Opinión

Unha data de referencia para a veciñanza comuneira

O pasado dia 22 de xaneiro tivo lugar no monte veciñal de Eirón, no concello de Mazaricos, a primeira celebración a nivel galego do día da loita da veciñanza comuneira na defensa dos montes veciñais, un acto organizado polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (Ingateco), pola Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) e polo concello de Mazaricos.

O acto conmemorativo tivo lugar no monte veciñal de Eirón, diante do monumento levantado o día 25 de xaneiro do ano 1998 polos veciños e veciñas da parroquia de Eirón e polo BNG, no que pode ler "Na memoria de José Esperante París morto por disparos da Garda Civil contra os veciños de Eirón que defendían o seu monte neste lugar". Dende o día 22 de xaneiro de 2022, este monumento, terá a compaña doutra placa que reza "22 de xaneiro: día da loita da veciñanza comuneira pola defensa dos montes veciñais".

As persoas asistentes a este acto conmemorativo cunha emoción que case cortaba o ar no monte veciñal da parroquia de Eirón escoitaron as palabras, tamén emocionadas, dun dos fillos de Jose Esperante París, Che de Pedro. Esta persoa lembrou que cando aconteceron os tráxicos sucesos contaba coa idade de 7 anos. Que cando na parroquia se espallou a nova de que a Garda Civil disparara contra os veciños e veciñas que estaban no monte veciñal defendendo a súas terras estaba na escola. Que subiu ao monte e que, cando chegou, ollou o seu pai tumbado no chan, brotando sangue do seu corpo e cuberto con toxos. Aínda non estaba morto mais si estaba ferido mortalmente polos disparos da Garda Civil.

Neste primeiro acto conmemorativo do día da loita da veciñanza comuneira pola defensa do monte veciñal, o presidente do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán, dixo unhas palabras acaídas. Dixo que a partir de hoxe temos que visualizar o día 22 de xaneiro no calendario. Que xa non será unha data máis. Será unha data importante todos os anos. Unha data testemuña e referente para a veciñanza comuneira, que tamén ten que contar coa complicidade do pobo galego. Que este camiño de defensa dos montes veciñais en man común hai que percorrelo xuntos e xuntas.

Os inimigos do monte veciñal, sectores capitalistas, especulativos e urbanísticos que buscan acaparar estas terras comunitarias, cambian de maña, mais non de obxectivo. Onte, como aconteceu no ano 1963 na parroquia de Eirón, no concello de Mazaricos, enviaban a Garda Civil a disparar contra a veciñanza para roubarlles os montes veciñais. Hoxe empregan métodos mais sutís. O roubo dos montes veciñais en man común fano a través de normativas (ordes, decretos, leis). Mais tanto onte coma hoxe, o cerne da resistencia da veciñanza comuneira para impedir o roubo dos montes veciñais ten que seguir sendo  a unidade das comunidades  de montes.

Se cadra é de bo fado para a veciñanza comuneira que o ano que se celebra por primeira vez a nivel galego o día da loita da veciñanza comuneira na defensa dos montes veciñais coincida co ano de celebración do VII Congreso Galego de Comunidades de Montes que ao mesmo tempo coincide con que hai 25 anos da celebración do I Congreso Galego de Comunidades de Montes. Tivo lugar no concello de Poio os días 24 e 25 de maio de 1997.

O VII Congreso Galego de Comunidades de Montes decorrerá os días 21 e 22 de maio de 2022 no concello de Moaña. Baixo o lema "25 anos na defensa dos intereses da veciñanza comuneira" desenvolveranse dous relatorios: "Defender o monte veciñal" e "Cara a unha valoración xeral do monte veciñal".

Comentarios