Opinión

E se lésemos os programas eleitorais

A realidade actual do mundo rural galego caracterízase por un elevado grado de envellecemento, abandono e desertización de practicamente todas as zonas rurais de Galiza e que ten o seu reflexo na desestruturación do territorio, o que leva aparellados elevados riscos de incendios de grandes dimensions, perda da diversidade biolóxica e, o máis importante, a perda de dinamismo social e económico das zonas afectadas por este fenómeno. Evidentemente, esta realidade é consecuencia directa da aplicación de políticas neoliberais.

Esta realidade do mundo rural galego non se visualiza na sociedade galega, nen sequera en tempos eleitoriais. En base a esta situación, trece entidades de organizacions que viven, traballan e/ou xestionan o medio rural, elaboraron un documento intitulado “Compromiso por un mundo rural galego vivo". Documento que contempla medidas agro-gandeiras, medioambientais, de política de montes e de loita contra os lumes forestais, para facerlle fronte a esta negativa situación de verdadeira emerxencia.

Non sen certa inxenuidade as trece organizcions e entidades asinantes do documento pensaban que, dado que se estaba en campaña pre-eleitoral, serían recibidos por todos os grupos políticos

O obxetivo das trece entidades de organizacions asinantes do documento era entregarllo aos candidatos/as á presidencia da Xunta de Galiza dos diversos partidos e organizacions políticas que concorren ás eleccións do 25 de Setembro, co fin que que as fixeran súas e as levaran ao próximo goberno galego ou ao próximo Parlamento galego. Así, solicitaron unha reunión cos candidatos/as á presidencia da Xunta de Galiza do BNG, Compromiso por Galicia, C´S , En Marea, PSOE e PP. Non sen certa inxenuidade as trece organizcions e entidades asinantes do documento pensaban que, dado que se estaba en campaña pre-eleitoral, onde semella que hai unha maior sensibilidade social, serían recibidos por todos os grupos políticos. Mais non aconteceu tal cousa. A única candidata á presidencia da Xunta de Galiza que as recibeu foi a candidata polo BNG, Ana Pontón. Recibeunas, escoitounas e fixo súas as demandas presentadas.

Se cadra convén dar un aviso a navegantes. Que o BNG recibise as entidades e organizacións sectoriais non é un acto meramente eleitoralista. Recibir as organizacions sectoriais, escoitalas e mesmo facer súas as demandas das mesmas é a práctica política diaria de esta organización política. Os e as que desconfíen de esta afirmación poden botar unha ollada aos diarios de sesións do Parlamento Galego e das Cortes Xerais do Estado.

No que fai referencia aos montes veciñais en man común, logo da reunión do BNG coas entidades e organizacións antes citadas, no programa eleitoral do BNG aparecen, entre outras, as seguintes demandas: recoñecemento da titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas, condonación das falsas e inxustas débedas dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados, obriga da Administración competente en materia de montes de facer os deslindes dos montes veciñais, creación dun selo de certificación galego e público, retirar os montes veciñais de ser suxeitos pasivos do Imposto sobre Sociedades e elaborar unha fiscalidade para os montes veciñais dende Galiza e tendo en conta as características e as funcións dos montes veciñais en man común, enfocar a loita contra os lumes forestais como un problema de País e combatelos dende a óptica do servizo público e con criterios profesionais.

Se lésemos os programas eleitorais, a veciñanza comuneira poderiamos comprobar como o BNG é a única organización política das que se presentan ás eleccions do 25 de Setembro  que recibe e escoita as comunidades de montes

Como se pode comprobar, son demandas que están na loita diaria das comunidades de montes veciñais en man común, demandas que siñificarían pór os alicerces para a posta en marcha de unha política de  montes radicalmente distinta da política de montes do Partido Popular  e, xa que logo, acaída para o monte veciñal, para a veciñanza comuneira e para os intereses das maiorías socias da nosa nación. Son demandas que algunhas terían solución no Parlamento Galego e, polo tanto, a composición do mesmo importa; e outras terían solución se Galiza tivese capacidade de decidir, tivese soberanía; polo tanto, cando se fala destes temas, non se está a falar de cousas da estratosfera, nen de fantasias; estamos falando, dito vulgarmente, de cousas de comer.

Se lésemos os programas eleitorais, a veciñanza comuneira poderiamos comprobar como o BNG é a única organización política das que se presentan ás eleccions do 25 de Setembro  que recibe e escoita as comunidades de montes e fai súas as demandas das mesmas. Que defende o monte veciñal e os intereses da veciñanza comuneira, que aposta por un medio rural galego vivo. Son cuestións que debían levar á veciñanza comuneira a reflexionar aínda que, evidentemento,  logo diante da urna, cada quen vote o que estime máis oportuno. Como xa estamos en plena campaña eleitoral, e xa se pode pedir o voto, eu votarei ao BNG -Nos Candidatura Galega.             

           

Comentarios