Opinión

Lumes forestais: problemas de país

Na vaga de lumes que vimos de padecer, o primeiro que cómpre lamentar é a morte de catro persoas. O   segundo é pór todos os esforzos en apagar os lumes que aínda quedan. O terceiro é o deixar de facer declaracións demagóxicas e de desculpas de mal pagador como as do presidente da Xunta de Galiza (os lumes veñen de Portugal e son provocados), do Vicepresidente da Xunta (cairá todo o peso da lei sobor os incendiarios) e da Conselleira de Medio Rural (nada tivo que ver que o servizo da loita contra o lume estivese desmantelado). E logo de facer todo isto, enfrontar o problema dos lumes forestais como o que realmente é, como un problema de país.

Moitas organizacions que viven, traballan ou xestionan o medio rural veñen afirmando dende hai tempo que cando hai un lume forestal non arde somentes monte; arden tamén producións, gando, biodiversidade, paisaxe e, lamentabelmente, tamén persoas. É dicir, arde o territorio. Polo tanto, é preciso encarar esta problemática valorando, en primeiro lugar, a eficacia ou non da actual política de montes na loita contra os lumes forestais.

Vista así a cuestión o que cómpre facer é que no Parlamento Galego se cre unha Comisión de Estudo (ou como se chame), para analizar toda a problemática dos lumes forestais. Unha comisión que ten que estar composta por todos os sectores relacionados co monte e co medio rural (titulares das terras, grupos medioambientais, centrais sindicais, sindicatos agrarios, empresas forestais…). Mais cómpre non ser inxenuos. A creación desta comisión de Estudo (ou como se chame) só será posibel se o Partido Popular esquece a sua calculadora parlamentaria e entende, de unha vez, que o País está por riba dos seus intereses partidarios.

O que cómpre facer é que no Parlamento Galego se cre unha Comisión de Estudo (ou como se chame), para analizar toda a problemática dos lumes forestais

 

Unha comisión de Estudos (ou como se chame) que vaia debrullando todos os grans da política de montes actualmente vixente: é eficaz o Pladiga imposto sen debate e no mes de xullo? A loita contra os lumes forestais, na súa faceta de extinción, cómpre facela dende a óptica do servizo público ou dende a óptica do negocio privado? É acertado deseñar as liñas de axudas para prevención e defensa contra os lumes forestais baixo os interesese das empresas forestais e non baixo os intereses dos titulares das terras? É correcto unha política de montes que perpetúa a desordenación do territorio e do uso das terras e que expulsa os titulares das mesmas da súa xestión, ou é necesario ir a unha política de montes radicalmente distinta? Ten futuro o monte galego somentes forestalista, que é o que está deseñado na política de montes actual?

Agora ben, esta comisión de Estudo (ou como se chame) non pode quedar, vala a redundancia, na realización dun estudo. A Consellaría do Medio Rural ten que comprometerse en pór en práctica de xeito inmediato todas as liñas de actuación política que se vaian consensuando nesa Comisión de Estudos (ou como se chame). De non facer así as cousas, teremos que recoñocer que a única medida eficaz contra os lumes forestais é a choiva do ceo. Pensar así é un acto de resiñación e a resiñación non é unha ferramenta eficaz contra nada; contra os lumes forestais, tampouco. E, sobor de todo, porque os lumes forestais poden ser vencidos.

Comentarios