Opinión

Pero a Iniciativa Lexislativa Popular, lei de montes veciñais, vai

Vai a pesar do xogo sucio que está levando adiante o señor conselleiro de Medio Rural, tentando desprestixiar publicamente (e se cadra tamén soterradamente) a ILP para a tramitación no Parlamento galego dunha lei de montes veciñais promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes argumentando un feixe de mentiras. Como cando afirma que a iniciativa popular está chea de falsidades. Unha proposta de lei non esta chea nin de verdades nin de falsidades. Está chea de contidos políticos que poden ser aprobados ou rexeitados nos parlamentos. Ademais, as ILP son ferramentas democráticas das que dispón a cidadanía, e non cabe criticar o seu uso. Chegado o momento só cabe aprobalas ou rexeitalas. Agora resulta que na Consellería de Medio Rural non só hai anarquistas, tamén hai antisistemas.

O contido da lei de montes veciñais desenvolvida a través dunha ILP vai no camiño de reforzar o carácter xermánico dos montes veciñais, do recoñecemento da titularidade veciñal como unha fórmula distinta, mais en pé de igualdade coas outras titularidades, e da capacidade de decisión da veciñanza comuneira sobre como pór en valor as súas terras. Pola contra, a Consellería de Medio Rural ten proxectado a privatización dos montes veciñais dende o ano 2009 en que retornou á Xunta de Galiza. Para corroboralo só basta con ollar as modificacións que lle fixo á lei de montes veciñais usando un método que se ben é legal, tamén é antidemocrático: a lei de acompañamentos os orzamentos xerais.

Isto non o di a Orgaccmm. Dio a propia Consellería, se ben, empregando palabras que están abertas a mil interpretacións. No proxecto de lei de montes veciñais que Medio Rural mantén en consulta pública até o vindeiro día 9 de maio, pódese ler que un dos obxectivos desta nova lei de montes veciñais é regular a condición de comuneiro ou comuneira. Nunha titularidade de carácter xermánico como a que corresponde aos montes veciñais en man común, a condición de veciñanza comuneira fica clara e, ademais, sustentada nun bo número de sentenzas xudiciais. Son veciños e veciñas comuneiras as persoas que viven no lugar, aldea ou parroquia onde existe monte veciñal. Modificar a condición de veciño comuneiro só se pode entender se o que se pretende é desnaturalizar o carácter xermánico da titularidade veciñal dando entrada como comuneiras a persoas físicas e xurídicas que teñan algunha relación co monte veciñal. Por certo, unha vella aspiración dos intereses empresariais para poder participar na toma de decisións das comunidades de montes.

Outro dos obxectivos que se advirte na proposta de lei de montes veciñais da Consellería é o de harmonizar a normativa dos montes veciñais coa normativa estatal. No Estado español non esta recoñecido o dereito xermánico, xa que logo, neste caso a palabra harmonizar significa dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica para convertelas en titularidades de carácter privado. Sabe ben o conselleiro que o carácter xermánico da titularidade veciñal é o valado que impide a privatización dos montes veciñais. Polo tanto, hai que eliminar este carácter. Se non fose así, o proxecto de lei que propón Medio Rural debería ofrecer a negociación co Estado español para que os montes veciñais, sen perder o seu propio carácter, poidan desenvolver todos os seus usos dentro do marco xurídico romano que rexe no territorio estatal.

Á señora conselleira de Medio Ambiente tampouco lle gusta o funcionamento asembleario e democrático das comunidades de montes. Na súa proposta de lei de montes veciñais di de adaptar o seu funcionamento á situación actual. Acaso o funcionamento asembleario e democrático non é valido na situación actual? Acaso na situación actual o válido é a democracia empresarial (os e as accionistas calan e o consello de administración corta o bacallau?

O señor conselleiro de Medio Rural no só quer impor a súa lei. Quer, ademais, que ninguén lle alce a voz. Da aí o seu nerviosismo, xa que como di o refrán: "Quen lle pica, allos mastiga". Pero como se acostuma a dicir no meu concello "as cousas na patela". Mais, acougue señor Conselleiro, porque, ao seu pesar, a ILP para a tramitación dunha lei de montes veciñais vai. Vai até o Parlamento Galego. Unha vez alí serán os parlamentarios e as parlamentarias quen a aproben ou a rexeiten.

Comentarios