Opinión

A linguaxe non é neutra; no monte veciñal tampouco

Nas últimas e xustas reivindicacións contra o espolio eólico que queren perpetrar as multinacionais do sector no territorio galego sacadas adiante por sectores que non poden ser considerados como conservadores, o monte veciñal e as comunidades de montes -que non son outra cousa que a xuntanza da veciñanza comuneira que, reunida en asemblea xeral, decide democraticamente como defender e pór en valor as súas terras- brillaron pola súa ausencia. Mesmo as comunidades de montes foron substituídas por unhas chamadas “comunidades rurais”.

Cando a realidade da nosa nación é que, debido ao proceso histórico e ás agresións que padeceron os montes veciñais, a maioría dos mesmos quedaron nas partes altas do territorio galego. Xa que logo, a inmensa maioría dos muíños que traerá (se non se paraliza) o espoliador Plan eólico da Galiza que estea en vigor serán instalados en terras comunitarias. Por outra banda, na nosa nación a maioría das comunidades rurais teñen un nome propio: chámanse comunidades de montes. Non semella moi acaído negar a realidade ou inventarse unha realidade virtual para levar adiante unhas reivindicacións xustas. 

Estes mesmos sectores da sociedade galega, non conservadores precisamente, láianse de que na Galiza existe pouca porcentaxe de monte público, dando a entender que todo o resto do monte é privado cando a realidade é que o 33% do territorio galego é monte veciñal en man común, nin titularidade pública, nin titularidade privada, titularidade comunitaria. E isto é así por un proceso histórico de loita e de resistencia dos nosos e das nosas antepasadas. Até o século XIX, na Galiza -e tamén no resto do Estado- os montes eran veciñais ou en man común. As leis desamortizadoras dos gobernos españois (a partir do ano 1885) puxeron en venda estes montes veciñais en man común. A daquela sociedade rural galega, titular destas terras comunitarias que eran o soporte do seu medio de vida, resistiron ao intento de privatización dos seus montes veciñais. E acadamos o seu obxectivo. Poucos montes veciñais se venderon. No resto do Estado non se deu tal proceso de loita e moitos daqueles montes que eran de titularidade comunitaria pasaron a ser de titularidade privada. 

A Primeira República española (1873) decretou que eses montes veciñais pasasen a ser lugares de titularidade municipal. O asentamento daquela da poboación galega espallada en lugares, aldeas e parroquias fixo que esta lei non tivera practicamente aplicación na Galiza. De feito os montes veciñais seguiron funcionando como montes veciñais. No resto do Estado, como a forma de asentamento da poboación era distinta, esta lei da primeira república española significou que aqueles montes que eran veciñais e que non se venderan en aplicación das leis desamortizadoras se converteran en montes de titularidade pública, perdendo a veciñanza española as súas terras comunitarias. 

Se cadra non estaría mal, aínda que fose de cando en vez, que estes sectores da sociedade galega, non precisamente conservadores, que se laian da pouca porcentaxe de monte de carácter público que existe no país comparándoa coas porcentaxes do Estado español e mesmo de Europa, votasen unha ollada ao noso país veciño, Portugal, onde tamén existen terras comunitarias que chaman baldíos. Terras que existen dende o Douro cara ao norte, é dicir, na demarcación do antigo Reino da Galiza. As sociedades galega e portuguesa foron as únicas de toda Europa que foron quen de defender as terras comunitarias contra os intentos do poder de, ou ben privatizalas, ou ben municipalizalas. Ás veces, antes de lanzar consignas, non estaría mal votar unha ollada á nosa historia, que aínda que os poderes dominantes sempre tentaron ocultala, existe. 

A linguaxe non é neutral. E máis, consciente ou inconscientemente, encerra ideoloxía. Non quero ser ofensivo e xa que logo, non a nomearei. Mais hai unha ideoloxía que para combater unha realidade ou tapar a historia o primeiro que fai é non nomeala.

Comentarios