Opinión

Os lumes forestais e os carroñeiros

Para os carroñeiros nen as traxedias humanas lles valen para aflorar sentimentos de solidariedade. Valenlles para sacar os dentes para lanzarse sobre a sua presa e devorala. As desgrazas mesmo lles valen para sacar tallada. Iso foi o que aconteceu coa desgraza do lume forestal que tivo lugar a semana pasada en Pedrógão (Portugal).

A tallada a sacar por estes carroñeiros é a de roubar o monte veciñal aos seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira. Así, ao longo desta semana houbo que escoitar a santóns da radio que dispoñen dun micrófono todos os días, non para informar, senón para pontificar. E tamén a algún tertuliano que outro, como é o caso do presidente da Asociación de promotores inmobiliarios (evidentemente, a existencia do monte veciñal, unha titularidade fóra do tráfico do comercio, impide o seu negocio especulativo-lucrativo).

A tallada a sacar por estes carroñeiros é a de roubar o monte veciñal aos seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira

 

Nunha máxica coincidencia, estes carroñeiros plantexaban que a solución para rematar cos lumes forestais era a privatización dos montes veciñais. Mais non argumentaban nada que poidera ser minimamente racional. Argumentaban, para proceder á súa privatización, que este tipo de titularidade era unha cousa do pasado, unha cousa antiga.

A estes defensores da sacrasanta propiedade privada haberá que dicirlles que este tipo de propiedade tamén é antiga, do pasado. Cando menos, existe dende o Imperio Romano. Os romanos definían dous tipos de titularidade: a privada (á que se podía acceder por merca ou herdanza), e pública (destinada para uso de todos e todas). Aplicando a súa mesma lóxica, calqueira pode plantexar o roubo da propiedade privada por ser unha cousa antiga, unha cousa do pasado .

As causas dos lumes forestais son estructurais (abandono do rural e monocultivo forestal). Para corrixir algunha destas causas, a Consellaría do Medio Rural do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG, creou as Unidades de Xestión Forestal (xestión conxunta e democrática dos propietarios particulares de montes). En pouco máis dun ano que estivo en vigor esta figura de xestión do monte creáronse perto de 50. O Partido Popular botounas abaixo e creou as Sociedades de Fomento Forestal (xestión empresarial dos montes). Nos 9 anos de existencia desta figura de xestión somentes se creou unha. Se seguisen en vigor as Unidades de Xestión Forestal, unha boa parte da superficie de monte de particulares estaría ordenada e, xa que logo, con defensa contra os incendios forestais. Mais desta realidade, os antes citados,  se cadra por afinidade idelóxica, non din nada.

As causas dos lumes forestais son estructurais (abandono do rural e monocultivo forestal)

 

Como tampouco din nada de que o Partido Popular derrogou a lei de prevención e de defensa contra os incendios forestais, tamén promulgada pola Consellaría do Medio Rural dirixida politicamente polo BNG do goberno bipartito. A nova lei do Partido Popular eliminou xestión da biomasa e distancias de seguridade. É dicir, incrementou o risco de as consecuencias dos lumes seren máis tráxicas. A lei de prevención de incendios do Partido Popula, ao respeito da mesma lei do goberno bipartito, eliminou a xestión da biomasa forestal en mosaicos de parcelas, levantou a prohibición de forestar terras agrarias, eliminou a rotura da continuidade das masas monoespecíficas cada 50 hectareas, reduciu a xestión da biomasa forestal arredor dos núcleos de poboación de 50 a 30 metros, reduciu as distancia das plantacions de especies pirófitas das vivendas de 100 a 30 metros. E logo, con moita hipocresía, laiámonos das consecuencias dos lumes forestais. De seguir en vigor a lei de prevención e de defensa contra os lumes forestais, unha boa parte do territorio galego estaría defendido contra eles.

Ante o lume forestal que tivo lugar en Pedrógão, primeiro solidariedade coas vitimas e os afectados do mesmo. Pero, ao mesmo tempo, hai que esixir, para combater os lumes forestais con eficacia, outra política de montes. Outra política de montes que ten que ser radicalmente distinta á política de montes do Partido Popular. Evidentemente, a política de montes do Partido Popular non queima os montes, pero si perpetúa que a problemática dos lumes forestais no territorio galego non teña fin.

Comentarios