Opinión

Dúbidas dun votante nacionalista

Que votante nacionalista non estaría de acordo nunha candidatura unitaria de caracter, valla a redundancia, nacionalista?

Que votante nacionalista non estaría de acordo nunha candidatura unitaria de carácter, valla a redundancia, nacionalista? É dicer, conformada por grupos políticos con poder de decisión en Galiza, que defendan a capa-cidade de decidir da nosa nación e que defendan os intereses das maiorías sociais do pobo galego. E que, por suposto, estivese aberta e participada por organizacións sectoriais que defendan os principios de autoorganización e por persoas que libremente queiran e asuman estes principios. Paréceme que poucos, por non dicer ningún.       

No proceso que se está producindo para artellar unha candidatura nacional (por que non nacionalista?) unitaria, os argumentos esgrimidos por voceiros desta posibel candidatura a un simple votante nacionalista, que
non está na sala de máquinas da política
, plantéxanlle algunhas dúbidas.

Por que esa candidatura tense que artellar somentes en base a cidadáns, a persoas, tirando ao lixo (ou mesmo desprezando) a maleta dos grupos políticos. Maleta con votos, con práctica política, con programas, con deputados/as, alcaldes/as, concelleiros/as...e con militanes. Militantes que tamén son cidadás, son persoas que tamén pensan e deciden democraticamente. Ou é que estes/as militantes son cidadáns, persoas de inferior categoría. Non estaremos fomentanto o individualismo? Non estaremos iniciando un culto a un becerro de ouro con pés de lama? É que as aportacions colectivas son inferiores ás individuais? 

"Ou é que estes/as militantes son cidadáns, persoas de inferior categoría. Non estaremos fomentanto o individualismo?"

Por que esta posíbel candidatura afirma que non importa se os individuos que a poidan apoiar sexan de partidos de aquí (galegos) ou de fóra (españois). Estase afirmando, aínda que sexa de forma solapada, que xa non existe a contradición nacionalismo-españolismo (léase imperialismo)? Estase considerando que os intereses das clases populares da metrópoli son os mesmos que os da perifeira? E, aínda máis, que significa de xeito xeral defender os intereses da xente de aquí? É que xa non existe a loita de clases? (se cadra convén recordar a resposta que deu, na crise que estamos a padecer, un magnate norteamericano a un periodista, cando foi preguntado se xa non había loita de clases. Este magnate respondeu: claro que hai loita de clases, o que pasa é que ímola gañando nós. É que non hai intereses económicos contradictorios entre as persoas de aquí? Porei un exemplo dun sector que coñezo algo. Os intereses económicos dos accionistas de Celulosas e dos empresarios forestais, que son xente de aquí, son radicalmente distintos dos intereses económicos da veciñanza comuneira, que tamén son xente de aquí.

"Estase afirmando, aínda que sexa de forma solapada, que xa non existe a contradición nacionalismo-españolismo (léase imperialismo)?"

Non estaremos dando un paso adiante e dous atrás? Seguramente con esta candidatura galega unitaria acadarese grupo parlamentar nas Cortes Xerais do Estado (paso adiante, se ben hai que lembrar que a día de hoxe o nacionalismo está xa representado e mesmo as enquisas confirman esta representación). Mais, ten que ser a conta de achantar un claro programa de liberación nacional e social? É necesario pagar esta peaxe? É necesario facer este pagamento para acadar grupo parlamentar? Ten que ser o obxetivo fundamental acadar grupo parlamentar? E, se non se acada, considerarase un rotundo fracaso? Non se estará dando dous pasos atrás no campo do nacionalismo de esquerdas?

Por que está candidatura nacional (por que non nacionalista?)  e unitaria pretende que non se noten moito os principios do nacionalismo de esquerdas (capacidade de decidir aquí e defensa dos intereses das clases traballadoras ou, se se quer, das maiorías sociais de Galiza)? Estará agromando o concepto político de que dende Galiza non hai solución para os nosos problemas? Estará callando a idea de non crer nas forzas propias do País: políticas, sindicais, sociais, sectoriais...?

"Semella que estase a reproducir o debate que se deu na década dos 50 e do 60 do século pasado entre o Partido Galeguista de aquén do mar e o Partido Galeguista de alén do mar"

Semella que estase a reproducir o debate que se deu na década dos 50 e do 60 do século pasado entre o Partido Galeguista de aquén do mar e o Partido Galeguista de alén do mar (xunto co Consello da Mocidade Galega e novas xeracions de aquí). Os primeiros chegaran a conclusión de que en Galiza non había nada que facer e que o que cumpría seria adicarse á cultura galega e a "galeguizar" as forzas políticas españolas.Os segundos entendían que Galiza, como nación, tiña direito á sua soberanía e que o que cumpría era criar un corpo político (partidos, sindicatos, organizacions culturais, sociais...). Daquela, o debate político gañárono os segundos.

Unha das conclusións que se pode tirar daquel debate é que a día de hoxe, o nacionalismo existe en Galiza. Pode que para algúns sexa con pouca presencia, pero o que non se pode decir é que non existe. Se daquela o debate o gañaran os que non crían en Galiza como suxeito político hoxe non habería nengún debate para a configuración dunha candidatura nacional (por que non nacionalista?) unitaria, pola sinxela razón de que Galiza, como suxeito político, non existiría.

O que asina estas letras votou nacionalismo dende que pudo exercer o seu direito ao voto. Gostaríalle que seguise existindo ese espazo político (seguro que vai existir). Segurarmente as dúbidas que se plantexan se deben a tempos novos aos que un non está afeito. Daí que con toda probabilidade a estas alturas poderase aplicar aquela frase coa que escomenza o libro de Neira Vilas, Memorias de un neno  labrego: "Eu son Balbino, un rapaz de aldea, como quen di, un ninguén".

Comentarios