Opinión

O monte veciñal, unha figura de protección en si mesmo

Entendese por protección medioambiental a práctica de protección do medio ambiente natural por persoas, organizacións e gobernos. Os seus obxectivos son conservar os recursos naturais e o entorno natural existentes, reparar os danos causados e reverter as tendencias negativas. Os montes veciñais en man común, polas súas características de titularidade xermánica, son ben que, non os recibimos das nosas nais e pais, senón que nolo prestaron  nosas netos e netas. Xa que logo temos a obriga de deixalos nas mellores condicións as xeracións vindeiras.

Entendese por sustentabilidade as accións para acadar unha prosperidade sostida no tempo e que ao mesmo tempo, protexa os sistemas naturais, prevendo unha calidade de vida para as persoas. A súa finalidade consiste en acadar un desenvolvemento económico e social respectuoso co medio ambiente. O concepto de sustentabilidade conxuga accións económicas, sociais, ambientais e políticas. Ou dito de outro xeito, conxuga territorio. persoas e gobernanza. As comunidades de montes, titulares dos montes veciñais, son sociedade civil organizada.

A Unión Europea e organismos internacionais como pode ser a FAO propoñen que o futuro dos montes pasa por acadar unha tenencia máis xusta destes territorios evitando a acaparación dos mesmo en poucas mans (o mesmiño que fai o Partido Popular, promulgando leis mediante as cales róuballe monte veciñal as comunidades de montes para entregarllo de balde as empresas forestais e madeireiras). Estes organismos internacionais consideran tamén que o futuro dos montes pasa por dar protagonismo os titulares dos montes dende os principios de autoorganización.

Estes conceptos modernos e de futuro que indican estes organismos internacionais na Galiza están implantados dende tempos inmemoriais. Foron as asembleas veciñais onte e son as comunidades de montes hoxe que, cos seus erros e cos seus acertos, veñen xestionando asemblearia e democraticamente esas terras comunitarias que son os montes veciñais en man común.

Con todas estas argumentacións parecería lóxico que os montes veciñais en man común fosen considerados como unha figura de protección en si mesmos e mesmo que houbese leis que os protexeran. Mais na realidade acontece todo o contrario. Estas terras comunitarias están tan desprotexidas que son consideradas como chan barato e negáselles a consideración como recursos propios os que se producen nas súas terras.

O exemplo máis claro destas consideracións negativas cara os montes veciñais témolo no actual desenvolvemento do plano eólico que significa un espolio para os montes veciñais. As leis do aproveitamento eólico, de fomento e implantación de iniciativas empresariais e de simplificación administrativa, todas elas promulgadas polo Partido Popular, impiden que as comunidades de montes veciñais en man común rexeiten o roubo das súas terras a favor das multinacionais eólicas. Para parar este espolio só lles queda a mobilización, que por outra banda é a ferramenta máis eficaz para parar esas agresións.

Ademais da necesidade da existencia das figuras de protección medioambiental, a veciñanza comuneira e as maiorías sociais da nosa nación deberiamos reivindicar que a lexislación galega recoñeza os montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultura en si mesmo. A súa figura, as súas funcións e a súa gobernanza implican un manexo sustentábel do territorio.

Esta cuestión será un dos debates que terán cabida no VII Congreso Galego de comunidades de montes que terá lugar no concello de Moaña no mes de maio do vindeiro ano. E logo será trasladado os grupos parlamentares para que se debata no Parlamento Galego.

Comentarios