Opinión

Montes veciñais, convenios e cultivos enerxéticos

A lei de montes de Galiza, actualmente vixente, databa de Xuño de 2016 para que as comunidades de montes pagasen as falsas e inxustas débedas dos convenios [1] ou entregasen a xestión das suas terras a empresas forestais privadas. A loita de veciñanza comuneira ante esta inxustiza fixo que na lei de acompañamentos dos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2016 se contemplase unha moratoria no pago de esta inxustiza. Así, a data de Xuño de 2016 convertíase en Xuño do 2018. A veciñanza comuneira gañaba unha batalla, mais non a guerra, xa que a vitoria de verdade será a eliminación total das falsas e inxustas débedas dos convenios .

De tal xeito que a veciñanza comuneira continuou con esta loita. Así, chegamos á Lei de Acompañamentos dos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017. Nesta lei, contémplase outra nova moratoria para o pago das falsas e inxustas débedas dos convenios dos montes veciñais .De feito que a data Xuño de 2018 convértese en Xuño de 2021. A veciñanza comuneira volve a gañar outra batalla, mais ainda non acada a vitoria final. E xa que logo, a loita contra esta inxustiza continuará.

Por que este uso das moratorias por parte da Consellaría do Medio Rural? Será por que a señora conselleira padeceu un golpe e viñéronlle as luces? Evidentemente, non. O uso destas moratorias ten outra lectura. A Consellaria do Medio Rural sabe que, ao final, terá que entregar os montes veciñais aos seus lexitimos titulares sen as falsas e inxustas débedas dos convenios. Polo tanto , as continuas moratorias dáas a si mesma, non a favor da veciñanza comuneira.

Os cultivos enerxéticos son aproveitamentos agresivos medioambientalmente e de tipo colonial economicamente

Facendo uso destas moratorias, dende agora e até Xuño do ano 2021, a Consellaría do Medio Rural, nos montes veciñais conveniados, vai proceder á corta en matarrasa do arbolado. De feito que, cando teña que entregar estes montes á veciñanza comuneira, estes estean totalmente en estado de abandono. O monte veciñal, en estado de abandono, será pasto doado para que as empresas forestais e madeireiras veñan cos seus proxetos de cultivos enerxéticos (plantar especies invasoras para, en quendas de 5/6 anos, cortar para queimar e producir enerxía). Os cultivos enerxéticos son aproveitamentos agresivos medioambientalmente e de tipo colonial economicamente. A mesma lei de Acompañamentos dá fe de isto. Xuntamente con esta nova moratorira para o pago das falsas e inxustas débedas dos convenios aparece a derrogación do decreto do goberno bipartito de aproveitamento da biomasa forestal que, entre outras cuestións positivas, non permitía os cultivos enerxéticos .

A loita pola eliminación xa das falsas e inxustas débedas dos convenios ten que ser unha prioridade da veciñanza comuneira. Mais tamén ten que ser das maiorías sociais da nosa nación, xa que está relacionada coa potenciación dos cultivos enerxéticos, porque estes hipotecarán o desenvolvemento harmónico da nosa nación. O Partido Popular fía tan fino que antes do ano 2021 (fin da moratoria) teñen que se celebrar eleccións ao Parlamento Galego. Se o Partido Popular recunca, mel sobre filloas. Se hai novo goberno, terán que apandar con esta desfeita.

Nota de Sermos (1). Os convenios aos que se refere o artigo son os asinados no seu día por algunhas comunidades coa administración galega para a xestión dos montes. A Xunta afirma que nalgúns casos incorreu en déficits -tivo máis gastos que ingresos- e pide a diferenza ás comunidades. Estas discuten os cálculos da administración e consideran falsas e inxustas s supostas débedas.

Comentarios