Opinión

Demarcación marítimo-terrestre e montes veciñais

A resposta do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, diante da loita da veciñanza comuneira, por impedir a confiscación encuberta dos montes veciñais en man común nas zonas de demarcación marítimo-terrestre, amosa ou descoñecemento do que son os montes veciñais ou posición política para sacarlle estas terras á veciñanza comuneira que as xestiona democraticamente, non como entes administrativos senón como grupos sociais.

Para levar adiante esta confiscación encuberta dos montes veciñais en man común xustifícano no feito de que a Lei de Costas actualmente vixente (promulgada no ano 1989), indica que dentro das zonas de demarcación marítimo-terrestre non poden existir propiedades privadas. Os montes veciñais en man común, ademais de non ser titularidades privadas (son titularidades comunitarias) xa existían tamén por lei antes de promulgarse a Lei de Costas. Ademais de que esta lei conculca o concepto de imprescritibilidade que teñen os montes veciñais en man común e que mesmo está recollido na lei de montes do Estado.

As leis, valga a redundancia, son legais. As ditaduras, as tiranías, tamén se dotan de leis, e estas son legais. Cousa moi distinta é que sexan xustas e democráticas. As leis non son un camiño sen retorno. Pódense modificar democraticamente. Argumentar como argumenta o Ministerio do Goberno central, que a veciñanza comuneira nada pode facer diante desta confiscación das súas terras porque esta confiscación está contemplada na vixente Lei de Costas, non é unha actitude democrática.

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, tal maxestade bondadosa, “permitirá” á veciñanza comuneira xestionar estas parcelas de monte veciñal confiscado. Con esta argumentación o que está a facer o Ministerio do Goberno español é transformar, porque o manda el, os montes veciñais en montes comunais e, xa que logo, saltando o carácter de imprescritibilidade que teñen os montes veciñais por ser titularidades de carácter xermánico.

Ademais o Ministerio, como maxestade que manda, impón condicións a este permiso para que a veciñanza comuneira xestione o que sempre foron as súas terras. Non se poderá limitar o acceso a terceiros. Descoñece o Ministerio que historicamente os montes veciñais en man común foron espazos abertos. Que na actualidade, xestionadas pola veciñanza comuneira, seguen sendo espazos abertos. E así deberían seguir sendo no futuro. Cousa que acontecerá se os montes veciñais en man común continúan a ser titularidade de carácter comunitario. Se os inimigos do monte veciñal, tanto os que formulan a súa privatización como os que formulan a súa estatalización, acadan os seus obxectivos, os montes veciñais en man común deixarán de ser o que sempre foron, espazos abertos.

Nesta cuestión de confiscación dos montes veciñais nas zonas de demarcación marítimo-terrestre tamén amosa a súa pata. A súa pata negra. Non denuncia esta confiscación encuberta dos montes veciñais (no fondo ten plena coincidencia con esta postura). Limítase a laiarse de quen se encargará de limpar estes terreos .

Se a confiscación destas terras comunitarias se basearan só no descoñecemento do que son os montes veciñais, a solución sería doada. Bastaría con informarse. Mais a solución para esta cuestión é política. Consiste en modificar dous artigos de dúas normativas. O artigo 9 da Lei de Costas para que se inclúa que as terras comunitarias poidan existir como tales, coas hipotecas de uso que fose mester. E o artigo 388 do Código Civil para que se recoñezan os montes veciñais á par dos bens de dominio público e das propiedades particulares.

As cuestións políticas dependen da vontade política dos grupos políticos. E ás veces esta vontade política non nace de xeito ventureiro nos grupos políticos. Será cuestión da veciñanza comuneira espertar esta vontade política.

Comentarios