Opinión

Os chuzos contra o monte veciñal non cesan

Fica fóra de toda dúbida que para o Partido Popular a existencia do monte veciñal (un ben fóra do trasfego do comercio) e as comunidades de montes (democracia asemblearia) son un problema que paso a paso, como unha volta de torca máis, tentan eliminar por todos o xeitos. Mesmo eliminar a súa escrita. Nestes intres, en toda a documentación que sae dos organismos da Xunta de Galiza competente ou relacionada co monte veciñal non fala de comunidades de montes. Falan de comunidades rurais. En Galiza as comunidades rurais teñen un nome, son comunidades de montes. Certamente que no medio rural hai outras agrupacións sociais. Mais neste medio, as mais existentes, con diversos grados de organización, son as comunidades de monte. Pensa o Partido Popular que varrendo o nome das comunidades de montes dos escritos estas desaparecerán.

No ano que andamos, ano da pandemia do coronavirus, deuse unha moratoria de até o 31 de novembro para todas aquelas entidades ou organizacións que tiñan que ter aprobadas, nos seus órganos de goberno, as súas contas antes do 30 de xuño. As medidas tomadas para combater o coronavirus dificultaron, cando non impediron, que as comunidades de montes puidesen realizar as súas asembleas xerais para aprobar as contas. Consultada a Consellaría do medio rural se as comunidades de montes poderían acollerse a esta moratoria, esta contestou que non, que se esqueceran de introducilas como beneficiarias de tal moratoria. Curioso esquecemento da mesma consellaría que modifica a lei de montes veciñais para que poidan ser declarados montes veciñais en estado de abandono e, xa que logo, entregalos de balde as empresas forestais e madeireiras se as comunidades de montes non cumpren os preceptos legais que lle corresponden. A realización dunha asemblea xeral ordinaria anual é unha obriga legal das comunidades de montes. Para combater as comunidades de montes, para o Partido Popular o fin xustifica os medios.

Para poder solicitar axudas e subvencións as comunidades de montes teñen que aprobalas en asemblea xeral. Como se dixo antes, a pandemia do coronavirus dificultou e mesmo impediu o desenvolvemento das asembleas xerais das comunidades de montes. Xa que logo, non teñen estes acordos asemblearios e, consecuentemente, non poderán solicitar as axudas e subvencións que poidan saír no vindeiro ano (o estado de alarma vai durar, cando menos, até o mes de marzo, e as principais axudas ás que poden acollerse os montes veciñais saen normalmente os dous primeiros meses do ano). Para amañar esta situación “especial”, a Organización galega de comunidade de montes veciñais en man común solicitou de Dirección xeral de ordenación e planificación forestal que, namentres durase esta situación especial, valesen para solicitar axudas e subvencións os acordos das xuntas reitoras das comunidades de montes. Non hai que ter moitas dotes de adiviño para saber cal vai ser a resposta da Dirección Xeral de planificación e ordenación forestal. O silencio administrativo. Aproveitaran esta situación para impedir a posta en valor dos montes veciñais, para meter na súa saca un chanzo máis para conseguir o seu obxectivo, que non e outro que privatizar estas terras comunitarias.

Os chuzos contra os montes veciñais en man común chegan mesmo ao esperpento. Meses atrás, a Seguridade Social, na provincia de Pontevedra, negoulle a unha persoa o ingreso mínimo vital porque na Axencia Tributaria esta persoa figuraba como administradora dunha sociedade mercantil. O que en realidade era esa persoa era presidente dunha comunidade de montes. Mais como o Partido Popular, co aplauso de asociacións forestais que existen no país, para cobrar impostos ás comunidades de montes equiparounas a empresas mercantís. Explícalle ti aos funcionarios e funcionarias españois que as comunidades de montes e as sociedades mercantís son entidades diametralmente distintas e que por lei os cargos das comunidades de montes son honoríficos e gratuítos.

E todo isto, falando só de política, digamos, menos. Se falamos de gran política (leis ,decretos, ordes), son os mesmos pero de máis intensidade. Agora ben, que saiban os inimigos do monte veciñal e das comunidades de montes que nunca choveu que non escampara.

Comentarios