Opinión

Os sistemas agropecuarios: a súa xustificación

O mundo agrario, como parte moi activa do medio natural, non pode quedar fóra de todo aquilo que afecta cada vez máis a un medio máis globalizado e en constante transformación.

Por que naqueles tempos o sistema agropecuario era tan abundante, e o único estudado inicialmente polos primeiros tecnólogos galegos? A resposta é doada: constituía o sistema máis axeitado para a supervivencia da poboación e a sustentabilidade do medio no que se asentaba.

Os labregos e labregas tiñamos a terra, e tamén tiñamos un modelo de aproveitamento que denominamos agropecuario. Este consistía, e consiste, na integración dos recursos producidos na terra para alimentación das persoas e animais; o sistema máis perfecto que está ó alcance da xente que quere ou necesita vivir da terra dunha maneira moi sostible a través do tempo.

Esas terras de diferentes calidades, e por tanto aptitudes produtivas, tiñan aproveitamentos exclusivos dos animais como eran os prados e pasteiros, e outros de carácter mixto como eran os cereais, patacas, leguminosas. As hortas cumprían un papel determinante no uso doméstico incluíndo os pequenos animais, galiñas, porcos, coellos etc.

Os grandes animais: vacas, bois, cabalos, burros, acompañados ás veces de ovellas e cabras, normalmente, antes da especialización láctea, todos eles saían pastar onde aproveitaban os diferentes modelos de pastos ó mesmo tempo que xa bebían nos bebedoiros e estercaban nas propias leiras. Estes animais sempre supervisados polas pastoras e pastores cumprían un dobre obxectivo: alimentarse basicamente dos recursos dispoñibles e axudar a manter un medio rural limpo e ordenado, ó mesmo tempo que participaban nos labores agrarios e do monte, principalmente de labrada e carreto. Na casa, en función das necesidades e das existencias, suplementábase a súa ración con cereais e forraxes conservados ou cortados en verde.

Hoxe en día coa mecanización agraria e a non dependencia dos animais para a maioría dos labores, a achega dos animais no modelo agropecuario segue a ser de gran relevancia polo papel que debe cumprir como o maior aproveitador e transformador dos recursos pastables das nosas terras, participando activamente na conservación dun medio cunha orografía complexa e un solo e un clima de moi alta produtividade de biomasa en xeral.

Existía, en gran medida, antes da usurpación dos Montes Veciñais en Man Común, un gran desenvolvemento agropecuario en base a gando mostrenco, que dispoñía dun aproveitamento mediante pastoreo e de grande organización social nun modelo de propiedade que considero que é da máxima representación do ben común.

Non debemos esquecer exemplos da relación estreita no manexo e aproveitamento de certos animais como é o caso de cabalos e vacún, que dada a súa proximidade humana non eran normalmente consumidos dentro da mesma unidade de produción. De aí o baixo consumo que existiu historicamente de carne de vacún e cabalar dentro da poboación rural galega, sen esquecer que o mercado exterior galego demandaba moita carne de vacún, sendo estas vendas un dos maiores e principais  recursos económicos do modelo agropecuario.

Se a sociedade no seu conxunto, agraria e non agraria, é capaz de comprender un pouquiño as dinámicas urxidas no noso medio agrario, como parte activa en gran medida, da conservación do medio natural, así como provedor dos recursos alimenticios da poboación en xeral, teríamos moito camiño andado. Se facemos un pequeno esforzo por comprender como estaba organizado o noso medio agrario, coa súa poboación, as súas terras, a súa orografía, as súas augas, os seus animais domésticos e silvestres, non teríamos posicionamentos tan extremos, como estamos a ter, sobre todo en cuestións tan transcendentais como é a alimentación.

Debemos defender a agricultura e a gandería, sobre todo sostible e o máis integrada posible; polo que debemos apostar por unha agricultura de calidade e unha gandería ligada a terra.
Debemos alimentarnos ben, principalmente con base nos recursos propios e moi diversos que produce a nosa terra.

Comentarios