Opinión

Que está a pasar coa nosa memoria?

Nalgunha colaboración anterior, intentamos dar algunhas claves do que está acontecendo no mundo agrario, así como unhas pinceladas dos usos e xestión da terra agraria na Galiza; correspondería, dadas as circunstancias, tan graves, que se están a dar no noso territorio e na nosa poboación, preguntarnos que está a acontecer no noso medio rural.

Se falamos de viños galegos e das uvas que os producen, podemos ver as diferenzas tan grandes que existen entre os que se conseguen na influencia atlántica e os que están no interior con influencia mediterránea e continental. Isto mesmo vémolo e apreciámolo nas especies que forman a vexetación dos nosos montes, prados, pasteiros e cultivos agrícolas. Incluso ás veces chegan a irmandarse o piñeiro silvestre da Fonsagrada coa uva branca país de Negueira de Muñiz na influencia do Navia. Que significa isto? A máxima expresión da diversidade biolóxica, non só das nosas plantas, senón tamén das nosas terras e da nosa xente. A diversidade crea enriquecemento e crea modelos sostibles, entendendo por dito modelo aquilo que recollemos e deixamos ás xeracións vindeiras, co mesmo ou semellante potencial que o recollemos nosoutros. Ese era o fío condutor que perseguía todo o labor desenvolto polas xeracións do mundo rural ao longo da nosa historia.

Por que motivo perdemos esas referencias? Por que a nosa memoria mudou? E por que tanto desprezo ao noso pasado máis recente? Por que ese interese desmedido en non querer interpretar o noso territorio, en cambiar todo aquilo que forma parte do pasado?

Porque non recoñecemos o que a nosa natureza nos leva aportado, mediante o bo facer de xeracións que conseguiron ata o século pasado conservar un legado, que como no caso dos Montes Veciñais en Man Común, nunca era propiedade, senón cedido temporalmente para un uso correcto dos seus recursos, mentres a casa titular emitise fume polas súas chemineas.

Por que tan pouca consideración sobre especies arbóreas que constituíron asociacións que chegaron aos nosos días protexendo os nosos solos e dando alimento, madeira, leñas e vida ao mundo rural? Estamos a falar dos nosos soutos, fragas, carballeiras, devesas, formacións ripícolas, etc.

Onde está o recoñecemento ao noso castiñeiro, que deu madeira, froito e ecosistema? Madeira que grazas ás súas características tecnolóxicas fixo: apeiros para traballar, vivendas e moblaxe para vivir, instalacións agrarias para conservar os alimentos, e gran parte do patrimonio cultural do que dispoñen a día de hoxe os nosos pobos que sen a resistencia do castiñeiro, dito patrimonio non existiría. Que dicir da castaña? Se falamos os que somos algo entrados en anos, recoñecemos a fame que quitou á poboación, principalmente no interior, por non dispoñer doutros recursos que a costa achegaba aos seus habitantes. Á poboación máis nova que non viviu eses tempos debemos culturizala e lembrarlle o que a castaña supuxo para os seus antepasados, para que así a poidan degustar, apreciar e defender.

É de xustiza recoñecer o papel que cada especie tivo na nosa vida (carballos, freixos, bidueiros, abeneiros, nogueiras, cerdeiras...) e que o deron todo (froito, madeira, taninos, cortizas,...).

Tamén estamos a perder o papel que xogaron as sebes nas nosas hortas e leiras; cambiamos dita conxunción de buxo, mirto e silvas, por cipreses, tuias e outras árbores moi pirofíticas. É que esquecemos o que aconteceu en certos lumes que entraron nos nosos lugares, urbanizacións e xardíns (piroxardinaría)? Lembrade, por exemplo, a gran cantidade de biomasa que unha sebe de tuias ten acumulado procedente dos sucesivos recortes realizados no seu mantemento.

Por que esa intención de querer cambialo todo sen entrar a analizar o papel que cada uso do noso territorio tiña como obxectivo a través dos tempos?. Os usos do noso solo non foron froito da casuística, eran froito da sabedoría das nosas xentes que a través do tempo foron quen de protexerse das forzas, non sempre positivas, que a natureza poñía sobre o medio natural.

Que está a pasar coa nosa memoria?

Comentarios