Opinión

Os usos e xestión da terra agraria en Galiza: Evolución e perspectivas

No momento que nos toca vivir, a terra axudounos a moitos a comprender máis a súa importancia, non tanto xa polo que produce senón pola axuda que nos dá en poder amortizar as tensións que a COVID-19 está a xerar no noso país; é, por todo iso, polo que merece a pena facer un pouco de memoria e de homenaxe.

Os espazos do mundo rural configuraron unha estrutura agraria galega propia. Se repasamos diferentes textos introdutorios de diferentes leis relacionadas co medio rural veremos que todas elas fan un resumo detallado de dita estrutura agraria.

Hai leis máis sectoriais e outras máis integradoras pero todas elas intentan destacar a gran diversidade produtiva ligada a unha gran riqueza en recursos naturais, así como unha adaptación do sistema agrario, aos diferentes contextos ambientais e imposicións sociais a través da nosa historia.

Os sistemas de aproveitamento tradicional estaban unidos a unha utilización moi racional dos recursos, que fixeron posible un uso da terra, con base no seu potencial agronómico establecido principalmente no modelo agropecuario.

Cando, ao longo da nosa historia, aínda non se falaba de medio ambiente nin de sostibilidade nin de globalización etc., pero si se falaba de desenvolvemento, intensificación, reforma das estruturas agrarias etc., na Galiza iníciase un dos primeiros grandes cambios na configuración do espazo agrario galego.

Naqueles momentos, remates da década dos 50, estabamos entre dous marcos operativos diferentes, por unha banda a Nova Europa do que sería a futura PAC e pola outra banda a América do Plan Marshall, xa en plena vixencia.

A nosoutros tocounos esta última. É certo que dito Plan, salvando as distancias, viña unido a un programa ben estudado e integrado con outras moitas accións complementarias.

No que afecta ao medio agrario, debemos ser ben coñecedores da situación que se vivía naqueles momentos na nosa terra, de aí que o programa de mellora das estruturas agrarias estaba unido a programas de formación e investigación, extensión agraria etc.

O modelo tiña que mudar, disto dedúcese a denominación que se daba a ditos protagonistas: axentes de cambio.

A autarquía tiña que desaparecer e o modelo pasou a ser dependente, neste caso: o americano.

Había un atranco principal para cambiar dito modelo: a estrutura da propiedade, sendo naqueles momentos o principal atranco o denominado minifundismo agrario.

Por entón xa se deran cambios moi importantes que debemos resaltar pola súa transcendencia no que respecta á propiedade da terra: as emigracións. Estas foron de moitos tipos, as primeiras transoceánicas e as segundas a Europa mais as internas no Estado español.

Estas emigracións, diferentes no espazo e no tempo, deron igualmente diferentes relacións coa propiedade das cales eran herdeiros. Hai un aspecto moi importante que si debemos resaltar, naqueles momentos, ditas parcelas, resultado das posteriores divisións por herdanza, non quedaban abandonadas, incorporándose normalmente no desenvolvemento agrario do lugar.

Esta integración de parcelas de emigrantes non daba lugar, en xeral, a cambios de uso nin abandono das mesmas; aspectos estes moi importantes para a conservación do medio rural. Podemos afirmar que isto se mantén nesta dinámica ata a década dos anos 80. Non debemos esquecer que a evolución do medio agrario non levou a mesma velocidade nas zonas do interior con respecto ás zonas costeiras e máis ás poboadas.

Outro dos cambios de moita transcendencia para a nosa terra, que aconteceu antes desta situación de reformas agrarias, foi a usurpación das terras aos veciños propietarios dos Montes Veciñais en Man Común. Isto como a emigración marca un antes e un despois no que puido ser a evolución do uso e a propiedade na nosa comunidade, eminentemente agrarista.

Por que resaltamos, con tanta intensidade, estes dous feitos ao longo da nosa historia moderna?

O noso medio rural estivo unido intimamente á actividade agropecuaria, sendo de carácter antrópico, por tanto, a maioría del, dominado e transformado pola súa poboación .

Comentarios