración parcelaria, polo que non son eu a persoa axeitada para seguir facéndoo, o que non hai dúbidas é que se trata dun procedemento moi estudado e practicado cunha fortaleza grande, que é a súa capacidade legal de permitir a reorganización da propiedade mediante lei.

Considero que ata os anos 80 os fins principais, que se establecen en dita lei, entre eles o de crear unidades produtivas máis competitivas mediante a reorganización, vese adulterado dada a situación que pasa a vivir o mundo rural galego. Nestas décadas (70 e 80) os grandes cambios que se dan no mundo rural —non esquezamos a nosa incorporación en Europa e, por tanto, outro novo marco operativo—, traen consigo cambios importantes no abandono do mundo rural e os conseguintes cambios de uso das terras que formaban parte do complexo agropecuario.

Neste momento a paisaxe agraria xa cambiara moito, concentracións parcelarias, terras importantes en estado de abandono, plantacións forestais e masas arbóreas, principalmente de frondosas, non suficientemente ben xestionadas etc.

Moi importante: o lume empeza a facer o seu papel destrutor.

Neste aspecto, non toda a sociedade con intereses no mundo rural coincide, coexistindo ideas que incluso vían no lume un matiz rexenerador e de limpeza do abandono. Tamén é correcto afirmar que a partir dos anos 70 e 80 moitos habitantes do mundo rural galego deixan de depender economicamente do medio agrario, e de forma exclusiva, como o fora ata aquel momento. Teñen relevancia en certas comarcas galegas os arrendamentos históricos, que moitos deles deixan de existir. Estes e outros motivos fan que a percepción e a dependencia do que acontece no mundo rural cambie.

Iníciase o crecemento dunha especialización agraria, cun abandono de terras importante e un cambio de uso das terras agrícolas e enalgúns casos de terras de monte, traendo consigo un dos principais problemas medioambientais galego: A subexplotación das terras.

Con este panorama tan cambiante, inmersos nunha Europa xa de pleno dereito, onde a PAC xa empeza a dar problemas con incorporacións sucesivas de países situados cada vez máis ao nordés e onde a globalización, ao outro lado do océano, cada vez toma máis protagonismo.

O intervencionismo nos mercados da PAC perde peso específico, querendo trasladarse a unha Europa máis ligada ao desenvolvemento rural e tamén a unha PAC máis correctora dos parámetros medioambientais. Non debemos equivocarnos en que estes cambios na  “Europa nosa” non se levan a cabo por convicción, senón por obriga da liberación dos mercados que non aceptan baixo ningún contexto o intervencionismo nos mercados da PAC, permitindo que parte de dito presuposto pase ao compoñente medioambiental, na que a intensificación agraria foi o seu principal inimigo.

Comentarios