Opinión

Montes veciñais: cuestión de país

A totalidade dos medios de comunicación en Galiza, que non galegos, padecen unha especie de andazo que fai que sexan máis sensíbeis ao que ben de fóra que ao que se xesta no país. Se cadra é porque non conciben a nosa nación como nación. E isto acontece lamentabelmente aínda que o que veña de fóra, conteña inexactitudes históricas, por non dicir falsidades históricas.

Algo disto aconteceu recentemente cun estudo científico elaborado por profesores e profesoras da Universitat Autónoma de Barcelona e da Universidade Autónoma de Madrid. No estudo manifestan que os montes veciñais son orixinariamente unha propiedade privada e nacen na segunda metade do século XIX, como resistencia as políticas desamortizadoras dos gobernos liberais españois.

A verdade histórica é outra radicalmente distinta. Os montes veciñais en man común, nunca foron e, xa que logo, nin orixinariamente, titularidades privadas. Foron sempre titularidades colectivas de carácter xermánico. Isto é, titularidades ás que se tiña dereito, ou se perdía, polo uso das mesmas. Titularidades sen asignación de cotas e pertencentes a veciñanza entendida como grupo social. Se hai que datar o nacemento dos montes veciñais, esta data hai que situala nos tempos de chegada da Península Ibérica dos pobos xermanos. O imperio romano non admitía estas titularidades colectivas, veciñais ou como, mellor din no veciño Portugal, comunitarias.

O estudo científico manifesta unha certeza, aínda que sexa parcial. Din que os montes veciñais en man común son claves para manter a biodiversidade e reducir o risco de lumes .A realidade é que a existencia dos montes veciñais como titularidades comunitarias e a xestión democrática e asemblearia da veciñanza comuneira, son claves para acadar un monte multifuncional e sustentábel nun medio rural vivo. Evidentemente, neste monte multifuncional e sustentábel, atópase, entre outras cuestións, o mantemento da biodiversidade e a redución do risco dos lumes. Agora ben, este monte veciñal de futuro, hoxe, atópase ameazado polo intento dos intereses capitalistas en privatizalo. E desta seria ameza nada fala o estudo científico.

A través da historia, as agresións ao monte veciñal en forma de municipalización ou privatización foron unha constante. Como ben dixo o profesor de historia da Universidade de Compostela, o señor Xesús Balboa, no acto de clausura do VI Congreso Galego de Comunidades de Montes, o monte veciñal padeceu 5 vagas de agresións e hostilidades. Catro destas vagas foron protagonizadas por gobernos españois de diversos cores: marxinación na Constitución de Cádiz, desamortización nos gobernos liberais españois do século XIX, consideración como montes públicos na 1º República Española e usurpación no franquismo.

Estamos hoxe na quinta vaga agresiva. Esta está protagonizada polo goberno autonómico do Partido Popular, que máis semella un virreinato do goberno español. Esta quinta vaga agresiva consiste en privatizar os montes veciñais para entregarllos ás empresas, tanto madeireiras e pasteiras como de servizos forestais. Non hai que ser adiviño para saber o destino deste monte veciñal privatizado: monocultivo forestal con especies de crecemento rápido.

Polo tanto, a loita pola supervivencia dos montes veciñais pasa hoxe por situar no primeiro plano o combate para impedir esta privatización. Se non se para esta privatización, falar dos montes veciñais será un exercicio histórico. Algo que existiu nalgún tempo pasado. Algo como unha reliquia histórica. Nesta loita ten que estar a veciñanza comuneira. Mais deben estar acompañadas polo resto da sociedade galega que non ostenta a condición de comuneira. Das funcións sociais e medioambientais que realizan os montes veciñais é beneficiaria toda a sociedade. Se se privatizan os montes veciñais estas funcións desaparecerán.

A loita pola supervivencia dos montes veciñais e unha cuestión de pais. Se se quere acoutar máis das maiorías sociais do noso país.

Comentarios