Opinión

A democracia do Partido Popular: silenciar voces críticas

Os partidos políticos de dereita (e tamén os social-demócratas) son especialistas en aproveitar calquera situación de crise (económica, social, política, sanitaria) para dar unha volta de torca mais para acadar unha sociedade submisa, obediente e que camiñe polo rogo marcado, como se fósemos bonecos e bonecas de corda. Para que deste xeito poidan impor con aparencia de democracia os seus intereses de clase. E mesmo son capaces de que a sociedade interiorice que o que fan é polo ben de todos e todas.

A Consellaría do medio rural da Xunta de Galiza está aproveitando a obriga que teñen as entidades e as asociacións de facer todas as súas xestións de modo telemático para ilegalizar a Organización Galega de Comunidades de Montes. A única entidade relacionada co monte veciñal que rexeita a política de montes do Partido Popular por ser unha política forestalista e ao servizo das empresas forestais e madeireiras.

Para poder funcionar de forma telemática é preciso que a entidade solicite o certificado dixital á Fábrica de moeda e timbre. Esta, para emitilo, esixe un certificado do rexistro correspondente de que teñen ao día a composición dos seus órganos de goberno. No caso dos montes veciñais é o rexistro xeral de montes veciñais, organismo administrativo dependente da Consellaría do medio rural .Esta Consellaría négase a emitir tal certificado, co cal condena a Organización Galega de Comunidades de Montes á ilegalización de facto, xa que non poderá actuar diante do aparello administrativo.

Con esta ilegalización de facto consegue expulsar esa organización de todos os organismos consultivos que, por ser a entidade máis representativa das comunidades de montes, está presente (consello forestal de Galiza, comité de defensa contra os lumes forestais, consello galego de economía social...). É dicir, usa unha artimaña burocrática para acadar o seu obxectivo político, silenciar unha organización que formula unha política de montes radicalmente distinta da política de montes que leva adiante o Partido Popular .

O intento do Partido Popular de ilegalizar a Organización Galega de Comunidades de Montes é unha manobra política e para iso non lle tembla a man (frase típica das mentalidades fascistas), para incumprir a lexislación vixente referente aos montes veciñais. Argumenta a Consellaría do medio rural para expulsar a Organización Galega de Comunidades de Montes, sen acto de audiencia, do rexistro xeral de montes veciñais, que no nome da organización non aparece a palabra mancomunidade, que é o que contempla a lei de montes veciñais, e que así llo ditou un informe xurídico. Un informe xurídico que non existe, xa que cando foi solicitado non apareceu .

Este argumento da Consellaría do medio rural é totalmente falso. A lei de montes veciñais, no que respecta ás mancomunidades, só di “que as comunidades de montes, para mellorar o seu traballo, poden macomunarse”. É dicir, traballar conxuntamente. Nada fala do ameto territorial que deben ter as mancomunidades. Xa que logo, se intención da Consellaría do medio rural de ilegalizar a Organización Galega de Comunidades de Montes non fose política, ben podía considerar que esta organización de comunidades é realmente unha mancomunidade de comunidades de montes de ameto galego. Mais, evidentemente, os tiros non van por aí.

Se cadra esta primeira intención do Partido Popular de silenciar voces críticas contra a súa política comeza polas comunidades de montes, sabendo da fraxilidade que teñen para dar conxuntamente unha resposta contundente a este feito antidemocrático da Consellaría do medio rural. Mais tamén, se cadra, cómpre lembrar aquel poema,atribuído a Bertolt Brecht que comezaba por “primeiro viñeron polos...,logo viñeron polos... e o final viñeron por min, mais non tiña ninguén con que falar”. Ou dito con outras palabras: ao Partido Popular válelle a democracia até o momento que lle vale.

Comentarios