Opinión

De montes veciñais si, mais de comunidades de montes, tamén

A nivel xeral, cando se fala de montes veciñais, nunca se fala de comunidades de montes, cando estas son a reunión dos veciños e das veciñas dun lugar, aldea ou parroquia que, constituídos en asemblea xeral, deciden democraticamente como defender as súas terras comunitarias e como polas en valor. Son, pois, as comunidades de montes o elemento dinamizador do que poderiamos chamar sector "monte veciñal". Se hoxe en Galiza existen os montes veciñais foi pola resistencia da veciñanza comuneira ao longo da historia a non perder súas terras comunitarias.

Cando se fala ou se escribe de monte veciñal sen falar ou escribir das comunidades de montes semella que nos estamos retrotraendo ao século XVIII, co despotismo ilustrado aínda en vigor. Todo para o pobo, pero sen o pobo. Neste caso, todo para o monte veciñal, pero sen as comunidades de montes que son a veciñanza comuneira organizada, ademais dos lexítimos titulares dos montes veciñais.

Cando a veciñanza comuneira do Morrazo, do Val Miñor e de Vigo acordaron no ano 1997 celebrar un primeiro congreso relacionado cos montes veciñais, o nome que lle puxeron foi I Congreso Galego de Comunidades de Montes. Este nome non foi posto ao azar. Foi posto conscientemente. Aquela veciñanza comuneira do ano 1997 tiña claro que as comunidades de montes, a veciñanza comuneira organizada, tiñan que ser as principais protagonistas de todo o relacionado cos montes veciñais. O nome do I Congreso Galego de Comunidades de Montes foi tamén unha réplica a un congreso de montes veciñais que tivo lugar dous anos antes, organizado pola daquela Dirección Xeral de Montes e Medio Natural mais a Asociación Forestal de Galicia. Un congreso no que, en liña co despotismo ilustrado, participou todo o mundo agás as comunidades de montes.

Hai medio ano, a Consellaría do Medio Rural lanzou a consulta pública un proxecto de lei de montes veciñas. Unha consulta sucedánea, virtual, xa que non existía texto dese proxecto de lei de montes veciñais. Só constaba unha idea, unha idea tremendamente negativa como é a de eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais para proceder á súa privatización. Parece ser que logo desta consulta pública sucedánea, a Consellería do Medio Rural montou un equipo de relatores e relatoras para elaborar un Libro Branco sobre os montes veciñais de onde sairía o texto para o proxecto da lei de montes veciñais. Descoñécese a identidade destes relatores e relatoras para este suposto documento sobre os montes veciñais. Mais si unha cousa é certa: nesa equipa non están presentes as comunidades de montes.

Lamentabelmente esta táctica de "todo para o monte veciñal pero sen as comunidades de montes" non é só unha práctica da Consellería do Medio Rural. De cando en vez xorden, mesmo de xeito ventureiro, plataformas de defensa dos montes que mesmo afirman ter presentado diante da Xunta de Galiza textos para unha lei de montes veciñais consensuados. Consensuados con quen? Coas comunidades de montes non, xa que estas nunca foron chamadas por estas plataformas, nin para falar dunha posíbel lei de montes veciñais nin para outras cuestións relacionadas cos montes veciñais.

Pola contra, nada se fala -ou pouco se fala- ,de que vai facer un mes a veciñanza comuneira galega rexistrou no Parlamento galego 12.010 sinaturas para que se debata nesta institución unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega en xeral, para que non rouben os montes veciñais mediante a súa privatización. E de que é un proxecto de lei elaborado polas comunidades de montes mediante un proceso asembleario e democrático.

A veciñanza comuneira galega non propón que as comunidades de montes sexan os únicos interlocutores cando se fala dos montes veciñais en man común. Mais si esixen que cando se traten cuestións referidas aos montes veciñais, as comunidades de montes sexan os principais interlocutores. O dito, de montes veciñais si, pero de comunidades de montes, tamén.

Comentarios