Opinión

Primeira revisión do plano forestal de Galiza: como cociñar os datos para acadar obxectivos

Cando se ten un obxectivo claro e os datos, que en principio, non son opinábeis, non afianzan o que pretendes, o que fan é pasalos pola cociña. E moitas veces chamúscanse para que logo, os chamáns do liberalismo económico interpreten as cinzas ao seu xeito. Algo semellante acontece coa primeira revisión do plano forestal de Galiza, ao respecto dos montes veciñais. O Partido Popular ten o obxectivo claro, que non é outro que primeiro eliminar o carácter xermánico dos mesmos, para logo, proceder á súa privatización. Xa que logo, non hai que cociñar os datos, socioloxicamente falando, hai que chamuscalos para acadar o obxectivo.

Os datos da primeira revisión do plano forestal de Galiza, elaborados pola propia Consellaría do medio rural, din que o 90% das comunidades de montes teñen os estatutos ao día (eles din, en plan negativo, que o 10% non os teñen ao día). Indican que o 66% das comunidades de montes teñen as súas xuntas reitoras ao día (eles en plan negativo, din que o 34% non as teñen). E ademais, sen dar datos, seguramente por non ser negativos para as comunidades de montes, engaden que hai problemas na actualización do censo de veciñanza comuneira e nas comunicacións do investimento obrigado dos ingresos dos montes veciñais. E mesturas todos estes datos, algúns deles meramente burocráticos e, xa que logo, doados de arranxar, para afirmar que o 42% das comunidades de montes non están ao día nas cuestións de xestión burocrática (o que significa que o 58% si o están).

Fica claro que para a Consellaría do medio rural os montes veciñais, como tales, xa non existen

Este argumento manipulado válelle á Consellaría do Medio Rural para autoxustificarse e formular na primeira revisión do plano forestal de Galiza o seu verdadeiro obxectivo a respecto dos montes veciñais, que non é outro que proceder á súa privatización. E fano de xeito claro. Saben moi ben que para acadar este obxectivo teñen que eliminar unha das principais características das titularidades comunitarias, o de carecer de personalidade xurídica e ter capacidade xurídica. Saben tamén que teñen que eliminar a condición de veciño comuneiro (ser titular dos montes veciñais non por ter posesións, senón por estar no lugar onde existe monte veciñal). Para lograr este obxectivo formulan, aínda que na súa linguaxe eufemística, na primeira revisión do plano forestal da Galiza a modificación da vixente lei de montes veciñais para regular esta forma de titularidade comunitaria (que xa está máis que regularizada) e revisar a condición de ser veciño comuneiro. Como se di, branco e en botella.

Nas medidas fiscais, para os montes que formula a primeira revisión do plano forestal de Galiza, fica claro que para a Consellaría do medio rural os montes veciñais, como tales, xa non existen. Así só indican bonificacións fiscais nos impostos cedidos polo Estado á Galiza, como son os impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, imposto de sucesións e doazóns e imposto de bens inmóbeis. Pois ben , estas bonificacións fiscais son de imposíbel aplicación aos montes veciñais. Os dous primeiros por ser a titularidade comunitaria unha titularidade que non se pode nin herdar nin transmitir. E o terceiro porque, por mor da lei de montes veciñais e da lei de montes de Galiza, xa están exentos. Pola contra, nada falan de sacar os montes veciñais en man común como suxeitos pasivos no Imposto sobre sociedades nin de elaborar, dende Galiza, unha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais. Esta si que sería unha fiscalidade xusta para os montes veciñais, onde as bonificacións, se cadra, nin terían sentido.

O conselleiro do medio rural, usando os medios de comunicación públicos e os privados que comen da súa man, está vendendo a mentira de que a primeira revisión do plano forestal de Galiza está consensuada entre todos os compoñentes do Consello Forestal, cousa que non é certa xa que, cando menos hai tres voces discordantes. O que si, hai consenso no Consello Forestal de todos aqueles compoñentes (Administración, empresariado, asociacións forestais) inimigos da existencia dos montes veciñais en man común.

Comentarios