Opinión

Proxecto de lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica: pouco ecolóxico e moi recentralizador

Atópase en trámite o proxecto de lei do goberno español chamado de cambio climático e transición ecolóxica. A pesar do seu rimbombante nome, o proxecto ten pouco de ecolóxico. Un dos seus principios reitores é o de "quen contamina, paga". Isto non semella moi ecolóxico, xa que as grandes empresas poden seguir contaminando. Tampouco semella moi ecolóxico o contemplar que os produtos enerxéticos de orixe fósil poidan acadar beneficios fiscais sempre que esta produción estea debidamente xustificada por motivos de interese social.

As comunidades de montes temos sobrada experiencia do que significa para as poderes económicos o termo "interese social". Significa vía libre para encher os montes veciñais de aeroxeneradores, campos de golf, centros comerciais, cidades deportivas... Tampouco semella moi ecolóxico que o eixo central da loita contra o cambio climático se basee nun mercado (os mercados sempre son controlados polo capital). Basease nas poxas de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, mediante o cal as empresas contaminantes poden mercar bonos de captura de CO2 para poder seguir contaminando.

Este decreto español, non só permite que as empresas contaminantes sigan co seu negocio, senón que ademais proporciónalle un somnífero para que poidan durmir coa conciencia tranquila. Mel sobre filloas. A loita contra o cambio climático non pode quedar reducida ás poxas de emisión de bonos de captura de CO2. Cómpre falar dos servizos ecosistémicos que fan certas partes do territorio, entre elas os montes. Servizos ecosistémicos como son: provisión e depuración das augas, control da erosión, defensa da biodiversidade, conservación da fauna e da flora... E tamén captura do CO2. E por estes servizos ecosistémicos que prestan estas terras en beneficio da sociedade no seu conxunto os titulares das mesmas teñen que recibir compensacións. Ademais, o proxecto de lei do goberno español de cambio climático e transición ecolóxica é recentralizador.

Toda a estratexia política para levar adiante a lei (obxectivos, planos integrados, eficiencia enerxética...) fican na man do Estado. As comunidades autónomas, como din eles, non pintan nada. Esta recentralización mesmo chega a cuestións de ensino. Cando que se saiba, a día de hoxe, o ensino é unha competencia exclusiva das, como din eles, comunidades autónomas. A recentralización non para aquí. Chega mesmo a recadación. Os ingresos acadados neste mercado de poxas de bonos de captura de CO2 controlaraos o goberno central, non as comunidades autónomas e, moito menos, os titulares das masas boscosas que son os que xeran a captura do CO2. O goberno central "ecoloxicamente" entregara unha parte dos ingresos acadados por estas poxas ás empresas do sector eléctrico para que financien os seus custes referidos ao fomento das enerxías renovábeis. E dicir, socializar as perdas.

Ademais de todo isto ,o proxecto de lei de cambio climático e transición ecolóxica nada fala de camiñar cara a xestión pública das augas e traslada a filosofía capitalista de responsabilizar as persoas das súas culpas. De converter un problema político nun problema individual. De tal xeito que o proxecto do goberno central está cheo de consignas dirixidas as persoas: cambia o teu coche de gasoil ou gasolina por un eléctrico, anda a pé ou en bicicleta, usa o transporte público cando este ou esta mal planificado, cando non desmantelado (véxanse os trens de proximidade). Para axudar a loita contra o cambio climático estas accións de tipo individual cómpre facelas. Mais non deixan de ser alternativas individuais e, xa que logo, cativas.

E que ademais desenfocan o problema. Porque o problema do cambio climático é produto da explotación capitalista dos recursos da terra.

Comentarios