Opinión

Estamos en Galiza ou en Murcia?

Dende a miña opinión, teño a impresión de que a marca nacionalista, que debería impregnar na nosa nación en todo tipo de reivindicacións de carácter social, laboral, económico, medioambiental, de dereitos civís... está sendo diluída. Semella que aquilo de que na nosa nación, a contradición principal é nacionalismo/españolismo, está pasando a un segundo plano.

No Estado español goberna a esquerda española (Psoe-Podemos). Este goberno da esquerda española recentemente desenvolveu o decreto que permite a compensación pola absorción de dióxido de carbono e actualizou a Lei de costas do Estado. Dúas normativas lexislativas agresivas para o territorio galego e xa que logo para as súas poboacións. Pero como traían un envoltorio medioambiental, ningún na nosa nación as cuestionou (nin grupos políticos nin organizacións sectoriais). Ben, si que foron cuestionadas polas comunidades de montes. Mais isto ten o valor que ten, dado que son as directamente afectadas. 

Desenvolvamos o envoltorio medioambiental destas dúas normativas lexislativas do Goberno español de esquerdas. Na primeira, as únicas masas boscosas que capturan C02,e poden ser compensadas economicamente son as plantadas logo do paso dun lume ou as plantadas mediante un cambio de uso do solo. É dicir, estamos fomentando que a industria do lume teña máis incentivos económicos e dándolle un tremendo empuxe á política de forestación das terras agrarias. Nunha nación na que superficie útil agraria non é que sexa cativa; e que baixa día a ía. A isto hai que engadirlle que o único criterio que se usa para calcular a captura do C02 das masas boscosas é o medre da madeira, desprezando as funcións sociais e medio ambientais que teñen especies forestais como poden ser as frondosas autóctonas. Non semella que sexa unha normativa ambientalmente acaída para Galiza. Se cadra si que o é para Murcia.

A segunda destas normativas é a actualización de Lei de costas. Mediante esta actualización, os montes veciñais en man común (unha das marcas de identidade da nosa nación), situados na denominada zona marítimo terrestre deixan de ser montes da veciñanza comuneira para pasar a ser montes de propiedade do Estado español. É dicir, non só confiscan os montes veciñais aos seus lexítimos titulares senón que tamén lle arrancan á Xunta de Galiza a xestión de parte do territorio galego.

A propia ministra de Transición ecolóxica e reto demográfico do Goberno español de esquerdas corrobora esta confiscación dos montes veciñais cando afirma: "Non entendo a actitude de rexeitamento desta lei por parte da veciñanza comuneira, cando estamos dispostos a cederlle o uso deses montes veciñais". Evidentemente, só se pode ceder o uso de algo que se posúe. Debería saber a ministra que os montes veciñais galegos nunca foron do Estado español. E cando en certas etapas da historia o foron, foi mediante a usurpación e a confiscación. Non semella que para a Galiza a Lei de costas do Estado español sexa social e politicamente acaída. Seguro que para Murcia si, entre outras cousas porque naquelas terras non existen montes veciñais.

Nos tempos en que o grupo político En Marea tiña representación no Parlamento Europeo, o que estas letras asina foi convidado a participar en diversas charlas e xornadas. Charlas e xornadas sobre diversos temas de carácter enerxético, de desenvolvemento rural, sobre montes... Actos que non estaban mal pero que tampouco estarían mal se se fixesen en Murcia. Faltáballe a marca nacionalista. Hoxe este grupo político non ten representación no Parlamento europeo, mentres que o nacionalismo segue con representación. Supoño que nesta presenza e naquela ausencia algo terá que ver a marca nacionalista.

O dito, pisamos territorio galego ou territorio murciano?

Comentarios