Opinión

Por unha nova Lei de montes veciñais

Recollendo as palabras do historiador Xesús Balboa, ditas no discurso de clausura do VI Congreso galego de comunidades de montes, a veciñanza comuneira atopámonos na quinta vaga de hostilidades e agresións que padeceu o monte veciñal a través da historia. Desta volta, vén da man da Administración autonómica, dirixida polo Partido Popular, e consiste no intento de privatizar estas terras comunitarias en nome dos principios neoliberais e ao servizo dos intereses das grandes empresas madeireiras e forestais e o dos lobbies por elas artellados.

Este intento de privatizar os montes veciñais en man común arranca no ano 1995 coa realización dun chamado Congreso de montes veciñais, que tivo lugar en Mondariz e Ponteareas, organizado pola Consellaría competente en materia de montes, en mans do Partido Popular e asociacións amigas. Como resposta a esta estratexia de privatizar as terras comunitarias, as comunidades de montes, baixo o principio da autoorganización, foron quen de constituír unha organización galega de comunidades de montes. Xa pasaron 25 anos do arranque daquel intento e aínda segue a ser un intento. Un intento que non cesa, certo é.

Dende aquel ano de 1995, todo aparello lexislativo promulgado polo Partido Popular foi na dirección de privatizar os montes veciñais. As comunidades de montes tiveron que defenderse mediante achegas presentadas aos proxectos lexislativos, asembleas informativas polas bisbarras do país, manifestacións... Empregaron para a defensa do monte veciñal, facendo un símil futbolístico, unha táctica defensiva. Na asemblea xeral da organización galega de comunidades de montes correspondente ao ano 2019, as comunidades optaron por cambiar de táctica e pasar á ofensiva. Esta ofensiva significaba a elaboración dun proxecto de lei de montes veciñais, dende as propias comunidades de montes. Proxecto de lei de montes que foi aprobado na asemblea xeral da organización galega de comunidades de montes correspondente ao ano 2020.

Os principios xerais deste proxecto de lei de montes veciñais é o reforzamento do carácter xermánico da titularidade veciñal, que pasa por recoñecer este tipo de titularidade como unha máis, distinta e en pé de igualdade das titularidades públicas e privadas e exixir á veciñanza como único requisito para gozar dos dereitos do monte veciñal. Esta sería a ferramenta xurídica para impedir a privatización dos montes veciñais.

Outro dos principios xerais que recolle o proxecto de lei de montes veciñais é o de declarar nulos de pleno dereito todas as ocupacións e usurpacións que padeceu o monte veciñal, así como considerar como aproveitamentos do monte veciñal todos os usos actuais e os que se poidan dar no futuro. Isto implicaría que a veciñanza comuneira e as poboacións de arredor dos montes veciñais serian as principais beneficiarias das plusvalías dos aproveitamentos do monte veciñal, e non como acontece agora, onde os principais beneficiarios son as empresas madeireiras e forestais.

Ademais destes principios xerais, o proxecto de lei de montes veciñais aprobado polas comunidades de montes reclama a retirada das comunidades de montes de ser consideradas como suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades, compensacións polas funcións sociais, medioambientais e captura de CO2, creación dun selo de certificación público e galego, declaración dos montes veciñais e das comunidades de montes como elementos do patrimonio cultural material e inmaterial, para que poidan ser desfrutados polas xeracións vindeiras .

O proxecto de lei de montes veciñais elaborado polas propias comunidades de montes xa é un feito. Agora cómpre lograr que se debata no Parlamento galego. Mais antes cómpre acadar que este proxecto de lei de montes veciñais sexa considerado como seu por todas aquelas organizacións que viven, traballan e xestionan o medio rural.

Comentarios