Opinión

Decreto de descarbonización do Goberno español: iniciemos un debate de país

O decreto de descarbonización do goberno español parte da filosofía de “quen paga, pode contaminar”. Polo tanto, o que fai no fondo é pintar de verde a explotación capitalista para que continúe explotando máis; iso si, con conciencia ecoloxista. Se cadra, para que poidan durmir sen remordementos. Estamos pois, diante desas cuestións que acaban por ser transversais. É dicer, aquelas que seguen beneficiando aos beneficiados de sempre e prexudicando aos prexudicados de sempre, pero sen que se note. Todos e todas somos verdes, xa que logo, non hai tema.

O decreto de descarbonización do goberno español, inmediatamente e no curto prazo, vai traer consecuencias negativas para as clases populares galegas. Moitos traballadores e moitas traballadoras ficaran sen traballo. A isto hai que engadirlle a pobreza das populacións dos concellos e zonas limítrofes onde están situadas estas industrias que pecharán. Cando o modelo de explotación capitalista se baseou na explotación dos recursos de xeito salvaxe, Galiza, nación sen soberanía, padeceu industrias de tipo colonial (extractivas e sen xerar valor engadido). Agora, a explotación capitalista cambia de modelo e Galiza, nación dependente, ten que padecer paro e desmantelamento industrial.

Como alternativa ao peche destas industrias, barállase a creación dunha central de biomasa para producir enerxía. É dicer, outra central de biomasa forestal dado que xa existe unha en Curtis. As defensoras e os defensores desta instalación alegan para tal fin que hai que aproveitar a masa forestal que hai nos montes galegos. Mais isto non é exactamente así. Para que estas dúas centrais sexan economicamente rendíbeis ,a biomasa forestal non pode ser a residual. As dúas centrais de biomasa teñen que ser fornecidas mediante os chamados cultivos enerxéticos (plantar arborada para cortar en quendas de 5/8 anos, e queimala). E ademais, para que estas centrais de biomasa forestal funcionen, todo o monte galego e mesmo algunhas terras máis, teñen que ser dedicadas á plantación de cultivos enerxéticos. Estaríase, xa que logo, a potenciar uns aproveitamentos dos montes agresivos medioambientalmente, puramente extractivos e que impedirán a posibilidade de acadar, xa non un monte multifuncional nin sequera un monte forestalmente diversificado.

O proxecto de descarbonización, no nacionalismo e nas organizacións sectoriais nacionalistas (ecoloxistas, agrarias, sindicais, sociais…), precisa un debate de País. Un debate sosegado, sen tabús. Un debate sen descualificacións apriorísticas que poña sobre a mesa todas as arestas do mesmo. Este debate é posíbel xa que, se ben as organizacións sectoriais nacionalistas teñen sensibilidades distintas, non son sensibilidades antagónicas. E non son antagónicas porque a todas as une un cimento: a defensa dos intereses do País e das súas maiorías sociais. Xa que logo, acadar un consenso non sería imposíbel.

Un debate de País no que se poña o tapete da mesa: a defensa dos postos de traballo e da riqueza que se vai perder coa aplicación do decreto de descarbonización, as empresas arriba indicadas, a defensa da terra, a loita contra o cambio climático. E dentro do debate haberá que decidir se se aposta polos cultivos enerxéticos ou polo aproveitamento da biomasa forestal residual primaria (podas naturais, árbores mortas) e secundaria (traballos de silvicultura, restos de cortas de madeira). Se se opta por macrocentrais de biomasa ou por pequenas centrais para subministrar enerxía en circuítos curtos.

Se cadra, para facilitar este debate de País, conviña partir dun suposto Galiza é xa unha nación soberana. Os galegos e as galegas temos a capacidade de decidir o noso presente e o noso futuro. Ben sei que isto é unha utopía. Mais, se non entendemos a utopía como o norte do noso camiño será mellor pechar a tenda. Se non levamos adiante este debate de País, ao mellor, teremos que dicer, a non tardar moito, aquela frase pesimista de “tarde piamos”.

Comentarios