Opinión

Partido Popular, monte veciñal, forestalismo e intervencionismo

O Cuarto Inventario forestal estatal, no que fai referencia a Galiza, indica que os montes galegos alcanzan un valor socio-medioambiental superior aos 1.131 millóns de euros anuais. Nestes valores sociomedio-ambientais atópanse: a captura de carbón, a provisión das augas, a conservación da biodiversidade, o control da erosión, servizos socio-recreativo... A parte alicota a esta aportación dos montes veciñais en man común (tomando como patrón a superficie) alcanza os 598 millóns de euros anuais. De non existir os montes, os custos destes servizos, necesarios para a existencia, teria que sufragalos a sociedade no seu conxunto. Daí que non sexa nada esaxerado solicitar compensacions (non somentes económicas) para os titulares dos montes por estes servizos socio-medioambientais .

Mais para que os montes galegos cumpran (e sigan a cumprir) esta función socio-medioambiental é preciso que a posta en valor destas terras, sexa multifuncional e sustentábel. É dicir, totalmente contrario ao que indican as directrices para a revisión do plano forestal de Galiza, que van ser aprobadas polo Partido Popular. Directrices que apostan pola produción de madeira de puco valor engadido, pola biomasa forestal e polos cultivos enerxéticos. Que apostan pola produción forestalista, mesmo por riba de condicionantes medioambientais.

Para o Partido Popular, a posta en valor dos montes veciñais é somentes forestalista. E para cumprir este obxetivo, aplica un intervencionismo salvaxe

Para o Partido Popular, a posta en valor dos montes veciñais é somentes forestalista. E para cumprir este obxetivo, aplica un intervencionismo salvaxe. A última mostra deste intervencionismo salvaxe atopámola este mesmo mes coa promulgación do Decreto, este mesmo mes, polo que se regula o reinvestimento de todos os ingresos obtidos polos montes veciñais en actuacions de mellora e protección forestal. Este reinvestimento obrigado é do 40% de todos os ingresos. E se non se fai, as comunidades de montes serán castigadas sen poder ser beneficiarios de ningún tipo de axuda. Agora ben, se ese mesmo monte veciñal é xestionado por unha empresa forestal privada, este reinvestimento obrigado desaparece.

Este intervencionismo salvaxe do Partido Popular nos montes veciñais en man común ten como obxetivo o sacarlle a capacidade de decisión sobor as súas terras, as comunidades de montes. De feito, non somentes obriga a reinvestir o 40% de todos os ingresos do monte. Mesmo indica en que actuacions hai que facer este reinvestimento. Así, a defensa xurídica das comunidades de montes para loitar contra as usurpacions e ocupacions dos montes veciñais non entra nese 40% de reinvestimento obrigado. Se unha asemblea xeral dunha comunidade de montes decide unha actuación no monte e esta non está contemplada no plano de ordenación (documento feito a 10 anos vista), entrará ou non no reinvestimento obrigado, se lle parece ben a Consellaría do medio rural. Se unha comunidade de montes decide levar adiante unha actuación de carácter social, cultural, patrimonial ou medioambiental somentes poderá gastar nestas actuacions o 10% do 40% do reinvestimento obrigado.

O intervencionismo do Partido Popular nas comunidades de montes veciñais en man común raia no enfermizo. É unha manía persecutoria. Boa proba disto témola nas subvencions. A cuantia das subvencions entra no montante dos ingresos obtidos pola comunidade veciñal. Cuestion de imposíbel cumprimento xa que as subvencions son finalistas. É dicer, hai que investila no proxecto que foi subvencionado. Se se quere cobrar os cartos da subvención, hai que facer o proxecto que foi subvencionado.

O intervencionismo do Partido Popular nas comunidades de montes veciñais en man común raia no enfermizo

Fagamos un exercicio práctico. Supoñamos unha comunidade de montes que ten uns ingresos anuais de 100 euros, desglosados do seguinte xeito (20 da venda de madeira, 20 do parque eólico e 60 dunha subvención para pór en valor un castro). O reinvestimento obrigado que ten que facer esa comunidade de montes é de 40 euros. A subvención para pór en valor o castro era do 80%, polo que tivo que pedir un préstamo de 100 euros, que agora ten que devolver Polo tanto, os cartos que lle quedan a comunidade de montes para investir e de 20 euros. A comunidade de montes non poderá investir o 40% dos ingresos no monte e, xa que logo, será castigada a non poder ser beneficiaria de ningún tipo de subvención.

Disque o Partido Popular bebe da corriente liberal e, xa que logo, é contrario ao intervencionismo do Estado. Mais depende da clase de intervencionismo. Se o intervencionismo é para favorecer as clases populares, é contrario. Mais se é para favorecer a clase social que defende (privatizar beneficios e socializar perdas) é un alumno avantaxado.

Comentarios