Opinión

O monte veciñal en man común estorba

Para os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos, a figura do monte veciñal en man común como unha titularidade de carácter xermánico (xa que logo, fóra do tráfico do comercio) e xestionada democraticamente pola veciñanza comuneira, estorba. Polo tanto, hai que eliminalo. A Consellaría do Medio Rural, amparando os intereses arriba citados, atópase nun proceso de privatizar ou desclasificar estas terras comunitarias para entregarllas de balde ás empresas forestais privadas e ás diversas administracións públicas Para corroborar esta estratexia, só basta con botar unha ollada ás últimas medidas lexislativas (pago das falsas e inxustas débedas, declaración dos montes veciñais en estado de grave abandono, modificación da lei do Solo de Galiza, lei depredadora...). 

O xurado de clasificación de montes veciñais en man común da provincia de Pontevedra (un organismo dependente da Consellaría do Medio Rural e non un tercer poder autónomo) vén de desclasificar como de veciñal en man común o monte de A Lanzada. Isto é, vén de roubarlles o monte veciñal á veciñanza comuneira da parroquia de Noalla (Sanxenxo), para entregarllo a un organismo do Estado Central (a demarcación de Costas). Un monte declarado como veciñal no ano 1989.

As razóns que levaron ao xurado de clasificación de montes veciñais en man común da provincia de Pontevedra (insistimos, organismo dependente da Consellaría do Medio Rural) a desclasificar o monte veciñal de A Lanzada non se axustan á lei e son feitas á carta. A verdadeira razón desta desclasificación é o inicio dun proceso, promocionado polo Goberno galego, para roubar monte veciñal á veciñanza comuneira e entregalo de balde ás diversas administracións públicas. O caso do monte de A Lanzada é o primeiro, mais, se non o paramos, non será o último. As falsas razóns aplicadas pola Consellaría do Medio Rural para desclasificar este monte veciñal poden ser estendidas a unha boa parte dos montes veciñais da nosa nación. Por certo, esta desclasificación contou co voto en contra do representante das comunidades de montes no Xurado Provincial de clasificación de montes veciñais, o que amosa, unha vez máis, a importancia que ten a unidade das comunidades de montes.

A Consellaría de Medio Rural atópase nun proceso de privatizar ou desclasificar estas terras comunitarias para as entregar de balde ás empresas forestais privadas

 

Alegar para a súa desclasificación que os usos actuais do monte veciñal non son usos do pasado (pastoreo, esquilmes...) non é somente incumprir a lei de montes veciñais en man común que afirma que os montes poden ser declarados como veciñais -independentemente do uso actual se se demostra que foi usado pola veciñanza comuneira dende tempos inmemoriais-, senón que tamén é facer caso omiso de reiterada xurisprudencia que vén sentenciando que os usos non teñen que ser necesariamente agrícolas ou forestais para que se poida proceder á clasificación do monte como de veciñal en man común.

Alegar para a desclasificación do monte de Noalla como de veciñal en man común o feito de que súas terras están catalogados como ZEC (zona de especial conservación) e integrados na Rede Natura 2000 non é somente ir contra a xurisprudencia existente, senón que é negar unha realidade. A realidade de que actualmente en Galiza unha parte moi importante dos terreos declarados ZEC e da Rede Natura son montes veciñais en man común, están clasificados como tales e está recoñocida a titularidade veciñal. Nótese que negar a realidade é un dos principios de ideoloxía fascista. As comunidades de montes veciñais en man común non cuestionamos as figuras de protección medioambiental, senón que as defendemos. Mesmo asumimos, en aras do ben común, certas hipotecas de uso que poden ter as nosas terras. Mais esta situación non pode dar pé a que estas terras sexan desclasificadas como de veciñal en man común.

A desclasificación do monte veciñal da parroquia de Noalla, perpretada polo Xurado Provincial de clasificación de montes veciñais, organismo dependente da Consellaría do Medio Rural do goberno da Xunta de Galiza do Partido Popular, é un roubo (roubar é sacarlle a un ou a unha o que lexitimamente ten) cometido contra a veciñanza comuneira de Noalla. Co agravante de que pode ser aplicado a unha boa parte do monte veciñal galego.

Parar esta inxustiza é un dos motivos que levou á Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM) a convocar para o día 22 de Abril en Compostela unha manifestación para a defensa do monte veciñal. Sería bo que a veciñanza comuneira nos vexamos ese día nas rúas de Compostela, berrando “O monte veciñal é noso".

Comentarios