Opinión

Non é moratoria, é máis repoboación

O Partido Popular presentou unha achega á súa Lei de recuperación da terra agraria, que vendeu publicamente como unha moratoria nas plantacións de eucaliptos, mais que na realidade non o é, senón que implica máis repoboacións dos montes con esta especie. O mesmo título da achega acredita esta cuestión. Non fala en ningún momento de moratoria, fala de repoboacións co xénero eucalipto. O que pasa é que hai palabras que teñen unha especie de áurea máxica e cada quen interprétaas como lle peta. E a moratoria é unha delas.

A achega do Partido Popular á súa Lei de recuperación da terra agraria, que non é moratoria e si repoboación con eucaliptos, di de xeito claro:

Que as repoboación coas especies de eucaliptos que estean contempladas nos planos de ordenación, tanto en vigor como en tramitación, se poderán seguir facendo. É dicir, o que fai a mal chamada moratoria é legalizar todas aquelas plantacións de eucaliptos que até hoxe se fixeron de forma ilegal ou cando menos irregular (en terras agrarias, agrícolas, en figuras de protección medioambiental...).

Que naquelas partes do monte onde a especie dominante sexa o eucalipto, os titulares poden plantar outras especies forestais e trasladar a mesma superficie de eucalipto a outro lugar do seu monte. Xa que logo, a mal chamada moratoria non reduce a superficie das plantacións de eucaliptos do monte galego senón que o que fai é cambiar de lugar as plantacións de eucaliptos.

A mal chamada moratoria non é que elimine ou reduza a superficie de eucaliptos senón que elimina e reduce a superficie doutras especies forestais 

Que naqueles montes onde a superficie de eucaliptos supere o 50% pódense eliminar as restantes especies forestais e reforestar toda a superficie con eucaliptos. Polo tanto, a mal chamada moratoria non é que elimine ou reduza a superficie de eucaliptos senón que elimina e reduce a superficie doutras especies forestais a favor do eucalipto.

A ocupación no monte galego pola especie de eucaliptos, segundo o planificado no primeiro Plan forestal de Galiza, que acaba de rematar, supera unhas 400.000 mil hectáreas do que estaba previsto. Cumpriría, xa que logo, unha redución e ordenación desta especie forestal. A mal chamada moratoria do Partido Popular non fai tal cousa e nin sequera se lle pode aplicar a máxima do gatopardismo, “mudar algo para que nada cambie, porque non cambia nada.

En todo caso, poderíaselle aplicar aquela frase da película dos irmáns Marx: “máis madeira que é a guerra”.

Seguramente é interesante lembrar que na lexislatura pasada se presentou no Parlamento Galego unha iniciativa lexislativa popular promovida polas entidades Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Confederación Intersindical Galega (CIG), Federación Rural Galega (Fruga) mais a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm), intitulada “Mellora do bosque autóctono, xestión racional do monte e loita contra os lumes forestais”. Iniciativa lexislativa popular que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e coa abstención do PSOE.

No que fai a respecto das plantacións de eucaliptos no monte galego, a iniciativa lexislativa popular recollía: Eliminación paulatina das plantacións de eucaliptos en terras agrarias, agrícolas, figuras de protección medioambiental e masas mixtas. E naquelas superficies susceptíbeis de poder plantar esta especie forestal, as plantacións ademais de ordenadas e xestionadas deben dedicar unha superficie da mesma á produción de madeira de calidade.

Madeira de calidade que ao ter diversas aplicacións xerarían máis valor engadido.

Comentarios