Opinión

Quere a Consellaría de Medio Rural falar de estudos sobre o monte veciñal?

Para autoxustificarse na imposición de lexislacións agresivas contra os montes veciñais en man común, os diversos gobernos da Xunta de Galiza, do Partido Popular, sempre alegaron que se baseaban en estudos de expertos e expertas. A partir do ano 2013 o grao destas lexislacións agresivas incrementouse. Entre elas, podemos citar: declarar os montes veciñais en man común en estado de abandono para entregarllos, por períodos de até 50 anos, ás empresas madeireiras e forestais. Por meras cuestións burocráticas, permitir que estas terras comunitarias formen parte dos polígonos agroforestais coa fin de que as empresas forestais e madeireiras poidan incrementar superficie para levar adiante os seus proxectos megaforestais, impedir que a veciñanza comuneira poida directamente pór en valor as súas terras...

Non é casual que todas estas lexislacións agresivas contra os montes veciñais en man común sexan as receitas propostas no ano 2013 por un grupo de expertos e expertas nun informe titulado “Como mellorar o aproveitamento forestal en Galiza”, solicitado pola propia Xunta de Galiza e financiando pola Fundación Barrié. A vaquiña polo que vale.

Si é verdade o que di o Partido Popular, que goberna para todos e para todas, a Consellaría do Medio Rural ben podería ollar outros estudos que tamén falan sobor o monte veciñal e tamén están asinados por expertos e por expertas. Un está asinado por investigadores da Universidade de Compostela, da politécnica de Madrid e da escola de formación agroforestal de Becerreá. O segundo asinado por economistas da Universidade de Compostela e de Vigo. Un dos autores destes estudos é home de confianza da Consellaría do Medio Rural. Nomeouno como coordinador do grupo de traballo que elaborou as directrices para a revisión do plano forestal de Galiza.

O primeiro estudo amosa a inxustiza e a dobre tributación a que están sometidas as comunidades de montes veciñais en man común ao ser, como se fosen empresas mercantís, consideradas suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades. O segundo formula deficiencias nas xestións dos montes veciñais (algunhas certas, outras non tan certas e algunhas erradas),mais formula dúas cuestións claras: que debe preservarse a xestión comunitaria dos montes veciñais e que esta xestión comunitaria é garantía para a sustentabilidade dos montes galegos.

A Consellaría do Medio Rural debería deixar de mirar só nunha dirección e ollar tamén para as beiras. E ten unha grande oportunidade para facelo. No vindeiro mes de marzo vanse debater, e no seu caso, aprobar, no Parlamento Galego dúas normativas referentes ao monte: a primeira revisión do plano forestal de Galiza e a lei de recuperación da terra agraria. A Consellaría do Medio Rural ben podía indicarlle ao Partido Popular que nestas dúas normativas se contemplase o reforzamento do carácter xermánico da titularidade veciñal para impedir a privatización destas terras, retirar as comunidades de montes como suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades e elaborar, desde Galiza, unha fiscalidade xusta para os montes veciñais, apostar pola xestión comunitaria dos recursos, eliminar a posibilidade de que os montes veciñais en man común poidan ser incorporados ao banco de terras e poidan formar parte dos polígonos agroforestais e das agrupacións conxuntas de xestión forestal.

O Partido Popular pode facelo. Ten, no Parlamento, maioría absoluta. Mais, vai facelo? Aposto que non. E seguramente non fallarei xa que me parece que teño todos os boletos no meu peto.

Comentarios