Opinión

Mexan e queren que sigamos dicindo que chove

Fincándose no decreto do Goberno español polo que as industrias contaminantes poden seguir contaminando se mercan bonos de captura de C02 xeradas polas masas boscosas, están aterrando no noso territorio un bo número de empresas de servizos que pretenden facerse con este novo nicho de negocio. Cómpre non esquecer que o desenvolvemento deste decreto do Goberno central é negativo para Galiza xa que, segundo o mesmo, só capturan C02 as masas boscosas que se planten no territorio que padeceu un lume ou que significa un cambio de uso da terra (reforestación de terras agrarias).

Estas empresas que tentan de aproveitarse dun recurso dos montes veciñais galegos, veñen de fóra do país. Seguimos, xa que logo, coa explotación colonial dos recursos do país. O recurso está no país e o valor engadido do mesmo vai para fóra. Vénme á memoria aquel cartaz do Bn-pg nas primeiras eleccións lexislativas do Estado español.

Aquel cartaz que reproducía o debuxo de Castelao no que se vía un paisano muxindo unha vaca e coa lenda “para que non nos rouben a nosa terra”.

O proxecto que lle presentan estas empresas de fóra do país ás comunidades de montes para “capturar” as compensacións monetarias pola captura do C02 que levan adiante os seus montes veciñais, ten trampa. Ten truco. Ofrécenlle ás comunidades de montes facer elas a plantación e o mantemento da mesma nos cinco primeiros anos (ollo, estas dúas accións son subvencionadas anualmente ao 80% pola Consellaría do Medio Rural) e a venda da madeira producida nos 40 anos da duración contrato. E a cambio as empresas cobrarán toda a contía económica da captura do C02. Mais cómpre lembrar que esta contía económica cóbrase non só no intre da venda do bono de captura de CO2, senón que, no mesmo intre da facer a plantación, pódese cobrar o 20% da captura total do C02 no período dos 40 anos.

Estas empresas de servizo para as compensación pola captura do C02 semellan ser papá Noel repartindo agasallos, mais son na realidade o home do saco. Para elas o negocio e rendíbel (pouco investimento – grandes beneficios). Namentres que para as comunidades de montes ademais de ser unha rapiña duns dos seus recursos (a captura de C02 das masas boscosas), a proposta é economicamente insostíbel. As comunidades de montes de só acadaran ingresos pasados 40 anos, no intre da venda da madeira que xerou durante estes anos ingresos pola captura do C02. E durante este longo período de tempo, de que ingresos dispón a comunidade de montes para a xestión das súas terras comunitarias? En moitas comunidades de montes, de ningún.

As labouras de mantemento da plantación xeradora de captura de C02 non remata nos seis primeiros anos, que é compromiso da empresa coa plantación. Precisa, para mantela en condicións, nos anos seguintes labouras de poda, limpeza, clareo... Como poden facer estes traballos as comunidades de montes sen ingresos anuais? E ademais, aínda que sexa de xeito indirecto, para manter a plantación as comunidades de montes teñen que anualmente xestionar a biomasa nas faixas de seguridade, ter equipos de prevención de loita contra o lume. Como pode facer unha comunidade de montes estes traballos necesarios sen ter ingresos anuais? Ou é que pretendemos xogar ao azar e a ver se temos sorte e a plantación sen os coidados precisos, non sexa pasto de ningún lume .

Cuestión distinta seria se as empresas de fóra do capturadoras do negocio do C02, non tivesen o afán do lucro desmesurado. Se lle formulasen ás comunidades de montes un contrato mediante o cal, a cambio de xestionar os bonos de emisión de C02 e polos no mercado, recibisen unha porcentaxe do acadado polos mesmos. Pero non. Estas empresas de fóra do país o que pretenden é que as comunidades de montes, titulares do recurso, comulguemos con rodas de muíño ou que sigamos naquel fatalismo que xa denunciara Castelao “mexan por nós e temos que dicir que chove”.

A captura de CO2 que levan adiante as masas boscosas dos montes veciñais é un recurso do monte veciñal. Xa que logo, o valor engadido xerado por este recurso debe beneficiar en primeiro lugar a veciñanza comuneira e as poboacións que viven na zona da influencia do monte. A Consellaría do medio rural debería crear unha ferramenta que fixese doado para que os titulares dos montes puidesen aproveitar este recurso. E, se cadra, aínda tería que facer algo máis. Pórse á fronte para que o valor engadido deste recurso das masas boscosas galegas ficase no país.  

Comentarios